Mostrando entradas con la etiqueta Petroglifos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Petroglifos. Mostrar todas las entradas

sábado, 25 de julio de 2009

A Rega do coello
































Preto do depósito de auga e visible dende As Penas Solteiras está o lugar coñecido como A Rega do coello, zona de bo granito de onde noutro tempo saíu moita pedra.
Nunha desa pequenas pedras que quedaron no monte, a carón doutras pedras rachadas, hai un gravado circular duns 50 cm de diámetro. Esta pedra faría a número 35, é dicir, na parte baixa do Farelo, dentro do concello de Antas de Ulla, hai 35 penas con gravados rupestres das que 27 delas teñen figuras con combinacións circulares. Se pensamos que na parte do monte que pertence ó concello de Agolada hai tantos ou mais que Antas, e tomamos nota de que no concello de Rodeiro estanse a atopar mais; a importancia da Serra do Farelo como referente dos petroglifos da Galicia interior é aínda mais que evidente.
Hai moitas preguntas no aire: ¿Por que aínda na Ulloa non se atoparon gravados con armas cando si os hai do outro lado do monte? Si a Uceira da Somoza dentro de 20 anos será un piñeiral ¿que hai dentro da actual repoboación? Si os petroglifos marcan vías de tránsito ¿por onde segue a vía que uniría Penas Solteiras cos gravados do Monte de Facha e Borraxeiros? ¿e como se une iso cos de Cabana, xa no concello de Palas de Rei?
O tempo traerá respostas, seguro.

Detalles da pena da Rega do coello.
Monte de San Martiño de Amarante.
San Martiño de Amarante.
Antas de Ulla.

viernes, 24 de julio de 2009

As Penas Solteiras: Grupos I e II










































































As Penas Solteiras están formadas por un conxunto de grandes rochas situadas na parte traseira do antigo vertedoiro de Antas de Ulla (hoxe en día inutilizado).

Nesta zona atópanse dos grupos con gravados circulares. No primeiro deles (foto 1) pódense ver tres figuras circulares e varias cazoletas e nel volve a repetirse o motivo dos trévores de Chaos (foto 2 e 3). Chama tamén a atención a figura circular rematada con outra combinación en de círculos na súa parte final, desgraciadamente este apéndice está moi erosionado é perdido por culpa dos frecuentes incendios que se daban nesta zona cando o vertedoiro esta en activo.
O segundo grupo (foto 4) está formado por dúas figuras circulares, ven visibles tanto polo seu tamaño como por estar nunha rocha lixeiramente inclinada e sen vexetación o seu carón. A figura mais grande está próxima os 60 cm e a outra, aínda que a parte circular ten mais perdidos os seus aneis, remata nun apéndice dobre o estilo da figura 6 de Pena de Chaos.


Detalles dos grupo I e II das Penas Solteiras.
Monte de San Martiño.
San Martiño de Amarante
Antas de Ulla.

jueves, 23 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: outras penas da Uceira












































































Como remate a todo o escrito sobre A Uceira da Somoza quero deixar constancia de que nesa zona hai outras penas sen gravados circulares pero sí con conxuntos de cazoletas.
Próximas a E11 atópanse pequenas rochas como as que tedes nas fotografías 1 e 2. Xa na zona do Castro da Somoza, camiñando dende a Pena da Liñaza cara el, pódese ver (se a luz o permite) restos case desaparecidos de figuras circulares (foto 3) ademais de cruces e marcas de canteiro. Xusto á pe da muralla oeste do Castro hai mais penas con cazoletas (foto 4), e o mellor de todo, incluso dentro do castro (no antecastro para ser mais exactos) segue habendo conxuntos de cazoletas.


Detalles de diversas penas.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

miércoles, 22 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A E11








A denominada E11 é un gran penedo visible dende moitos sitios da Uceira da Somoza. A parte superior da pena, relativamente cha, pódese dividir en dous sectores: leste e oeste. No primeiro aprécianse varios gravados circulares (foto 1), algunha cazoleta aillada e incluso un xogo de taboleiro tipo tres en raia. No sector oeste (foto 2) predominan as combinacións de cazoletas (unhas 40 nesta zona mais outras 40 espalladas no resto da rocha e noutra que ten ó seu carón) que xa no extremo (foto 4) mistúranse con ferraduras e algunha cruz. Case que a gran curiosidade de esta rocha está na súa parte baixa onde, boa parte do contorno da pedra, foi marcado con cruces e ferraduras (foto 5) chegando incluso en algún sitio a ser repicada e logo marcada. O repertorio de cruces vai dende o trazo simple a gravados mais complexos tanto na profundidade de talla (foto 7) como no seu deseño (foto 8), precisamente foi esta cruz "phi"a que me levou (xa fai ben tempo e por cuestión de organizar dalgún xeito os meus arquivos) a darlle a esta rocha o nome de "A pena do Indalo", en honor a cruz phi mais famosa de toda España: o Indalo de Almería.
Detalles da Pena do Indalo. A Uceira da Somoza. A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas. Antas de Ulla.

