viernes, 29 de enero de 2010

A aldea de Eirexe de Covelo















































































A parroquia de San Xoán de Covelo está situada no estremo sur leste do concello de palas de Rei. Debido a xeoloxía propia desta zona (pasa ó mesmo coa aldea de Marzán de Monterroso), as construcións están feitas con pedras esquistosa, en lugar do típico granito que impera no resto da comarca, e os tellados son de lousa en lugar de ser de tella.
A parroquia está formada por 12 aldeas e unha de elas e Eirexe, que como ven di o seu nome, e o lugar onde se atopa a igrexa, da que falei fai uns días.
A aldea de Eirexe está formada por cinco casa mais a igrexa, pero na actualidade só unha delas está habitada, non sei se ese é o factor que fai que a aldea conserve, sen apenas cambios, a súa arquitectura popular, dende logo precisamente iso é o que lle da maxia deste recanto.


Detalles da arquitectura de Eirexe.
Eirexe de Covelo.
San Xoán de Covelo.
Palas de Rei

Atravesa o espello cara A Outra Ulloa


martes, 26 de enero de 2010

A Igrexa de San Xoán de Covelo































































Fai unha semana cheguei por primeira vez a Eirexe de Covelo. Nunca antes estivera nesta aldea porque, como me dixo unha das tres persoas que aínda viven alí "Estamos ben escondidos".

A aldea está formada por cinco casas e a igrexa, igrexa da que nunca escoitara falar e que foi toda unha sorpresa.
Non é de orixe románica e non aparece, polo tanto, en ningún dos inventarios que acostumo a consultar, sen embargo so con botarlle unha pequena ollada queda claro que hai pezas dunha construción anterior que foron reempregadas nesta, como o canzorro da última foto.
O edificio ten adxunto un pórtico ó que se acede por unha porta en arco (foto 3). Unha vez atravesado o arco topamos de fronte coa porta principal da igrexa (foto 1). A gran sorpresa foi ver a macro-inscrición que contén unha das pezas desta porta (foto 2), digo macro-incrición porque non coñezo na Ulloa outra tan longa nin tan grande en tamaño.

Levo toda a semana buscando información sobre a igrexa e a inscrición pero non atopei nada. Sería moi interesante saber que din esas cinco liñas, pero eu non teño nin idea de epigrafía, así que dende aquí fago unha chamada a quen coñeza ou poida facer a transcrición para pedirlle que, por favor, mo faga saber para enviarlle a información que necesite.


Detalle da igrexa.
Eirexe de Covelo.
San Xoán de Covelo.
Palas de Rei.


Atravesa o espello cara A Outra Ulloa



viernes, 22 de enero de 2010

Historia dunha fotografía

















"Historia dunha fotografía" é o nome do proxecto de recuperación da nosa historia, a través das fotografías antigas que os alumnos de 1º de BAC do IES de Monterroso aportan. Carlos Seara, o profesor de Historia, leva xa dous cursos coordinando este traballo.
Descubrín o proxecto fai un mes, cando de casualidade atopei o blog da biblioteca do centro "A Vacaloura", pois é neste blog onde as fotografías e o texto que cada alumno escribe en relación coa imaxe, mostrase portas afora do IES. Así descubrín, por exemplo, unha foto do desfile de coches no San Cristovo de Antas de Ulla do ano 1964, a fotografía dun xerador eléctrico do ano 1967 enganchado a un motor dunha máquina de mallar para dar luz nunha voda, ou a foto dunha malla, na que despois de preguntarlle a Paula (a autora do texto que acompaña a foto), descubrín que, probablemente a persoa que está metendo o pan na máquina é o meu avó Manuel.

Dende aquí, quero darlles o meu apoio a estas rapazas e rapaces e agradecerlles que compartan con nos as súas imaxes do pasado e as súas historias. Gracias tamén a Paula e a Carlos Seara por ter a amabilidade de contestar ás miñas preguntas. Espero que podamos seguir disfrutando deste valente traballo nos próximos cursos.
Quero tamén dende aquí invitaros a todos a entrar no blogue da biblioteca "A Vacaloura" e lles deixedes o voso comentario.



