miércoles, 27 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulla (12): O albergue das Seixas









O saír de Merlán, dende o Camiño, vese ó lonxe a serra do Careón coa cima cuberta de muíños (foto 1), e ó pouco de botar a andar chegamos a aldea das Seixas. Unha das casas da aldea, sobre a porta de entrada, ten un curioso adorno (foto 2) feito con cemento ou cal, non se aprecia ben con que porque está pintado de cor amarelo. É curioso porque o autor, ademais de deixar constancia da data que supoño será a da construción da casa, emprega o motivo das árbores do paraíso da porta lateral da igrexa de Merlán.

Cando fixemos o Camiño Primitivo era finais de xuño e aínda non estaba aberto o albergue público das Seixas que foi inaugurado o 27 de xullo. Como non tiña fotos del fun onte ata alí e a encargada do albergue, Mari Fe das Seixas, con grande amabilidade ensinoumo.

O albergue foi feito nunha antiga casa de labranza rehabilitada (foto 3) na que se conservaron os elementos da arquitectura tradicional. Na fachada principal pódense ver dúas fermosas bufardas de cantería (foto 4), a estas pezas, que tiñan o labor de facer de respiros para as antigas cortes, foilles posto un cristal para poder manter illado o interior. Na parte dereita da casa consérvase o forno (foto 5) e no interior, no que era a cociña de lareira (foto 6), aínda que non se conserva a cambota vese no chan a pedra da cociña e na parede quedou o descuberto a cheminea e unha lacena. No piso baixo tamén están a cociña, o comedor, os baños e un cuarto adaptado para persoas que precisen de cadeira de rodas. No piso alto hai dous cuartos, un con praza para 28 persoas (foto 7) e outro con seis prazas.

Quero aproveitar para agradecerlle a Mari Fe todas as súas explicacións e o bo rato que me fixo pasar na súa compañía. A verdade e que xa lera sobre ela moi boas opinións que os peregrinos deixan na rede e todas son merecidas.


Detalles do Camiño entre o Km. 70,021 e o km. 68,826
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

No hay comentarios: