sábado, 18 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (y 19)



































































































Cando fas o Camiño de Santiago, polo menos no tramo francés, hai dúas cousas que sempre te acompañan: a frecha amarela e os marcos dos quilómetros. No último quilómetro do Camiño francés, dentro da Ulloa, hai dous marcos cos nomes singulares: Porto de Bois e Campanilla.
Non coñezo ningunha historia de Campanilla (salvo a de Peter Pan) pero Porto de Bois ten un lugar na historiade Galicia, historia de sangue por certo. Entre os anos 1366 e 1369 a Península viviu a súa primeira guerra civil entre os partidarios de Pedro I (rei lexítimo) e Henrique II de Trastámara. A guerra terminou no 1369, cando Henrique mata ao seu irmán. En Galicia, o III Conde de Lemos, Fernando Ruíz de Castro, regresa do exilio de Portugal e comeza unha revolta contra partidarios do novo rei. En 1370 Henrique I envía a Galicia tropas para apagar a rebelión poñendo o mando a Don Pedro Ruíz Sarmiento. As tropas afrontanse na batalla de Porto de Bois aos seguidores do Conde de Lemos. O Conde perdeu e exiliouse a Portugal e mais tarde a Francia, onde morre.

A última aldea que se atopa antes de deixar as terras ulloanas é O Coto. Alí, xunto o fito que marca o comezo da Provincia da Coruña, que polo tanto marca tamén o fin do Camiño dentro da Ulloa, atópase a Cooperativa Milhulloa, que dedícanse ó cultivo de plantas medicinais en réxime de agricultura ecolóxica. Cando cheguei alí estaba pechado pero teño pendente, dende fai tempo, unha visita. Cando a faga xa darei boa conta dela.


Detalles do Camiño entre os km. 58,5 e 57,800
Parroquia do Mato
Palas de Rei.

miércoles, 15 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (18)






















































































Dos catro albergue públicos que hai na Ulloa, no tramo do Camiño de Santiago francés, o último é o que se atopa no lugar de Casanova, que ven a coincidir co quilómetro 60. Ten categoría de refuxio de peregrinos (fotos 1 e 2) que polo que vexo quere dicir o mesmo que albergue. O albergue foi construído na antiga casa escola e ten 20 prazas. Por desgracia, segundo lin nos comentarios que os peregrinos deixan nunha web de albergues do Camiño, a muller encargada do albergue non é nada agradable cos camiñantes, é unha magoa que pasen cousas así pola mala impresión que iso da de nos.
Un quilómetro mais adiante, no marco 59 (foto 4), alguén deixou recentemente os seus zapatos ben colocados e dan a impresión de formar parte dunha alegoría visual.
Seguimos camiñando entre carballeiras (foto 3), agros (foto 5) e anacos de repoboacións de eucalipto (foto 6) que con certo disimulo vanse achegando ó Camiño.


Detalles do Camiño entre os km. 60,5 e 58,5
Parroquia do Mato
Palas de Rei.

domingo, 12 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (17)
















Cando xa nos saíamos de Casa de Domingo, Ana díxonos que se nos gustaban as cousas curiosas parásemos no fito do km. 60,5, díxonos que no chan había unha pedra con un gravado, que fósemos atentas se queríamos velo.
Deixamos Casa Domingo e comezamos o camiño por unha corredoira (foto 1) na que a auga empoza no inverno, de feito, na beira dereita ten un pasadoiro de pedra para poder vadealo sen enlamarse. Chegamos o marco do km. 60,5 (foto 2) e xusto uns metros mais arriba estaba o gravado (foto 3) que, dende logo, non se parecía a nada que eu houbese visto antes. Ana contáramos que un peregrino lle dixera que era un símbolo medieval e que se empregaba para marcar lugares con especial valor estratéxico, eu nunca oín tal, pero pode ser. Mentres estábamos a mirar o gravado apareceron uns mozos que dixeron eran dunhas casas preto de alí, comentáronos que eles nunca viran o gravado ata facía unhas semanas e que facía pouco que por alí estiveran gravando unha película.
A cousa do gravado quedou aí ata que a miña irmá (con quen eu facía o camiño ese día) que vira o gravado nun libro de marcas romanas e que era unha rosa dos ventos. Como iso xa era intrigante escribinlle un correo a Javier Gómez, porque publicou recentemente o libro "Epigrafía romana de la provincia de Lugo" . A Javier non lle parece romana e pensa que podería ser de calquera época, mesmo actual. A miña conclusión é que é actual, o desgaste da pedra non coincide ca feitura do gravado. Pode que os da película decidiran gravalo baseándose nunha marca romana ou medieval, iso explicaría porque as noticias del son tan recentes (o peregrino, os mozos…). Pero que conste que isto so son as miñas especulacións.


Detalles do Camiño entre os km.61 e 60,5
Parroquia do Mato
Palas de Rei.

jueves, 9 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (16)
























O saír de San Xiao do Camiño volven os carreiros entre as árbores. Crúzase polas casas de A Graña (foto 2) e sáese o lugar de Ponte Campaña, onde o Camiño cruza co río Pambre aínda non moi crecido. Neste lugar está o albergue Casa Domingo (fotos 3 a 7) que rexenta Gonzalo e Ana dende o ano 2003 aínda que o negocio comezou no 2001, cando abriron a taberna.
Gonzalo e Ana non chegaron aquí por casualidade. Gonzalo naceu no muíño que hai a 200 metros do albergue, muíño no que viviu cos seus pais e que agora está restaurado e alúgase como vivenda turística co nome de O Muíño de Campaña (podedes velo entrando na súa web). Os país de Ana, galegos emigrados ó Panamá, eran os donos da casa onde está o albergue. Ana aínda bota en falta cousas do Panamá pero supoño co amor e mais forte ca morriña e por iso está aquí.
Dende que fixen o Camiño e descubrín Casa Domingo gústame ir de cando en vez a tomar algo por alí e disfrutar desa fermosa eira transformada en terraza da taberna. Recoméndovos a visita a todos.


Detalles do Camiño entre os km.62 e 61
Parroquia de San Xiao do Camiño e San Xoán do Mato
Palas de Rei.

lunes, 6 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (15)

































































































Na última casa de San Xiao do Camiño (a aldea é mais coñecida polo seu nome castelanizado: San Xulián) está o “Castillo del lobo”. Este lugar é a vivenda é o lugar de traballo de Jose e Franzi, unha parella que fai tres anos decidiu facer o seu fogar ó pé do Camiño.
Jose, aragonés de nacemento, fai artesanía en prata na que engarza pedras semipreciosas, que logo pon a venta na esquina da casa na que ten a tenda (foto 2); pero tamén traballa o coiro, madeira e pedra, como queda ben patente en tódolos recunchos da súa casa.
Franzi , a compañeira de Jose, e de nacionalidade suiza, e foi no seu país natal onde estudou shiatsu. Na casa ten un cartel onde ofrece masaxes a peregrinos (ou a quen por alí vaia) a cambio da vontade.

Jose e Franzi son un exemplo dos chamados novos poboadores do Camiño, así, mentres o rural esmorece por falta de xente, novas familias de camiñantes establecen o seu fogar nalgún punto preto da ruta xacobea.
Dende aquí mando os mellores desexos para estes novos ulloáns.


Detalles do “Castillo del lobo”
Parroquia de San Xiao do Camiño.
Palas de Rei.

viernes, 3 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (14)











Na parte baixa de San Xiao está a igrexa que, como é lóxico, a súa orixe é románica. Do edificio orixinal só conserva a súa fermosa ábsida circular (foto 1). Non conserva a porta principal pero as pezas que soportaban o tímpano foron reempregadas (foto 2) e agora están nas das esquinas do edificio. Unha proba das reformas que sufriu o edificio é a pedra que se pode ver no exterior do muro sur da igrexa (foto 3). Esta pedra foi recolocada sen ter en conta a posición orixinal xa que a inscrición que ten, e que di: IN ERA MCCXXXI (en la era 1231), aparece do revés. Jaime Delgado supón que esta data corresponde ó fin da obra que, restados os 38 anos de diferencia entre a Era Hispánica e a Era Cristiá, quedaría o ano 1193.

A escasos metros da igrexa está o albergue “O Abrigadoiro” . Tratase dun albergue privado situado nunha casa de labranza restaurada (fotos 4 e 5), con capacidade para 18 persoas. Fronte o edificio principal teñen unha pequena taberna (fotos 6 e 7) no que tamén dan almorzo e cea aos peregrinos.

Detalles do Camiño no km. 62.
Parroquia de San Xiao do Camiño.
Palas de Rei.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

O Camiño francés na Ulloa (13)












































Antes de chegar a primeira casa de San Xiao, cando aínda pisas a corredoira, o primeiro hórreo (foto 2) saúda dende a súa soidade. Creo que me impresionou iso, a soidade do lugar no que estaba, non se vía a eira e a casa estaba apartada del. Instintivamente fotografei os seguintes hórreos que fun atopando mentres camiñabamos polo treito (asfaltado) que atravesa a aldea.

Estes hórreos seguen un mesmo patrón: teito de tella e sen os remates (a cruz e o fito), pés e medianeiras en pedra, base feita cunha media viga de carballo (agás no da ultima fotografía que apoia nun muro que fai a un tempo de pé e base) e peche lateral en madeira de castiñeiro.
O feito de que a base deste hórreos sexa de madeira é unha característica propia da metade noroeste do concello de Palas de Rei xa que no resto da Ulloa faise de pedra.

[En realidade esta entrada debería chamarse “Os hórreos de San Xiao ao pé do Camiño” e con iso quedaría todo dito porque as fotos contan o resto.]


Detalles do Camiño entre o km. 63 e 62
Parroquia de San Xiao do Camiño.
Palas de Rei.