jueves, 16 de diciembre de 2010

As vistas areas da Ulloa no video de Lugo Terra



A Área de Turismo da Deputación Provincial Lugo ten colgado na páxina www.lugoterra.com un vídeo promocional sobre A Ulloa.

Vale a pena velo, así que aquí queda como comezo das miña vacacións blogueiras.

Ata o ano que ven.

Apertas para todas e todos os que estades do outro lado da pantalla e que teñades un bo inverno e un feliz 2011.

miércoles, 8 de diciembre de 2010

As aldeas deshabitadas de Palas de Rei


O concello de Palas de Rei, con case 200 km2, é o de maior extensión da Ulloa. Ten case o dobre que Antas de Ulla (103,66 km2) e que Monterroso (118 km2) e pode que esa fose a razón mais sinxela para explicar o gran número de lugares deshabitados que ten pero, se así fose, o concello de Friol, con 295 km2, non tería un número moito menor.

A listaxe de aldeas deshabitadas segundo o Instituo Nacional de Estadística é a seguinte:
  1. Castro
  2. O Froxón
  3. O Pozo
  4. O Mesón
  5. A Pallota
  6. A Taberna
  7. A Ponterroxán
  8. Carricova
  9. Boavista
  10. A Ponte Santar
  11. Ermita
  12. Chouso Vello
  13. Candieira
  14. Vilar de Monte
  15. A Lagoa
  16. O Freixeiro
  17. Pena Mouril
  18. A Veiga
  19. Vilachá
  20. Curuxás
  21. Frádegas (As Augas)
  22. A Corda
  23. O Couso
  24. Mende
  25. As Cancelas
  26. Setefontes
  27. Arulfe
  28. Castro
  29. A Estrada
  30. Reboredo
  31. Tiulfe
  32. Outeiriño
Dicir varias cousas o respecto. Como pasa cos datos dos outros concellos, tamén en este hai polo menos un lugar no que sei que vive xente.

Dicir tamén que o preocupante de Palas de Rei, non son soamente os 32 lugares deshabitados, senón que hai que engadir 21 lugares nos que so queda un habitante censado, o que quere dicir que en non moito tempo (se as cousas non cambian) pasaran a estar na primeira lista.

E por último, na Ulloa, segundo os datos de 2009, vivimos 10.326 persoas das que 3.682 son maiores de 65 anos que viven na súa maioría no rural, polo tanto a gran pregunta é:

¿cantos lugares quedarán deshabitados a medida que a próxima década vaia avanzando?


lunes, 6 de diciembre de 2010

As aldeas deshabitadas de Monterroso


Como xa expliquei na anterior entrada, un dos datos que se poden consultar no INE son as aldeas que xa non teñen ningún habitante censado nelas. Nos datos que aparecen para o concello de Monterroso hai 9 lugares sen habitantes, que son:
  1. A Pedriña
  2. A Cogula
  3. A Ermida
  4. Val
  5. A Fonte do Porco
  6. Mundin
  7. Cacabelos
  8. O Campo
  9. A Carreira
As aldeas nos que só hai un habitante son:
  1. A Barreira
  2. A Cariza
Os datos de Monterroso son peores cos de Antas de Ulla, tamén son peores cos veciños concellos de Rodeiro (5 lugares deshabitados), Portomarín (6 deshabitados) e Guntín (4 deshabitados). Por desgracia tamén hai datos peores: Taboada (14 deshabitados), Friol (23 deshabitados) e Palas de Rei (32 deshabitados).