martes, 21 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Cruz do Seixo





































No límite da Uceira, onde a estrada que sobe cara o pico do Farelo fai cruce co camiño da casa do Seixo (a casa habitada a maior altitude de toda A Ulloa, 765 metros), existe un conxunto de pequenas penas con gravados.
A rocha principal está partida en anacos, e algún deles nalgunha pódense ver restos de cazoletas (foto 3) como tamén se ven na pena que aínda está intacta xunto con algún cruciforme. Nunha pena situada mais a ras de chan hai dúas pequenas figuras circulares (foto 1) e noutra cara o norte, pero tamén moi preto, existe unha pequena espiral (27 cm.) moi desgastada (foto 2, sinto non ter unha fotografía mellor dela pero a sombra dos eucaliptos que están ó carón non me deixa moita marxe de manobra).
Detalles das penas do cruce do Seixo.
A Uceira da Somoza. A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas. Antas de Ulla.

domingo, 19 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Pena das Pías




























































































De todas as penas con gravados da Uceira, está é a máis fácil de localizar porque a ¿50 metros? (suponse que polo que dicía o DOGA debería habelos, penso que son un pouco escasos) está colocado un dos postes da liña de alta tensión do parque eólico.
O nome das pías (foto 1) é evidente. A pena principal contén cinco pías de base plana (¿naturais?) e cada unha delas está rodeada no borde superior por cazoletas (foto 2). As cazoletas non só ocupan o entorno das pías senón que tamén se estenden polo resto rocha mesturándose con gravados de ferraduras (foto 4) e cruces (foto 5).
A tres metros dela, xa a ras de chan, hai outra pequena rocha (foto 3) que contén un fermoso gravado aparentemente circular, aínda que visto mais de preto semella un seudolaberinto, xunto a el, apenas visibles polo desgaste (e o mato que rodea á pedra) hai outras dúas figuras circulares de menor tamaño.
Entre a rocha principal e á que contén os gravados circulares hai unha pequena rocha (foto 6) con varias cazoletas rodeando a unha central dando a impresión de formar un círculo aínda que non ben delimitado.


Detalles da Pena das Pías.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

lunes, 13 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: E1







































































Cando a atopei chameina a Pena Nova, simplemente porque non tiña nome, así que dende entón nos meus arquivos aparece con ese nome. No estudio de Rellán, Gorgoso e Fábregas denomínase a E1 (Estación 1) e o calco que eles fixeron tédelo e primeiro lugar.

Esta pedra (foto 1), de uns cinco por tres metros, está a ras do chan, tan a ras que a primeira vez que a vin tiña unha gran bosta encima, porque aquí antes pastaban as vacas (que alguén tiña que limpar o monte) e a evidencia di que pasaban por ela. O desgaste nela é evidente e aínda así pode se apreciar con relativa claridade o figura (foto 2) de maior tamaño (97 cm.) e de maior número de círculos. Chama tamén a atención o elevado número de gravados históricos (tendo en conta as pequena dimensións da pedra) formados por cruces inscritas en pequenos círculos e as dúas figuras cuadrangulares tipo taboleiro.

Xunto a esta pena existen outras dúas (foto 3) que na actualidade están cubertas de toxo e non son visibles. A que está mais preto da Pena Nova (foto 3) contén unhas 30 cazoletas e na seguinte pódense observar algunha cazoletas e varias cruces.


Xeral e detalles da E1
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

miércoles, 8 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada V


























































Remato xa coa Laxe Ferrada mostrándovos o sector surleste que podedes apreciar no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía tedes en primeiro plano o gran circulo duplo de 1,75 m. de diámetro máximo. Está figura está feita sobre unha pequena elevación da pedra ó que fai que aínda pareza mais grande do que é.
Preto dela (foto 2) hai un gravado que, aínda que Rellán e os seus compañeiros non o consideran prehistórico (e eu non teño razóns para afirmar que o é pero tampouco para dicir que non) merece a pena observalo con detenimento pola propia rareza do gravado: cinco cazoletas das que saen cinco liñas rectas, unha por cada cazoleta.
Por último (foto3) volver ó motivo mais repetido: as ferraduras, que por algo esta pedra se chama como se chama.


Detalles do sector surleste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

martes, 7 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada IV








































































O desgaste do gran conxunto situado na parte nordeste da Laxe Ferrada fai que este fermoso conxunto de gravados so se poida apreciar nunhas condicións de luz moi determinadas, supoño que iso tamén determinou que o calco non sexa todo o exacto que debería.