Como non podo sacar ningunha fotografía do traballo "Historia dunha fotografía" aquí, decidín tirar da miña propia historia e sacar unha das miñas fotografías antigas.
Esa fotografía foi sacada no ano 1956 en Castro de Amarante. O que está ó mando da máquina é o meu avó Manuel e o da súa esquerda é o seu irmán Emilio, entre as mulleres (espelida como é ela) a miña tía Teresa. Esta foto reflexa tódolos traballos da malla, ata aparece o neno encima do palleiro, porque no palleiro sempre había un neno encima, de feito ata eu estiven encima dun na única malla que participei alá polo setentae...



martes, 19 de enero de 2010

Os ulloáns mortos nos campos de exterminio nazi

















Seguín estes día a buscar datos sobre os mortos da Ulloa na Guerra Civil. Primeiro atopei este datos:

Jesús Quinteiro Quinta.
39 anos, labrego.
Natural de Antas de Ulla e veciño de Areas, Antas de Ulla.
Desertor do exercito golpista.
Morto o 25 de outubro de 1940.
Xulgado en Lugo por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte.
Executado.

Angel Varela Freijeiro
35 anos, mineiro.
Natural de Palas de Rei e veciño de Vieiro, Viveiro.
Morto o 17 de decembro de 1936
Xulgado por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte.
Executado.


Pero o terceiro ulloán que atopei no listado de Nomes e Voces sorprendeume. Era o seguinte:

Agustín Souto Millares
Natural de Palas de Rei.
Morto o 9 de decembro de 1941 no campo de concentración de Gusen (Austria)

Sorprendeume saber que tamén houbo xente da Ulloa nos campos de concentración. Nin sequera sabía que Gusen era o "matadeiro" de Mauthausen, situado soamente a 3 quilómetros deste.
Seguín tirando do fío e buscando mais datos e atopei mais:

José Cañeda Macía
Natural de Vilar de Donas, Palas de Rei
Non se coñece a data de nacemento.
É trasladado de Mauthausen ó comando de Gusen onde morre o 7 de xaneiro de 1942.

Eliberto Fernández Cid
Natural de Augas Santas, Palas de Rei.
Sen data de nacemento coñecida.
Trasladado a Mauthausen e posteriormente ó campo de Dachau (Alemania) onde morre o 8 de novembro de 1941


Semella que estes mortos dos campos de concentración non tivesen que ver ca Guerra Civil pero non é así. Mais de 8.000 españois acabaron nos campos nazis, a maioría eran exiliados republicanos, vivían en Francia e loitaron xunto cos franceses contra a ocupación nazi na II Guerra Mundial, o ser apresados acabaron en Mauthausen. Outros, foron deportados dende os campos de refuxiados españois que existían en Francia. Fose como fose, nos tamén sufrimos os campos de concentración do nazismo co beneplácito do goberno de Franco, quen (na reunión de Hendaya) afirmou que os refuxiados españois non eran de España, dándolle carta branca os nazis para que fixeran con eles o que lles petara.



Fotografía ("Españois en Mauthausen") de Francisco Boix (fotografo catalán preso en Mauthausen, único español que declarou no xuízo de Nuremberg e as súas fotografías foron presentadas como probas). Podes ler aquí a declaración de Boix no xuizo traducida o castelán.



jueves, 14 de enero de 2010

Os "paseados" na Ulloa
































Coñecese polo nome de "paseados" as persoas liberais, esquerdistas, masóns ou "ausentes de misa" (ou sospeitosos de selos) que os grupos falanxistas transportaban nos seus vehículos ata lugares as beiras das estradas onde os remataban a tiros.
Lendo o libro de Curuxás, atopei un anaco no que di: "Moi ben logo de chegar, Varela [refírese a Curuxás] é informado de que o seu protector, Xosé Ouro Arias, Ouro de Leilón, o notario de Palas de Rei, tamén andaba fuxido desde o 14 de agosto de 1936. Data na que, a carón da aldea de Saa, Palas de rei, apareceran os cadáveres de dous homes (que resultaron ser os do pintor Camilo Díaz Baliño e o seu compañeiro Sixto Aguirre), asasinados por falanxistas dos concellos de Arzúa e Santiago. Secuaces doutros fascistas dos concellos de Palas de Rei e Antas de Ulla". Despois lembrei o monolito que hai na estrada que vai de Palas a Melide (fotos 1 e 2) que foi erguido alí o pasado día 14 de agosto do 2008, na memoria destes dous homes.

Segundo os datos, que a día de hoxe, o proxecto Nomes e voces (formado polas tres Universidades Galegas e a Xunta de Galicia) ten expostos na súa web, na Ulloa houbo tres "paseados", e estes son:

Alejandro López y López, de 24 anos e labrego. Natural de Paradela (Lugo) e veciño de Espiño (Paradela-Lugo). Apareceu morto o 11 de agosto do 1936 na estrada de Rubián a Palas de Rei en Remesar.

