A 1 quilómetro de Santa Mariña cara a Frádegas e xusto fronte a pista que aparta cara Vilasante, está, ó pé da estrada, a copia do cruceiro de Alvidrón (foto 1).
A mesma base, a mesma bola, as mesmas imaxes... pero de feitura ben diferente.
¿Por que creo que este é unha copia do anterior? Pois por varios detalles iconográficos e ,sobre todo, porque os copiados sempre son os mellores e o mellor tallado, sen dúbida é o de Alvidrón.
Imos por partes. A virxe de Alvidrón está feita con moito mais detalle, a cara é mais expresiva, o manto ten marcados os adornos, o pedestal está tallado... pero tamén hai outros detalles, por exemplo, o normal é que os puñais repártanse catro do lado dereito e tres do esquerdo e que a virxe coloque a súa man dereita sobre a esquerda, tal como sucede no cruceiro de Alvidrón e xusto ó contrario que neste (foto 2). Ca imaxe do cristo (foto 3) sucede o mesmo, en Alvidrón a cabeza do cristo está lixeiramente inclinada e ladeada o que demostra unha maior dominio técnico fronte ó do autor do cristo deste cruceiro. Por último, os radios da bola deste cruceiro fanse con trazos moito mais simples que chegan a cruzarse entre eles, mentres que en Alvidrón conservan a seu paralelismo.
Outro detalle que me fai pensar que esta é a copia é o seu emprazamento, lonxe da igrexa, aínda que pode que estea marcando o camiño a Vilansante ou pode que alguén morrera alí e por iso ó puxeron (costume que aínda existe hoxe nos sitios das estradas onde se producen accidentes de coches con mortos). Son conxecturas pero difícil supor que fronte a igrexa de Alvidrón non existira ningún cruceiro e si ó houbese aquí.
Dende logo, o que si lle teño que agradecer ó autor deste cruceiro é que tivese o detalle de gravar a data na súa base (foto 4), que aínda que é difícil de apreciar na fotografía pon: ANO 1836.
Detalles da copia do cruceiro de Alvidrón.
Entre Santa Mariña e Frádegas.
Santa Mariña de Castro de Amarante.
Antas de Ulla