Como no resto da pedra, gravados prehistóricos e mais recentes mistúranse, tal como podedes apreciar no calco de Rellán e os seus compañeiros, que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía veredes unha xeral (incompleta) deste sector no que se aprecia o enorme desgaste da zona. Na segunda fotografía (moito mais vella) o conxunto de gravados mais complexos de toda a pedra. Na terceira, ó curioso caso das pombas, curioso porque as pombas, como se pode apreciar polo tipo de furco, son relativamente recentes, e rodean ó gravado circular sen chegar a tocalo. No calco non aparece outra figura ben curiosa, a do "xabarín" situado entre as dúas pombas mais grandes.

Outra curiosidade deste sector: na parte baixa do calco podedes ver tres cruces de gran tamaño, pois á do medio marca a liña divisioria entre esta tenza e a do lado. Explícome, o monte da Somoza non é comunal, senón que a finais dos anos 40 foi repartido entre os veciños e dividido en parcelas (tenzas), a Laxe Ferrada pertence a dúas tenzas distintas e esa cruz marca o deslinde entre elas.


Detalles do sector nordeste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla


lunes, 6 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada III








































Cando te aproximas á Laxe Ferrada ó primeiro que ves é o gran circulo do sector suroeste. A profundidade do furco e as súas dimensións (2,10 metros de diámetro exterior) fano visible dende ven lonxe. Con independencia de este petroglifo (foto 1) fose gravado en unha, dúas ou varias etapas, a realidade é que o terceiro mais grande de Galicia (despois dos dous de Monte Tetón). Tamén chama á atención ese conxunto de cazoletas situado a súa dereita (a súa profundidade e as liñas que os unen), asi como as sempre presentes ferraduras e cruces (foto 2) que podedes apreciar moito mellor no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que aparece en primeiro lugar.
Un pouco mais arriba pódese apreciar outro gravado circular (foto 3) que, en comparación co anterior, parece pequeno e sen embargo mide aproximadamente 1 metro. Este gravado sufriu ultimamente a vista dalgún gañán que andivo a rascar nel cunha pedra e a mala fe.
Como curiosidade desta parte da pedra, non podo pasar por alto a "cuña de canteiro" (foto 4). Ese gravado con forma rectangular e unha prolongación mais estreita na parte superior, que contén no seu interior unha serie de letras é, o meu parecer, unha marca de canteiro ( a pesar de que ten varios engadidos que a fan parecer un home gordo con sombreiro). Explícome. Preto da zona onde está o gravado hai marcas de cuñas de canteiro, quere dicir isto que a Laxe Ferrada comezou a ser partida co fin de aproveitar a súa pedra pero, polo motivo que fose, non se continuo a labor. Fai xa tempo topei unha marca similar (foto 5) na zona do Monte do Gurgullo, preto do Castro e da Pena da Liñaza (Chán da Gurgulla), nesa marca pódese ler: "OBRA. J.S". Iso levoume a pensar que, dado a grande cantidade de pedra que se extraía da Uceira, os canteiros (ou algún canteiro en concreto) marcaban as pedras elixidas para os seus traballos gravando sobre a superficie esa especie de "cuña de canteiro" a que engadían inciais dalgún nome (as do propio canteiro ou as da persoa para quen traballaba). Pero que quede claro que estó é a miña suposición e que non teño datos reais para verificala.
Detalles do sector SO. A Uceira da Somoza. A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas. Antas de Ulla.

martes, 30 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada II













































































Para poder estudiar a Laxe Ferrada (e debido as grandes dimensións da rocha), Rellán, Gorgoso e Fábregas dividirona en catro sectores cos seus respectivos calcos. O que tendes en primeiro lugar corresponde ó sector noroeste que se correspondería coa primeira fotografía.

Deste sector destaca a figura dos sete círculos (foto 2) cun tamaño exterior de dous metros de diámetro. Este gravado ten título: "o cuarto petroglifo circular mais grande de Galicia", pois é superado en tamaño polo gravado do Grupo IV de Monte Tetón (Tebra, Tomiño) con 3,50 metros, polo do Grupo I de Monte Tetón con 2,50 metros e polo outro gravado de gran tamaño da propia Laxe Ferrada situado no sector suroeste (2,10 metros).

Na terceira fotografía podedes ver como se entremezclan os círculos prehistóricos cos círculos de épocas posteriores, e xa na última tedes un curioso exemplo de como cruces, circulos e ferraduras (gravados históricos) se acumulan entorno os gravados mais antiguos.


Detalles do sector noroeste da Laxe Ferrada.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.


Atravesa o espello cara A Outra Ulloa