domingo, 30 de mayo de 2010

Historias de Pambre IV
















Sobre porqué Manuel García Blanco, último "dono verdadeiro" de Pambre, vendeu o castelo ó Conde de Borraxeiros, e sobre a situación actual de Pambre, Miguel Anxo escribe:

O meu bisavó tencionou a venda á deputación durante moito tempo, pero esta nunca amosou interese real no asunto, desculpándose pola falla de cartos. Ao cabo, para o seu disgusto, malvendeuna a un particular pouco antes de morrer, xa nonaxenario, xa que as dúas fillas que lle quedaban vivas non estaban interesadas en mantela. A el se deben os únicos planos modernos que hai da fortaleza (e que adoitan publicarse sen citalo).
[…]
Nestes últimos anos proferíronse moitas arroutadas encol de Pambre, sobre todo xornalísticas, a partir de faladorías, inexactitudes e desmemoria. Non sei se a súa nova situación dará cun verdadeiro plano de xestión; por agora escoito falar de vencellalo ao Camiño de Santiago ou á hostalaría: é dicir, máis despropósitos.”

Pambre abrirase o público (se é certo o que din) o vindeiro mes de xuño. Despois de anos de reivindicacións por parte dos ulloáns, despois de anos de oídos xordos por parte do señor conde, por fin, as portas de Pambre abriranse. Agora solo falta que as administracións cheguen a un acordo cos actuais donos para que o castelo por fin pase a mans públicas, aínda que penso que isto vai para largo.


Na fotografía a casa, o hórreo e a capela do castelo vista, por suposto, dende fora do castelo.
Pambre.
Palas de Rei


miércoles, 26 de mayo de 2010

Historias de Pambre III

Cando lin o libro de Carlos Parrado “Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco”, houbo un dato que me chamou a atención: Curuxás chegou á Ulloa porque seu pais viñeron de caseiros para o castelo de Pambre cando el era un neno. Pregunteille sobre este tema a Miguel Anxo, e escribiu:

“Agora xa caín en quen era O Curuxás, claro que si, xa dicía eu que me soaba! Para os nenos da Ulloa era case un mito […]
O que non sabía é que era fillo duns caseiros de Pambre. Teño que dicirllo ao meu pai, a ver se el si o sabía.”

Mais tarde contestou:

Confirmado. Acabo de falar co meu pai e lembrei comentarlle o d'O Curuxás. Non só sabía ben que era fillo dos caseiros, senón que me comentou que pasaba tempadas agochado por Pambre, mesmo na Torre, e que alí se lle deu habitualmente comida e outros enseres durante moito tempo. Extrañouse de que eu non o soupera, non sei por que (el e o meu tío deben ser as persoas vivas que máis coñecen Pambre cun recordo vívido).

Na fotografía lateral esquerdo de Pambre.
Pambre.
Palas de Rei



domingo, 23 de mayo de 2010

Historias de Pambre II


Pregunteille a Miguel Anxo Murado Lorenzo que tiña de certo iso de que Pambre perdeuse nunha partida de carta, el contestou:

Penso que o que si é lenda é iso de que Pambre se perdeu nunha partida de cartas. Interésame moito esta historia; cando poidas hasma contar. Non sei a quen se refire o relato como perdedor: As miñas avoas e tías, que promoveron a venda, non eran xogantinas precisamente; o meu bisavó vendeuno, non o xogou (a esa altura estaba case cego; non podería xogar ás cartas), feito do que hai documentación. Antes diso, a finais do s. XIX, houbo unha redención do foro a favor dun dos Moreiras, irmán do meu bisavó (pero de outro pai, de aí o troco de apelido), creo lembrar, que llo desafora ao Duque de Alba (chamado de Berwick ou Berbique nos documentos), teima que ocupou aos Moreiras dende principios do XIX, como amosan as sucesivas cartas (epístolas, non naipes) que lle dirixen. Tamén disto hai documentos. O foro a perpetuidade (ben que non sei se ao principio comeza poñendo como límite a vida de algún rei) de 1702 di consolidar unha situación que de feito xa viña de bastante máis antigo. Tampouco sei se nesta ocasión mediou timba algunha; en calquera caso, dende o meu punto de vista, na partida houbérase gañado Pambre, non perdido... hehe”

A seguinte pregunta foi sobre que pintaban os Duques de Alba na historia de Pambre:

Sobre o que me preguntas, certamente o castelo foi da casa de Alba dende o século XVI deica redimir o foro, na derradeira década do XIX. Dos Ulloa (pouco afectos á política castelá), pasou aos condes de Monterrei no 1484, despois da derrota de Pardo de Cela, que posibelmente foron quen remataron a construción de Pambre. Durante o s. XVI os Alba integraron a liñaxe dos Monterrei e as súas propiedades, asemade procedían a unha grande concentración de propiedades (que aínda lles dura). Durante o s. XVIII, non sei que circunstancia, o título de Duque de Berwick ou Berbique, de orixe inglesa a principios dese mesmo século, penso que durante a Guerra de Sucesión Española, pasa a Alba, e a correspondencia dos Moreiras de Pambre diríxese ao Duque de Berbique, por mediación dos seus apoderados, deica o s. XIX, cando empezan a chamalo "de Alba".”