Sixto Aguirre Guarin, de 31 anos e médico. Natural de Rianxo (A Coruña) e veciño de Santiago de Compostela. Apareceu morto 0 14 de agosto de 1936 na estrada de Palas de Rei a Melide no lugar de Saa.

Camilo Díaz Baliño, de 45 anos e artista. Natural de ferrol e veciño de Santiago de Compostela. Apareceu morto xunto a Sixto Aguirre. Dicir que Camilo e o pai de Isaac Díaz Pardo.

Segundo os datos de Nomes e voces non houbo paseados ulloans, pero non revisei os datos dos fusilados, onde supoño que si haberá nomes da Ulloa.


En recordo dos homes e mulleres da Ulloa mortos, encarcelados, represariados e perseguidos pola ditadura franquista van estas palabras.


Detalles do monolito en recordo os "paseados" Camilo Díaz e Sixto Aguirre.
Saa.
Parroquia de San Pedro de Meixide.
Palas de Rei



martes, 12 de enero de 2010

Curuxás e a guerrilla antifranquista na Ulloa










































Durante estes días de Nadal estiven lendo o libro de Carlos Parrado "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco". Este libro fala da vida de Ramón Rodríguez Varela, coñecido polo alcume de Curuxás, pero tamén relata a actividade e as accións desenvolvidas polo grupo da guerrilla do Alto Ulla dende o final da guerra civil ata a morte, en 1946, do seu último xefe: Benedicto Fuentes Díaz "Foucellas".

Ramón Rodríguez Varela,"Curuxás", naceu no 1905 en Vilamor (Toques), pero con 11 anos os seus pais múdanse a Pambre para traballar como caseiros na propiedade do castelo de Pambre. Os 18 anos vai cos seus pais a aldea de Curuxás ( a escasos 3 quilómetros ó nordeste de Palas) e e deste lugar de onde lle ven o seu alcume.
Con 23 anos casa en Vilareda (Palas de Rei) con Marcelina Costa, natural de San Xiao do Camiño. Para manter a crecente familia traballa de canteiro, peón, carpinteiro, encofrador e, no 1934, de mineiro nas minas de San Finx, no concello de Lousame (A Coruña) onde se afilia o Sindicato Mineiro de Lousame adscrito a CNT. Nesas minas traballaba en xullo de 1936 e dende os primeiros momentos forma parte da resistencia ó golpe de estado que da paso a Guerra Civil. En abril do 37 volta A Ulloa, á casa de San Xiao do Camiño.
A finais de maio do 37 e declarado en rebeldía por non comparecer no Xulgado de Noia por un delito de roubo (na mina de San Finx) e posesión de armas.
Vive con relativa normalidade en San Xiao ata marzo do 38, cando un continxente de garda civís de Melide, Monterroso, Palas de Rei, Taboada e Antas de Ulla, reforzado con falanxistas destas poboacións, intentan sorprendelo antes da saída do día, na súa casa. Curuxás logra fuxir e así empeza o seu tempo de fuxido e a súa lenda.

A Curuxás nunca lograron prendelo (por mais que o intentaron en moitas ocasión) en parte porque era axudado e protexido polos seus veciños, en parte porque a garda civil non tiña ningunha fotografía súa para identificalo. Viviu acubillado na casa de familiares, amigos, protectores e na súa propia ata a súa morte en maio de 1967. Morreu de hemoptise (enfermidade pulmonar derivada do seu traballo nas minas) na casa dun veciño de Irago de Abaixo (Toques), o pé dos montes do Careón. Este veciño, xunto con outros colaboradores de Curuxás, decidiron cruzar o monte co cadáver co fin de deixalo na Ulloa e que así fosen as autoridades de Lugo quenes levasen as dilixencias. O caso foi que, entre os 120 quilos do morto e a choiva do día anterior, acabou o pé dun camiño a escasos quilómetros do lugar onde morreu.

Como xa dixen, este libro non so conta a vida de Curuxás. Nas súas páxinas tamén aparecen outros personaxes (roxos e fascistas) da Ulloa: José Ouro Arias "Ouro de Leilón", Alfonso de Xeré, Jesús Pacín Rodríguez "o Roxo de Cabana", Antonio Mera, Cesáreo Bermejo "de Santa Mariña," Verísimo García López "Verísimo de Barreiro", Constantino Grandío "o médico de Palas"... e moita outra xente que coa súa testemuña axudou a Carlos Parrado a deixar escrito un anaco da nosa historia recente.


Portada do libro na que aparece unha fotografía de Curuxas morto sobre un carro de vacas.
Única fotografía que se conserva de Curuxas vivo sacada do libro.