lunes, 30 de agosto de 2010

O Camiño francés na Ulloa (12)





















O Carballal (fotos 1 e 2) é a primeira aldea que se atopa o saír de Palas de Rei. Como en todas as nosas aldeas, a singularidade da arquitectura tradicional están presentes en todos os recunchos, e case late con mais forza nos lugares xa deshabitados.
A partires do Carballal, o Camiño francés comeza o seu treito mais fermoso dentro da Ulloa. Dende o km. 63,5 ata case chegar ao límite coa provincia da Coruña, no km. 57, o Camiño descorre por corredoiras dunha frondosidade singular. Carreiros de terra, nos que o asfalto só aparece nos pequenos treitos nos que se atravesa aldeas.
Unha proba da beleza da que falo é A Lagoa (foto 4), cando pasei por este lugar tiven a sorte de poder estar observando durante varios minutos como un mergullón buscaba a súa comida. O Camiño bordea as augas polo seu perímetro sur por uns senlleiros pasares de granito (foto 5).

Detalles do camiño entre os km 64 e 63
Parroquia de San Sebastián do Carballal.
Palas de Rei.

jueves, 26 de agosto de 2010

O Camiño francés na Ulloa (11)


























































































De Palas sáese pola Travesía do peregrino cara a Aldea de Abaixo (foto 1) e non deixa de ser curioso que un núcleo xenuinamente rural (fotos 2 e 3) perdure a tan só un cento de metros da vila.
O Camiño volve a cruzar a estrada nacional e xa nas últimas casas da Aldea de Abaixo atópase unha escultura homenaxe os peregrinos (foto 4) feita polo escultor palense José Antonio Novo.
A verdade que neste pequeno tramo do Camiño o que mais me chamou a atención non foron nin os hórreos da Aldea de Abaixo, nin a escultura dos peregrinos senón un pequeno banco (foto 5) que un veciño colocou diante da súa casa e na beira do Camiño. O banco non tería nada de particular de non ser polo letreiro que lle puxeron enriba (foto 6)

Detalles do camiño entre os km. 65 e 64
Parroquia de Palas de Rei.
Palas de Rei.

lunes, 23 de agosto de 2010

O Camiño francés na Ulloa (10)










































































Preto do pavillón de peregrinos dos Chacotes está o marco do km. 66 que anuncia a entrada en Palas de Rei. Como é lóxico, o camiño pasa pola igrexa parroquial de San Tirso que, aínda que data de finais do século XII, da súa orixe románica so conserva a entrada principal (foto 2) que foi respectada a pesares das continuas reformas que sufriu o templo.
No exterior da igrexa atopase o cruceiro (foto 3), que ten a peculiaridade de ser un cruceiro-esmoleiro, é dicir, na súa base (foto 4) hai un burato feito na pedra a modo de caixón para as esmolas. É unha mágoa que non conserve o ferro que faría as veces de tapa, pero aínda se poden ver restos dos ancoraxes que a amarraban. Os cruceiros-esmoleiros non deben confundirse cos petos de ánimas. Os dous teñen caixón para as esmolas pero o peto sempre vai acompañado dunha referencia as ánimas (escrita ou en imaxes) e o esmoleiro non. Sobre este tema vale a pena ler o libro de Estanislao Fernández de la Cigoña “Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo”, no que ademais faise mención a este cruceiro-esmoleiro de Palas de Rei.
Xusto no centro do pobo de Palas de Rei atopase o albergue municipal, que foi aberto no 1993 (recordo esta data porque eu fixen o camiño en maio dese ano e daquela estaban en obras pero aínda non funcionaba), e moito mais pequeno co dos Chacotes, so ten 60 prazas, pero a avantaxe de estar no centro do pobo.


Detalles do camiño entre os km. 66 e 65
Parroquia de Palas de Rei.
Palas de Rei.

jueves, 19 de agosto de 2010

O camiño francés na Ulloa (9)












Din que o Alto do Rosario (foto 1) ten ese nome porque dende alí comezaba o peregrino a rezar o rosario para preparar a súa entrada en Palas de Rei, lugar no que, segundo o Códice Calixtinus, comezaba a última etapa do Camiño de Santiago. (¡Quen vería os peregrinos de hoxe facer 65 km. nun día e de última etapa!)

Camiñamos xa entre agros e hortas que falan da proximidade da aldea ata chegar ó albergue de Os Chacotes, un pavillón que foi aberto o ano 2007 e que ten prazas para 112 persoas. O seu carón atopase a oficina de atención o peregrino, na que non puiden entrar porque estaba pechada, e non entendo moi ben porqué, pois o horario é de 10:00h. a 14:00h. e de 17:00 a 20:00 e aínda non eran as sete.


Detalles do camiño entre os km 67,5 a 66
Parroquia de Palas de Rei.
Palas de Rei.

domingo, 8 de agosto de 2010

O Camiño francés na Ulloa (8)
































Cando unha chega o marco do km. 69 (foto 1) dalle a risa. En todo o que levamos de camiño non vin un fito con tanto garabato escrito e, quédame ben claro, que o sentido erótico-popular deste número é universal, a proba está nos distintos idiomas que alí se ven.
Da gusto camiñar vendo como a paisaxe cambia segundo onde te atopes. Preto das aldeas as árbores dan paso os prados e ós campos traballados(foto 2). Chegamos así Á Brea, onde os donos do mesón que hai alí tiveron o detalle de poñer un xeitoso alpendre(foto 3) a modo de terraza que os peregrinos empregan para descansar. Alí aprendín que agora hai moito coreano facendo o Camiño dende que unha moza, coreana, publicou un libro sobre a súa experiencia como peregrina. Quedoume claro que lles gusta deixar pintadas no sitios mais raros (foto 4).

Seguimos de camiño a Lamelas (fotos 5 e 6).¿Será porque as corredoiras teñen lama?. Sempre baixo a mirada dos carballos.


Detalles do camiño entre os km. 70 a 67,5
Parroquia de Lestedo. (Palas de Rei)

miércoles, 4 de agosto de 2010

O Camiño francés na Ulloa (7)





























































































A pesares de ser camiño asfaltado, a saída de Eirexe (foto 1) ten o seu aquel: carballos e bídalos flanquean os seus lados.
A case dous quilómetros de Eirexe, xa dentro do concello de Palas de Rei, atópase Portos (km. 70,8). Neste lugar un cartel informativo (foto 2)explica ós peregrinos a ruta que deben seguir se queren desviarse ata Vilar de Donas. Dende este lugar á igrexa hai 2,2 km. que ben vale a pena andar se o camiñante é amante da arte.
Medio quilómetro mais adiante de Portos está a aldea de Lestedo. Aquí non hai carteis así que voume quedando co que mais me chama a atención. Varias casas teñen unha fermosas ferraxes nas portas. Quédome unha das manillas das portadas (foto 3) porque curiosamente non ten adorno ningún nin data (cousa que sucede en outras portas da Ulloa) pero nela pódese ler o nome do dono da casa.
No medio da aldea hai unha fonte, supoño que a peza de pedra que recolle a auga é un sartego, pero tamén podería ser un bacío.
Ó saír da aldea, a man esquerda está a igrexa, sen nada que destacar do seu exterior (non vin o interior porque estaba pechada). O que mais me gustou foron as ferraxes da porta que da paso o recinto da igrexa e o camposanto.

Seguimos camiñando baixo a mirada dos carballos que hai na beira da estrada.


Detalles do camiño entre os km.72,5 e 70
Parroquia de Ligonde (Monterroso)
Parroquia de Lestedo (Palas de Rei)