Na fotografía, casa deshabitada no concello de Monterroso.
Ladar.
Monterroso.

jueves, 2 de diciembre de 2010

As aldeas deshabitadas de Antas de Ulla

Levo un tempo mirando os datos que o Instituto Nacional de Estadística publica sobre A Ulloa e, entre os moitos que podes atopar, hai un que da arrepíos: os nomes dos lugares deshabitados, é dicir, o lugares onde a poboación censada é cero. Busquei este dato para os tres concellos ulloáns mais para os concellos limítrofes con nos e así ter algo con que comparar.
Segundo din eses datos, no Concello de Antas de Ulla hai 6 lugares deshabitados, que son:
  1. Campo de Chao
  2. A Parrocha
  3. Barbalde
  4. Nugallás
  5. Medeiro
  6. A Regueira
Parecéronme moitos, aínda que teño que dicir que da lista eu so coñezo tres e faltábame un. Seguín buscando os lugares que so teñen un habitante censado e saíron 2:
  1. O Seixo
  2. San Tomé
Poden parecer moitas aldeas (lugares) deshabitadas se se compara, por exemplo, con Agolada que so ten 1, pero os datos para o resto da Ulla son moito peores: 9 en Monterroso e 32 en Palas de Rei, en fin, deses datos xa falarei.


Na fotografía detalle dunha casa deshabitada.
Peibás.
Antas de Ulla.

martes, 23 de noviembre de 2010

Bibliografía



De novo alguén pregunta que de onde saco eu o que escribo.
Resposta: parte do que me contan, parte do que observo e a outra parte dos libros que outros escribiron. Así que de agora en diante irei engadindo a esta lista os libros novos que vaia empregando para recoller datos que aparecen neste blogue.


  • Bas López, Begoña: “Camiños, pasos e pontes”. Vigo, Ir Indo Edicións, 1989
  • Bello Diéguez, José Mª. e Peña Santos, Antonio de la: “Galicia na Prehistoria”. Historia de Galicia, vol. 1. A Coruña, Ed. Vía Láctea, 1995
  • Caamaño Suárez, Manuel: “As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia”. A Coruña, Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. 2003.
  • Cabana Outeiro, Alexandra e Xohán Cabana, Darío: “Monterroso na Ulloa”. Lugo, Concello de Monterroso. 2001
  • Carrera Ramírez, Fernando; Costas Goberna, Fernando Javier e Peña Santos, Antonio de la: “Grabados rupestres en Galicia. Características Generales y problemática de su gestión y conservación”. Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra. 2002.
  • Castro Fernández, Fermín: “Castros da Ulloa”. 1998. Inédito.
  • Cooper, Edward: "Castillos señoriales de Castilla de los siglos XV y XVI", volumen 1. Madrid. Fundación Universitaria Española. 1980.
  • Costas Goberna, Fernado Javier e Novoa Álvarez, Pablo : “Los grabados rupestres de Galicia”. Monografías, vol. 6. A Coruña, Museo Arqueolóxico, 1993
  • Costas Goberna, Fernando Javier; Novoa Álvarez,Pablo e Albo Morán, José Mª: “Los grabados rupestres de Pena de Chaos y Pena da Moura en San Fiz de Amarante (Antas de Ulla, Lugo)”. Brigantium, vol. 8. A Coruña, Museo Arqueolóxico, 1993-94, pp. 263-284
  • Delgado Gómez, Jaime: “El románico de Lugo y su Provincia”. A Coruña. Edinosa S.L., 2001, 4 vols.
  • Fernández de la Cigoña e Nuñez, Estanislao: “Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo”. Vigo, Asociación Galega para a Culatura e a Ecoloxía. 2002.
  • García Florez, Mª del Carmen “Cabaceiros de La Comarca de la Ulloa”, en Narria (Revista del Museo de Artes y Tradiciones Populares de la Universidad Autónoma de Madrid) nº 63-64. Madrid, 1993, pp. 6-9
  • Gato Soengas, Antonio: “Os muíños de auga na Ulloa”. Lugo, Deputación provincial de Lugo, 1998.
  • Giz Ramil, Julio: “Monterroso en las tierras de Ulloa”. León, Everest, 1990.
  • Giz Ramil, Julio: “Palas de Rei. Regio Palacio”. León, Everest, 1991.
  • Gómez Alvite, María José: “Ligonde y el Camino de Santiago. Elementos del Patrimonio histórico (I)". Lugo. Concello de Monterroso, 2007.
  • Gómez Alvite, María José: "A Feira de Monterroso. Elementos do patrimnio histórico (V)". Lugo. Concello de Monterroso, 2010.
  • Izquierdo Perrín, Ramón: “La arquitectura románica en Lugo”. A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1983.
  • Laredo Verdejo, Xosé Lois “A Ulloa. Terra de Melide. Deza e Chantada”. Galicia Enteira. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 3ª ed. 1987, vol. VIII
  • Lenaghan, Patrick coord.: “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”. A Coruña. Fundación Caixa Galicia. 2009
  • Méndez Vázquez, Carlos: “Castros de Monterroso”. Lugo, Editorial Alvarellos, 1983.
  • Parrado Garea, Carlos: “Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco”. Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2009.
  • Peña Santos, Antonio de la e Rey García, José Manuel “Petroglifos de Galicia”. Oleiros/ A Coruña, Via Láctea Editorial, 2001
  • Peña Santos, Antonio de la e Vázquez Varela, José Manuel: “Los petroglifos gallegos. Grabados rupestres prehistóricos al aire libre en Galicia". Cuadernos del Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, 30. Sada/ A Coruña, 3ª ed. 1997.
  • Pereiro Pérez, Xerardo e Pérez Paredes, Xosé Manuel: “Rutas Xacobeas na Comarca da Ulloa”. Palas de Rei/Lugo. Centro de documentación e interpretación da Comarca da Ulloa, 2001.
  • Rellán Rodrígfuez, Carlos; Gorgoso López, Lino e Fábregas Valcarce, Ramón: “O conxunto de petroglifos de Campo da Uz (Sta. María de Areas, Antas de Ulla) e as vías de tránsito cara o interior lucense”. Santiago de Compostela/ A Coruña, Gallaecia, nº27, pp. 35-65, 2008.
  • Rodríguez Castro-Rial, Romy; Sánchez Rancaño, Cristina; Taboada Acevedo, Rodrigo: "Estudio de construcción rural en el Camino de Santiago. Palas de Rei". Santiago de Compostela. Xunta de Galicia- Agrupación de Colegios de Aparejadores y Arquitectos Técnicos de Galicia, 1996.
  • Vázquez Seijas, Manuel:” Fortalezas de Lugo y su provincia”. Lugo, Deputación Provincial de Lugo, ed. Fascimil 1955-1973, 6 vols.
  • VV.AA.: “Comarcas de Galicia. A Ulloa”. A Coruña, Sociedade para o desenvolvemento Comarcal de Galicia, 2001.
  • VV.AA.: “O patrimonio bibliográfico dan Ulloa. Guía de publicacións da comarca”. Palas de Rei, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, 1998.
  • Yebra de Ares, Antonio: “Monterroso. Pasado y presente”. Lugo, Deputación Provincial de Lugo, 1987.
  • Yebra de Ares, Antonio: “Pazos y señoríos de la provincia de Lugo”. Lugo, Deputación provincial de Lugo. 2006. 3 vols.

