miércoles, 22 de agosto de 2012

Son d'aldea 2012

Outra vez "Son d'aldea". Paseino tan ben o ano pasado que xa saquei a miña entrada para este. Se queredes mais información sobre como mercar a vosa entrada o sobre o programa, podes entrar na súa web www.sondaldea.es.

miércoles, 28 de marzo de 2012

Proxecto básico e de execución de rehabilitación Castelo de Pambre


PREGUNTA:

¿Como se poden pagar 48.700 euros (sen IVE) pola redacción do "Proxecto básico e de execución de rehabilitación Castelo de Pambre?

OLLO!!  R- E-D-A-C-C-I-O-N !!!

PARA MAIS INFORMACIÓN VER A PÁXINA DOS CONTRATOS DA XUNTA:

http://www.contratosdegalicia.es/consultaOrganismo.jsp?N=218&PA=1&ID=700&lang=gl

 E aquí tedes a quen lle tocou

http://www.contratosdegalicia.es/licitacion

OLLO!! ADXUDICACIÓN SEN PUBLICIDADE!!!

domingo, 25 de marzo de 2012

Torres e Fortalezas da Ulloa (1)






No transcurso de 1955, a Deputación Provincial de Lugo imprime o primeiro tomo de "Fortalezas de Lugo y su provincia", que segundo di o propio autor, Manuel Vazquez Seijas, proponse "solamente relacionar las fortalezas medioevales de que temos noticia, existentes unas, desaparecidas otras, comprendiendo en esta denominación genérica, murallas, fortalezas, castillos, torres, casas-torres y casas-fuertes."
Dito inventario remataría sendo un compendio de 6 tomos que foron publicados nos anos 1955, 1959, 1962, 1967, 1970 e 1973.
Se nos centramos so no que se refire Á Ulloa, Vazquez Seijas inventaría 17 edificacións: 6 castelos, 1 fortaleza, 7 torres e 3 casas-torres. Claro que, como el di, neste inventario aparecen tanto os edificios existentes como os que xa desapareceron.

O listado, separado por concellos sería o seguinte:
  • Antas de Ulla : Castelo de Amarante e Torre do pazo de Santa Mariña de Castro de Amarante (as dúas existen na actualidade)
  • Monterroso : Casa-torre de Monterroso, Casa de Cumbraos, Torre de San Miguel de Penas, Torre de Fente, Torre de Bidouredo e Torre de Güimil (as tres primeiras existen, as tres últimas xa están desaparecidas)
  • Palas de Rei: Castelo de Pambre, Casa-torre de Fontecuberta, Torres dos Ulloa, Torre de Quindimil, Fortaleza de Pena da Merla (cinco que aínda existen), Castelo de Ramil, Castelo de Felpós, Castelo de Curvián e Castelo de Castro das Seixas (catro desaparecidas).

Dicir o respecto desta lista que nela non aparece o Castelo de Sirgal, vivenda dos Condes de Monterroso e supostamente desaparecido a mans dos irmandiños. Non sei se a súa ausencia débese a falta de documentación histórica que avale a súa existencia ou se foi excluída por outra razón.


Foto1: Torre do Pazo de Santa Mariña de Castro de Amarante (Antas de Ulla)
Foto 2: Torre de San Miguel de Penas (Monterroso)
Foto 3: Castelo de Pambre (Palas de Rei)

sábado, 18 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: mallando con mallo







O remate do roteiro teatral de Son d'aldea foi unha malla, pero unha malla sen máquinas, unha malla con mallo: a man e sobre a eira.
Para min o mellor da malla foi toparme con Filomena (foto 7). Ela faloume dos anos cando era nena e a malla, a pesar de ser unha labor dura tiña ese aquel de festa. Filomena, na súa lembranza de outros tempos, contoume o que era unha raposa: "Os maiores dicíannos aos nenos que a ver quen facía a raposa mais grande" [eu non sabía que era unha raposa e pregunteille] "Recollíamos as espigas que quedaban polo chao e íamos facendo un fachuco, así (foto 8) pero con moitas mais, e logo atabase cunhas pallas". Ela recolleu espigas e deumas para que eu as atase. Ateinas e leveinas para a miña casa. Agora están xunto a ventá da miña cociña.


Dende aquí os meus parabens a todas e todos os que fixeron posible que o Son d'aldea 2011. Grazas por facerme tan feliz por un día.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei

jueves, 9 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: Curuxás e as lavandeiras






Como veño contando nas entradas anteriores, o roteiro do Son d'aldea levounos por todo Santiago de Albá e parte dos arredores. O saír do monte voltamos cara á aldea atravesando unha corredoira, no medio desta saíunos ó paso a pantasma de Curuxás (fotos 1 e 2), o maqui mais afamado da Ulloa, quen viviu fuxido no monte ata os anos sesenta cando apareceu morto no monte.

Baixando a corredoira fomos dar xunto unhas lavandeiras (foto 3) e lembreime de cando eu era pequena, e no verán, ía a lavar ó río coa miña tía Carmiña. E cando vin o xabón feito na casa (foto 4), lembreime do facía miña mai, igualiño, tan suave... Lembro o fume que facía a sosa, a graxa de porco, a miña mai remexendo, o cheiro, o caixón de madeira onde se botaba...¡Canta alquimia!