Na fotografía, o castelo de Pambre coas vacas-cortacéspede.
Pambre.
Palas de Rei.

jueves, 20 de mayo de 2010

Historias de Pambre I
















Fai mes e medio fixen unha conta no facebook co nome de “A Ulloa en fotos”. Comecei a colgar fotos da Ulloa e a xuntar amigos. Por estas cousas que ten a rede, un dos primeiros en chamar a porta foi Miguel Anxo Murado [ollo, Miguel Anxo Murado Lorenzo, non confundir con Miguel-Anxo Murado López] que, para que non ó saiba, e descendente do “verdadeiro derradeiro” dono de Pambre. Eu tiña escoitado que foran os Murado [da Ulloa] os que venderan Pambre ó defunto Conde de Borraxeiros, pero nos documentos nunca aparecía tal apelido, e xa tiña iso dos Murado como unha desas moitas cousas que se din de Pambre e que son lenda. Pregunteillo e Miguel Anxo contestou o seguinte:


Pois o dos Murado en Pambre non che era lenda, non (carallo, que pronto se constrúe o imaxinario; a ver se vou ser eu, xa que logo, un ente lendario). De calquera xeito, este apelido apareceu por Pambre nos anos 30 do século pasado, levado polo meu avó ao casar coa miña avoa, filla de Manuel García Blanco, ben coñecido por Lugo, o verdadeiro derradeiro dono da Torre dende pouco antes do século XX deica a súa morte nos anos 70. Por Palas era coñecido como Manolo "da Torre".

En todo caso, o apelido máis vencellado a Pambre é Moreiras, que a miña familia perdeu a finais do XIX, precisamente cando naceu o meu bisavó froito dunhas segundas nupcias, mudando o apelido da liñaxe. Dende antes do s. XVIII sempre houbo Moreiras en Pambre. Normalmente, un dos irmáns era o párroco de San Pedro de Pambre (a capela do patio de armas do castelo, fronte da casa, a carón do grande hórreo mutilado polo barbarote do último dono); outro adoitaba ir para Lugo e adicarse á cousa dos papeleos (asinando nos documentos como "escribano", "letrado", "notario", etc.); o terceiro dos irmáns, que asina nos documentos como "labrego", era propiamente quen se coitaba da Torre. Todo un retrato abranguente da sociedade do Antigo Réxime e unha proba da sabedoría da nosa sociedade tradicional. Había tamén irmás, pero para isto non contaban (ben que o patrimonio semellaba herdarse matriliñalmente, como parecen reflectir as herdanzas e as segundas nupcias; o ancestral matriarcado do campo galego (mater certa, pater incertus).”



Na fotografía, Pambre visto dende o castro de Remonde
Pambre.
Palas de Rei

lunes, 3 de mayo de 2010

Situación actual das decoracións tradicionais feitas en cal































































Mentres que nos anos 90 as decoracións con cal carecían de valor estético e, en todo edificio que fose arranxado, os encalados eran repicados sistematicamente para deixar á vista a pedra, na actualidade comezase a darlle valor a esta manifestación da arte popular e, afortunadamente, cada vez é maior o número de casos nos que son respectados que ó contrario.
De todolos xeitos, a normativa actual de Patrimonio, non recolle especificamente a protección deste elemento da arquitectura popular, e só están protexidos si se da un dos seguintes casos:
  1. Que estean recollidos como elemento patrimonial no catálogo municipal o que pertenza o edificio.
  2. Que os encalados formen parte dun edificio protexido.
  3. Que, de oficio, a Dirección Xeral de Patrimonio, os recolla nas fichas do seu inventario.
Tendo en conta o feito da falta de protección legal real, xunto coa degradación propia das decoracións por efecto dos axentes meteorolóxicos e a destrución provocada polos arranxos de fachadas, o futuro das decoracións tradicionais con cal corre un serio risco.

Nas fotografías aparece un caso de decoracións protexidas, pois o estar protexido o edifico que as contén, neste caso a igrexa de Alvidrón, o encalado considerase parte del.


Xeral da parede e detalles da pomba, a man, a balea, a coroa e o cáliz que forman parte das decoracións.
Alvidrón.
Antas de Ulla