sábado, 20 de noviembre de 2010

As bufardas da Ulloa (y 2)






Nin todas as bufardas son rectangulares, como demostran as últimas fotografías, nin todas están feitas en cantería traballada. Este elemento, como todos os relacionados coa arquitectura tradicional, ten innumerables variantes segundo quen ó fixese e as súas posibilidades económicas.
Da mostra aquí recollida hai que sinalar, pola súa singularidade, a da última fotografía, que foi feita aproveitando os restos dun muíño castrexo. Hai que dicir que este tipo de reutilización e mais común do que se pode pensar como se pode ver nunha das entradas recentes que publicou Aqualatam.

martes, 16 de noviembre de 2010

As bufardas da Ulloa (1)












Fai uns meses, lendo un libro sobre arquitectura tradicional galega, topei cunha palabra descoñecida para min: bufarda. O libro titúlase “ As construcións da arquitectura Popular. Patrimonio etnográfico de Galicia” e foi escrito no ano 2003 por Manuel Caamaño Suárez. Non é que eu teña lido moito sobre o tema pero podo dicir que é o libro mais completo que coñezo sobre a nosa arquitectura.
No espazo que lle dedica as bufardas pon ó seguinte: “A bufarda consiste nunha simple fenda feita no muro, que adoita posición vertical ou horizontal (nalgúns casos pode ir redondeada), enmarcada con dúas coidadas pezas de granito. A súa función é a de dar ventilación a espazos destinados a cortes, adegas e almacenamento, que nalgunhas ocasións se tapan con fachucos de palla.”

