sábado, 31 de julio de 2010

O Camiño francés na Ulloa (6)






































Fronte ó Albergue de Eirexe (Ligonde) está o restaurante “Conde de Waldemar”. Paramos alí a comer. Saúdo a Mónica (ela e o seu home, Oscar, dirixen o negocio) e roúbolle unha fotografía mentres ela segue a picar unhas patacas.
Unha das paredes do comedor está reservada para o Conde de Waldemar, persoa singular da que eu descoñecía todo ata que cheguei a aquel comedor.
Manuel Rodríguez Saa naceu en Bagude (Portomarín) no ano 1885. Emigrou buscando fortuna como tantos outros. Non sei como foron os seus comezos pero o caso e que gañouse a vida exercendo de mago, e non dun mago calquera polo que din os escritos e artigos que colgan na parede, mesturados con obxectos persoais, fotografías e ata un cartel dunha actuación. Manuel, Conde de Waldemar, foi recoñecido polos seus contemporáneos como un dos mellores magos do pasado século, de feito, Oscar, o seu sobriño, contoume que hai unha biografía sobre o seu tío que está a piques de ser publicada. Seguro que disfruto cando a lea.

Por certo, moi boa a comida… e o licor café.


Nas fotografías Mónica cociñando e detalles dos obxectos do Conde de Waldemar.
Eirexe.
Parroquia de Ligonde.
Monterroso.


miércoles, 28 de julio de 2010

O Camiño francés na Ulloa (5)












No final da Aldea de Eirexe atópase o primeiro do albergues públicos (foto 1)que hai na Ulloa. Entrei dentro por curiosidade.
Na planta baixa está a cociña, os aseos e o comedor. Enriba dunha das mesas había varios cadernos (foto 2) nas que os peregrinos foron deixando a súa impronta. Chamoume a atención a gran cantidade de cousas escritas en coreano (despois aprendín que era coreano porque, por suposto, non sabería dicir se era chinés, xaponés ou…).
Na segunda planta hai outros aseos e están as habitacións (foto 3) e, ben visible, colga o cartel coas “Normas de utilización da rede de albergues” (fotos 4 e 5). Cousas a destacar destas normas:
O albergue custa 5 euros e iso da dereito a cama con roupa desechable, ducha de auga quente e cociña sen menaxe.
O albergue pechase as 22:00 h. e deben abandonarse antes das 08:00 h. (por fin entendín porque sempre se van tan cedo á cama e porque se erguen cando aínda é noite)
As luces apáganse as 22:30 h.
No 93 fixen o Camiño durmindo so en albergues públicos pero non me lembraba que tivesen unhas normas tan estritas.

Detalles do albergue de peregrinos de Ligonde.
Eirexe.
Parroquia de Ligonde.
Monterroso

domingo, 25 de julio de 2010

O Camiño francés na Ulloa (4)




































































O quilómetro 73 marca a entrada da aldea de Eirexe, na parroquia de Ligonde. Nesta aldea está a igrexa, da que xa falei, e o primeiro albergue público que o peregrino atopa dentro da Ulloa.
Camiñamos pola aldea e non podo evitar meter os fociños na entrada nunha casa, cando vexo cinco touciños (foto 2) colgados no curro.
Xusto a carón da porta da Casa de Varela, atópase o “sarcofago semiantropoide” (fotos 3 e 4) do que fala o cartel informativo que se atopa xunto o cruceiro de Eirexe. Trátase dun sartego que, segundo di Gómez Alvite, “foi traído das Chousas da Airexe”. Tamén di que en tempos foi empregado para afiar coitelos e que pódese ver o rebaixe que os afiados foron deixando nunha das beiras do sartego.


