O Camiño primitivo pasa xusto por diante da igrexa de Merlán (foto 1) pero, pola excesiva altura dos nichos do camposanto que o rodea, a fachada non se ve dende o Camiño.
A igrexa era románica na súa orixe, de finais do século XII, pero foi reformada no século XVI. Nesta reforma perdeu a súa fachada orixinal e parte das paredes laterais, e foille engadido o pórtico. Na reconstrución da fachada foron reempregadas pezas da estrutura románica, un exemplo diso son os perpiaños con bolas que a adornan (foto 2) ou algunhas das columnas do pórtico que comparten espazo coa pía bautismal románica (foto 3).
Do edificio, chama a atención a decoración do lintel da porta lateral (fotos 4). Segundo Jaime Delgado a “cruz feita con entrelazos” representaría simbolicamente a Cristo flanqueado por dúas pequenas árbores “evocadoras tradicionais de ambientes paradisíacos”, e dicir, a árbore da vida.
Como remate, vale a pena ollar a ábsida cadrada que coroa a igrexa (foto 5, 6 e 7) que conserva os seus canzorros e unha fermosa fiestra.
Detalles do exterior da igrexa.
Km. 70,021
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.
2 comentarios:
Hola bos días, de antemán, é verdade hai que ser de fora para ver as cousas. Nunca me fixara que na casa Santalla,eran o mesmo arbore que o da nosa igrexa. Estou lendo o teu blog e encantame. A verdade non so disto, se non de máis cousas de Palas de Rei que non sabia. Voulle mandar ahora un correo con fotos.
Ola Paula.
Moitas grazas polo teu comentario. Teño totalmente abandonado este blog, por iso non vin o teu comentario ata agora.
Non me chegaron as fotos das que falas, se queres volver mandalas...
Aperta.
Publicar un comentario