Aquí vai unha mostra dos tipos de bufardas feitos con cantería dos que se poden ver hai mais exemplares dentro da nosa comarca.


jueves, 11 de noviembre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (e 15)










A aldea de Hospital das Seixas é o último núcleo de poboación que atravesa o Camiño Primitivo ó seu paso pola comarca da Ulloa. Este pequeno lugar, protexido dos ventos grazas a estar situado no pé da Serra do Careón, garda fermosa mostras de arquitectura popular (fotos 1 a 3).
Xusto despois da última casa de Hospital, hai unha pequena carballeira que foi habilitada como area de lecer para os camiñantes, nela puxeron unhas mesas e pedras onde facer lume. Dende este punto quedan seiscentos metros de subida (foto 4) cara a cima do Careón. Vale a pena parar a ver as vistas do val durante á ascensión (foto 5) e comprobar como se distingue con claridade o pobo de Palas de Rei.
Dende fai mais de 15 anos, a cima da serra está cuberta de muíños de vento (foto 6), sei ben que necesitamos enerxía e prefiro un muíño no monte a un encoro no val, pero o impacto visual dos muíños neste e noutros moitos lugares de Galicia segue parecéndome arrepiante.

A cima do monte fai de límite natural co concello de Toques, non sei cantos anos leva alí o cartel (foto 7) pero non estaría de mais que o cambiaran por outro. Con Toques tamén comeza a provincia da Coruña e remata A Ulloa. A partires deste punto o Camiño Primitivo continúa cara a Melide e a partires de alí coincide co Camiño Francés.


Detalles do Camiño do Km. 66,189 ó km. 65,224.
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

[Sen dúbida, se hoxe en día quixera facer o Camiño elixiría o Primitivo. Moito menos coidado co Francés, mais duro e con menos albergues, pero aínda a salvo do excesivo populismo que está asasinando os valores espirituais do Camiño Francés].

lunes, 8 de noviembre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (14)










Dende Casacamiño a Hosptital das Seixas o Camiño atravesa pola beira do monte coñecido como os Penedos do Hospital. Neste lugar hai un gran afloramento de seixo branco de gran pureza (fotos 1 a 3), que mantivo en litixio ós veciños cunha empresa multinacional mineira durante os últimos doce anos. Litixio no que saíron vencedores, primeiro eles, os veciños, e despois todos ós que nos gusta disfrutar deste tipo de formacións rochosas no seu estado natural.

Despois de deixar o monte, xusto na primeira casa de Hospital das Seixas, instalouse fai uns anos Mapi, unha burgalesa que despois de percorrer o Camiño quixo facer o seu fogar neste lugar. Mapi é artesá pero tamén vive de facer intercambios cos camiñantes que pasan por diante da súa porta: comida e hospitalidade a cambio de traballo ou do que a vontade do peregrino estime oportuno, por exemplo, unha pedra de seixo branco decorada coa palabra: Vida (aínda que estea en italiano). Sempre é grato, no Camiño, topar con estes recunchos tocados polas fadas.


Detalles do Camiño do Km. 67,239 ó 66,189km.
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

viernes, 29 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulla (13)



































































