A Leboreira (foto 1) é a primeira aldea da parroquia de Augas Santas pola que atravesa o Camiño e ten, na última casa unha curiosa mostra de etnografía que podedes ver na Outra Ulloa. En San Xurxo está a igrexa parroquial de Augas Santas que, en contra do que sería a regra, non é románica. De feito esta igrexa foi feita no século XVI e, segundo o meu criterio, nada ten de destacable, pero claro, é que na parroquia anterior está a igrexa de San Martiño de Ferreira e na seguinte a de San Salvador de Merlán e calquera delas teñen elementos arquitectónicos especialmente sobresaíntes, despois chegas a aquí…e non souben nin a que facerlle foto.
O pasar San Xurxo está Montecelo. É curioso ver como é, nesta parroquia, a partires de onde os tellados das casas con arquitectura tradicional comezan a mesturar a tella coa lousa (fotos 2 e 3), empregándose esta última na primeira liña do tellado. Algo que tamén me chamou a atención en Montecelo foi un pequeno bebedeiro (foto 4)que hai a carón do camiño. Polo tamaño e a pouca profundidade diría que non é o típico sartego que se emprega para esa labor como pasa noutros moitos lugares da Ulloa, pero tampouco me parece unha pía para o gando. O caso é que o conxunto é fermoso e que ten o engadido de ser empregado para afiar coitelos e ferramentas, como deixa ben claro a presenza da pedra colocada xunto ó fío da auga.
A travesía dende Montecelo a Merlán é especialmente fermosa e nela comézanse a ver o lonxe o Castro das Seixas e os Penedos do Hospital (foto 5), aínda así, tanto a favor sempre ten os seus contras e nese punto está un dos lugares máis enlodados do Camiño Primitivo na Ulloa (foto 6).
Detalles do Camiño entre o km. 72,543 e o km. 70,021
Parroquia de Augas Santas.
Palas de Rei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario