O Camiño Primitivo é a ruta xacobea que une a catedral de Oviedo coa catedral de Santiago, e aínda que hai xente que o confunde, non ten nada que ver co Camiño do Norte (que é a ruta xacobea que entra en España por Irún e achégase a Santiago percorrendo a costa cantábrica e atravesando Lugo pola terra Chá cara a Sobrado dos Monxes e uníndose ó Francés en Arzúa).
Ten a súa orixe na viaxe que, no século IX, o rei Alfonso II fixo dende Oviedo, capital do reino cristiá nesta data, cara Iria Flavia, ó entérarse do descubrimento da tumba do Apóstolo. Esta ruta é, polo tanto, o camiño de peregrinación xacobea mais antigo, motivo polo que recibe o nome de Primitivo. No seu percorrido pasa por Tineo e a comarca de Oscos para entrar en Galicia polos montes da Fonsagrada. Pasa por Lugo capital e diríxese Á Ulloa empregando parte da antiga calzada romana. En Melide únese ó Camiño Francés.
Esta ruta non está catalogada como Patrimonio da Humanidade, como si pasa co Camiño Francés, polo que está menos promocionada e coidada por parte das administracións públicas. Este descoido fai que o Primitivo teña deficiencias moi graves derivadas da falta de vixilancia, penso que non se pode deixar que impunemente sexa cortado o seu percorrido por plantacións que non respectan a senda de paso, pero desto xa falarei.
O tramo do Camiño Primitivo que atravesa a Ulloa polo norte do Concello de Palas de Rei ten unha lonxitude de case 13 km. Como non hai moitos mapas detallados do percorrido pedinlle permiso a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo para poder empregar os seus, mapas que podedes ver na súa páxina web www.lugocamino.com con todo luxo de detalles. O que vedes enriba é parte de dous dos seus mapas unidos nun só para que así podades ver xunto todo o percorrido que o Primitivo fai dentro da Ulloa.
Nas fotografías primeiro e último marco do Camiño Primitivo dentro da Ulloa que marcan, respectivamente o km. 78,027 e ó 65,224.
Xende, km. 65,224.
Hospital das Seixas, km. 78,027.
Palas de Rei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario