martes, 26 de julio de 2011

Valados da Ulloa: Cancelas e pasos


Os valados serven para vedar o paso de animais e persoas alleos a unha propiedade, pero de nada servirían sen unha cancela pola que poida entrar o gando e que a súa vez permita que este non escape cando estea no seu interior.

As cancelas tradicionais están feitas de madeira, nun so corpo e sen bisagra ou poste sobre ó que xirar (fotos 1 e 2), e dicir, apóianse nos chantos do valado e colócanselle unhas pedras para que non se movan. Pola contra, as cancelas feitas en dous corpos, teñen algún tipo de trebello que fai de eixo para poder abrilas por rotación (foto 3).

Cando as cancelas serven para dar paso só as persoas, son moito mais pequenas (foto 4), estas empréganse pola xeral no aceso as hortas, navales ou pequenas fincas nas que non entra nin gando nin carro. Dicir que en moitos lugares da comarca conviven os pasos para animais e persoas, por exemplo, hai cancelas nas que se deixa un pequeno espazo nun dos laterais (foto 5) de tal xeito que a persoa non teña que abrir a cancela para pasar. Tamén existen os pasadoiros de pedra (foto 6), ou os simples ocos que se deixan en lugares determinados do valado (foto 7) dun tamaño que permite o paso da xente pero non das vacas.

Por último, e como remate final a todo o dito sobre os valados na Ulloa, deixar aquí unha fotografía doutro tipo de pasos que existen nos nosos valados: os pasos de auga.


Fotografías de valados de Tarrío, Velanxil (Peibás), Carteire, Sirgal, Felpós, Marzán, A Barreira (Lodoso) e Santa Mariña de Castro de Amarante.

jueves, 21 de julio de 2011

Os "valados" de sebes


As sebes constitúen unha das maneiras de marcar os lindes dunha finca sen empregar a pedra. A súa orixe, segundo deixou dito nun comentario deste blogue a Chousa de Alcandra, está no costume de cravar polas que mais tarde terminaban por rebrotar. Descoñezo se é certo ou non pero é unha posibilidade factible en varias das especie que se empregan: o salgueiro ou o vimbio. Por outra banda hai especies nas que este suposto non podería darse, por exemplo co caxigo, pero tendo en conta que este é moito menos empregado sigo dando por bo o rebrote.

Aínda que nas fotografías as sebes aparecen podadas e sen folla (pola época do ano no que se fixeron), as sebes vanse densificando e, a medida que van crecendo,vanse formando verdadeiros valados vexetais.


Fotografías de sebes de Quindimil, Frádegas (Santa Mariña de Castro de Amarante) e Xermade (Merlán)

lunes, 18 de julio de 2011

O recheo triangular dos valados con chantos

En algúns dos valados feitos con chantos separados e recheo, pódese ver unha forma diferente de cubrir os ocos: empregando o recheo en triangulo. Este tipo de recheo faise apoiando dúas pedras planas nos chantos en forma de cuña e empregando as pedras mais pequenas para facer o recheo propiamente dito.

Descoñezo o porqué desta técnica, non sei se da maior estabilidade ou so é produto da materia prima do momento, pero non teño dúbida que aporta ó valado certo sentido estético.


Fotografías de valados de Santa Mariña de Castro de Amarante, Lourentín (Sirgal) e Gundín (Gontá de Arriba)

martes, 12 de julio de 2011

Os valados feitos con chantos separados

O último tipo de valados que se pode atopar nas terras da Ulloa é o que está feito con chantos de pedra que se colocan mais ou menos separados entre si e nos que, o espazo que queda entre eles, enchese con pedras mais pequenas (fotos 1 a 6). Para facelo é necesario un mínimo de dúas persoas na tarefa de colocar os chantos, pero unha vez feito este traballo pode terminalo unha soa. As pedras empregadas para o recheo varían en forma aínda que polo xeral as mais empregadas son as pedras planas (fotos 2 e 3), algo lóxico se temos en conta que a estabilidade deste tipo de valados depende, ademais da arte do construtor, da estabilidade do recheo.

Estes valados son os mais empregados. Pódense atopar en toda A Ulloa feitos con toda clase de pedras: granito, esquisto (foto 7) ou lousa (foto 8).

Como singularidade dicir que polo xeral este tipo de valados segue sempre a mesma estrutura mais as veces pódense ver misturas de técnicas como a da última fotografía, na que a parte alta ten un remate dun valado tipo 1.


Fotografías de valados de Santa Mariña de Castro de Amarante, Cumbraos, Casa de Naia, Monterroso, A Barreira (Lodoso), Sestelo (Lodoso), Marzán e Cibreiro.

viernes, 1 de julio de 2011

Os valados feitos con chantos

O terceiro tipo de valados que se pode atopar na Ulloa é o que está feito con chantos de pedra que son colocados un ó carón doutro e sen deixar espazos entre eles. Este chantos son mais ben anchos e bastante parecidos no seu tamaño (fotos 1 a 6), pero case sempre teñen a particularidade de non ser gordos para así facilitar o seu manexo durante á construción, aínda así, son necesarias varias persoas para levantar o valado.

Cando se empregan chantos mais irregulares (fotos 7 e 8) os ocos que quedan eles sóense tapar con pedras mais pequenas.


Fotografías de valados de Santa Mariña de Castro de Amarante, Marzán, Bruzos (Carteire), Lodoso, Velanxil (Peibás), Lourentín (San Breixo) e Os Olmos (Monterroso).