As lavandeiras recolleron os seus cestos de roupa mollada (foto 5) e o lavadoiro quedou orfo (foto 6) pero fermoso.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

domingo, 5 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: a trapela

Certo é que a fame agudiza o enxeño e no rural galego da posguerra había moita fame. Se non tiñas escopeta para saír a cazar perdices, sempre tiñas a opción de poñer unha trapela e esperar.
A xente do Son d'aldea explicounos como facer e colocar unha daquelas trapelas para perdices que eles mesmos empregaban cando eran pequenos.
A trapela facíase en madeira e estaba formada por un marco ó que se lle acoplaban dúas placas, estas placas abríanse ó facer un pouco de forza sobre elas (fotos 1 e 2) e pechábanse ó deixar de facela.

Para colocar a trapela facíase un burato no chan (foto 3). Sobre o burato colocábase a trapela e axustábase con pedras (foto 4 e 5). Por último, tapábase con herbas ou musgo e poñíanse toxos deixando un paso para obrigar á perdiz a pasar por alí (foto 6).


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei

jueves, 2 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: facendo as borreas no monte






Camiño do monte topamos cunhas mulleres que levaban queixos (foto 1), e aquí quero darlle as grazas á organización por pensar nos que facíamos o roteiro e ter preparado ese bocadiño (foto 2) para que non perderamos as forzas.

E por fin chegamos ó monte onde tres homes estaban cavando para facer as borreas. Eu nunca vira facer iso así aprendín unhas cantas cousas. O traballo consistía en cavar na parte mais superficial arrincando os terróns (foto 3), a estes sacudíaselle a terra para deixar as raíces das herbas e íanse amontoando para logo prenderlles lume (foto 4 e 5). As borreas podían arder durante días dependendo da cantidade de terra que levasen. As cinzas convertíanse nun excelente abono natural que era empregado para sementar o pan. Hai que ter en conta que todo este traballo se facía nun anaco do monte non nun agro polo que era ben duro.

Unha das cousas que aprendín e que as borreas eran feitas polos caseiros para abonar as súas colleitas, a razón estaba en que este era o único abono do que normalmente dispoñían xa que o abono de orixe animal era destinado para as fincas onde sementaba a colleita do señor.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

lunes, 30 de enero de 2012

Son d'aldea 2011: os cesteiros







A última casa da aldea na que entramos foi a dos cesteiros/carpinteiros, e poño a barra porque, aínda que nesta entrada só aparezan fotos da explicación que nos deron sobre como facer un cesto, tamén nos contaron como facer outros apeiros empregados acotío no rural, por exemplo un angazo. 
Nas fotografías pódense ver as distintas fases polas que pasa a creación dun cesto dende a colocación das latas de castiñeiro que forman a base do cesto (foto 3), ata o paso previo a facerlle o remate e colocarlle as asas (foto 6). Foi unha mágoa pero non remataron o cesto, por iso non hai foto do resultado final.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

viernes, 27 de enero de 2012

Son d'aldea 2011: os canteiros, a mestra e os crabuñadores








Despois de saír da lareira (xa o contei na entrada anterior), seguimos cruzando a aldea atravesando unha leiras de millo. Nun dos valados do camiño a topamos a unha cuadrilla de canteiros traballando (foto 1). Eles contáronnos como fai anos, en Albá había tres cuadrillas. Falaron dos nomes dos seus aparellos de traballo (foto 2) e de como se traballaba antes.
A primeira casa na que entramos, despois de ver ós canteiros, resultou ser a escola (fotos 3 e 4). A mestra, quen na súa vida real foi mestra rural no Courel, fixo que por un intre todos os presentes reviviramos a educación naqueles anos da posguerra.

Dende a escola collimos camiño cara o monte e ós primeiros que atopamos foron ós crabuñadores (fotos 5 e 6), e dicir, dous homes sentados a sombra dun carballo crabuñando a gadaña para seguir segando. O traballo de crabuñar tiña o seu aquel e así nolo explicaron. Primeiro cravábase a bigornia (esa especie de cravo que se ve na última fotografía) no chan. Sobre a bigornia íase colocando o fío da gadaña e co martelo íanselle dando pequenos golpes (foto 7) co fin de crear un fino fío no metal, para rematar dábanselle unhas pasadas coa pedra de afiar.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

jueves, 26 de enero de 2012

Son d'aldea 2011: o forno e a lareira





Os que estábamos apuntados para participar no Son d'aldea fomos chegando a Santiago de Albá aquel día 3 de setembro sobre as dez da mañá. A organización dividiunos en grupos de dunhas 20 persoas con un guía por grupo.
O meu grupo comezou o roteiro teatral no forno (foto 1). Achegámonos a unha das casa de Albá e alí, preto da palleira, xa estaba a xente sacando o pan do forno. Explicáronnos todo o proceso de cocer o pan e ademais déronnos un anaco para que o probaramos.
Logo seguimos camiñando e ó pasar polo centro da aldea topamos cuns gaiteiros (foto 2) que tocaron unhas pezas para que votaramos un pé.
Seguimos camiñando pola aldea e a seguinte para foi noutra casa na que entramos polas cortes (foto 3), alí estivemos vendo como se muxía unha vaca fai anos, a man e sentada nun tallo.
Aquela corte tiña unha porta que daba directamente coa lareira onde varias mulleres (fotos 4 e 5) facían o queixo e mazaban manteiga.


Detalles do roteiro teatral de Son d'aldea.
Santiago de Albá.
Palas de Rei