Detalles da aldea de Eirexe.
Ligonde.
Monterroso.

jueves, 22 de julio de 2010

O Camiño francés na Ulloa (3)






























































































Da aldea de Ligonde sáese por una preciosa corredoira (foto 2), no seu valado tomaba o sol un lagarto das silvas (foto 1) que non tivo reparo en posar para a fotografía. Medio quilómetro mais adiante topamos co cruceiro de Eirexe (foto 3), xunto del hai un cartel explicativo que conta que nesa aldea podemos ver un “sarcofago semiantropoide”, a igrexa con restos románicos e prerrománicos, o cruceiro e a casa rectoral.
A igrexa estaba pechada e quedamos sen ver o románico do seu interior, mais no muro sur, a carón da porta lateral e protexida por unhas lousas postas a modo de tellado (fotos 4, 5 e 6), pódense ver os restos prerrománicos dos que fala o cartel. En realidade é a parte superior dun sartego prerrománico que foi empregado como parte da parede do edificio. Mide 2,10 X 0,70 m. e representa, segundo di Izquierdo Perrín, a pasaxe de Daniel mártir no foso dos leóns. Na parte baixa lese unha inscrición que di: RANEMIRUS FECIT (Ramiro fíxoa).


Detalles da igrexa de Eirexe.
Parroquia de Ligonde.
Monterroso.

martes, 20 de julio de 2010

O Camiño francés na Ulloa (2)



































































































No Km 74 está Ligonde. O entrar nos recibe un fermoso hórreo (foto 1), fermoso ata que estás o seu carón e ves que xa lle plantificaron ladrillo. Uns metros mais adiante, a man esquerda do camiño, está a fonte de Xan Ramón ou do Piloño (foto 2). No 2007, María José Gómez Alvite, sacoulle unha fotografía que aparece no seu libro "Ligonde y el Camino de Santiago", a fonte aparecía limpa e coidada cousa que agora non sucede.
Preto da fonte, na man dereita do camiño, están as ruínas da Casa do Rego, (fotos 3 e 4) onde varios autores situaban o "Hospital de Peregrinos", que Gómez Alvite sitúa na actual Casa do correo. No lintel da Casa do Rego pode verse unha inscrición que Alvite transcribe como "1810 ONA ANO DE 1918" e que di, pode referirse a data de inicio e fin do edifico, cousa que o meu xuízo e pouco probable.
Seguindo pola aldea atópase o lugar no que estivo o Cemiterio de Peregrinos (do que xa falei neste sitio) e case fronte del está a Casa de Carneiro, casa que foi hospedaxe de Carlos I o 24 de Marzo de 1520, quen otorgou a casa o "Dereito de asilo", e dicir, os fuxidos que chegasen a porta da casa xa non podían ser apresados. A case aínda conserva os dous escudos (foto 5) da familia no seu exterior.
Xa saíndo da aldea atópase a Casa de Montes, que chama a atención pola inscrición que ten no lintel da portada (foto 6): "FELIPE VILA AÑO D 1838", esta casa foi Casa rectoral ata o século XIX.

Saio de Ligonde. Camiñando...


Detalle da aldea de Ligonde.
Ligonde.
Monterroso

jueves, 15 de julio de 2010

O Camiño francés na Ulloa (1)








































































































En maio do 1993 fixen o Camiño de Santiago dende O Cebreiro. Non volvín a repetilo.

Fai dous meses pensei que estaría ben, para celebrar este Ano Santo, facer de novo o Camiño, pero con unha variante. Facer só os anacos de Camiño de Santiago que quedan dentro da Ulloa, isto é, Camiño Francés e Camiño Primitivo. E así foi, primeiro fixen o Camiño Francés e logo o Primitivo.

O camiño Francés entra na Ulloa pola Serra de Ligonde (foto 1) e correspóndese co quilómetro 76,5 (xa sabedes que os fitos marcan os quilómetros que faltan para chegar a Santiago, polo tanto van decrecendo a medida que avanzas). Pasa pola aldea de A Previsa antes de chegar a Os Lameiros (foto 2) no km, 74,5.
Na entrada de Os Lameiros topamos un cartel informativo (foto 2) que di o seguinte: "Conxunto histórico dos Lameiros. Casa nobiliar (S. XVII). Capela (escudo dos Traba, Piñeiro, Gayoso, Seixas). Cruceiro (1674). Símbolos da pasión. Castros de Ligonde (a 600 metros)". E iso é o que se atopa cando segues a andar.
Da capela, certamente que o que mais impresiona é o escudo, (fotos 3 e 4) eu non teño coñecementos de heráldica, así que quedome co dato do cartel.
Do cruceiro xa falei noutra ocasión e tedes nesa entrada a transcrición da inscrición que reza nun dos seus lados.

Sigo camiñando.


Detalles do Camiño Francés.
Ligonde.
Monterroso.