O saír das Seixas o Camiño segue por unha pista de terra que da servizo as fincas da aldea. Alí atopámonos con unha muller. Levaba unha gadaña, ó fin xuño é o tempo da herba. Paramos a falar con ela porque facía ben tempo que eu non vía segar con gadaña afeita xa, como estou, a ver ás máquinas facendo ese traballo. Pedinlle se me deixaba sacarlle unha foto, entre risas díxome: “¿a unha galeguiña con pañoleta?”. En realidade o que a min me a chamaba atención era a gadaña e a súa cara de boa persoa, non o seu pano. Ela sorriu e posou para a foto. Dinlle as gracias e marchou. Agora, cando me lembro da xente ca que crucei no Camiño e coa que parei a falar, caio na conta que do que mais me lembro non é do Camiño en si, senón das persoas que atopei nel.
Seguimos a andar polas corredoiras, algunha moi chea de lama, para chegar a Casacamiño (foto 5), con un nome que non deixa lugar para as dúbidas. Esta aldea marca o punto onde a paisaxe muda bruscamente do val ó monte pois o Camiño comeza a súa subida cara os penedos de Hospital das Seixas.


Detalles do Camiño entre o km. 68,826 e o km. 67,239
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

miércoles, 27 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulla (12): O albergue das Seixas









O saír de Merlán, dende o Camiño, vese ó lonxe a serra do Careón coa cima cuberta de muíños (foto 1), e ó pouco de botar a andar chegamos a aldea das Seixas. Unha das casas da aldea, sobre a porta de entrada, ten un curioso adorno (foto 2) feito con cemento ou cal, non se aprecia ben con que porque está pintado de cor amarelo. É curioso porque o autor, ademais de deixar constancia da data que supoño será a da construción da casa, emprega o motivo das árbores do paraíso da porta lateral da igrexa de Merlán.

Cando fixemos o Camiño Primitivo era finais de xuño e aínda non estaba aberto o albergue público das Seixas que foi inaugurado o 27 de xullo. Como non tiña fotos del fun onte ata alí e a encargada do albergue, Mari Fe das Seixas, con grande amabilidade ensinoumo.

O albergue foi feito nunha antiga casa de labranza rehabilitada (foto 3) na que se conservaron os elementos da arquitectura tradicional. Na fachada principal pódense ver dúas fermosas bufardas de cantería (foto 4), a estas pezas, que tiñan o labor de facer de respiros para as antigas cortes, foilles posto un cristal para poder manter illado o interior. Na parte dereita da casa consérvase o forno (foto 5) e no interior, no que era a cociña de lareira (foto 6), aínda que non se conserva a cambota vese no chan a pedra da cociña e na parede quedou o descuberto a cheminea e unha lacena. No piso baixo tamén están a cociña, o comedor, os baños e un cuarto adaptado para persoas que precisen de cadeira de rodas. No piso alto hai dous cuartos, un con praza para 28 persoas (foto 7) e outro con seis prazas.

Quero aproveitar para agradecerlle a Mari Fe todas as súas explicacións e o bo rato que me fixo pasar na súa compañía. A verdade e que xa lera sobre ela moi boas opinións que os peregrinos deixan na rede e todas son merecidas.


Detalles do Camiño entre o Km. 70,021 e o km. 68,826
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

sábado, 23 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (11): A igrexa de San Salvador de Merlán

O Camiño primitivo pasa xusto por diante da igrexa de Merlán (foto 1) pero, pola excesiva altura dos nichos do camposanto que o rodea, a fachada non se ve dende o Camiño. A igrexa era románica na súa orixe, de finais do século XII, pero foi reformada no século XVI. Nesta reforma perdeu a súa fachada orixinal e parte das paredes laterais, e foille engadido o pórtico. Na reconstrución da fachada foron reempregadas pezas da estrutura románica, un exemplo diso son os perpiaños con bolas que a adornan (foto 2) ou algunhas das columnas do pórtico que comparten espazo coa pía bautismal románica (foto 3). Do edificio, chama a atención a decoración do lintel da porta lateral (fotos 4). Segundo Jaime Delgado a “cruz feita con entrelazos” representaría simbolicamente a Cristo flanqueado por dúas pequenas árbores “evocadoras tradicionais de ambientes paradisíacos”, e dicir, a árbore da vida. Como remate, vale a pena ollar a ábsida cadrada que coroa a igrexa (foto 5, 6 e 7) que conserva os seus canzorros e unha fermosa fiestra. Detalles do exterior da igrexa. Km. 70,021 Parroquia de Merlán. Palas de Rei.