Mostrando entradas con la etiqueta Hórreos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Hórreos. Mostrar todas las entradas

lunes, 4 de abril de 2011

Os hórreos de Güimil






Os hórreos de Güimil están feitos integramente en madeira. Neles so se emprega a pedra para facer os pés ou para o muro de apoio. Esta clase de hórreos é pouco común dentro da Ulloa e so se ve nas parroquias do leste do concello de Monterroso, todas elas limítrofes coa parroquia de Sucastro (lugar o que pertence Güimil) e nalgunha parroquia do noroeste de Palas de Rei. Supoño que a falta de boa pedra motivou o cambio do granito polo castiñeiro, pero so supoño.
Na aldea hai dez hórreos de madeira e tres de pedra e de seguro que algúns deles non durarán moito.


Detalles de algúns do hórreos.
Parroquia de Sucastro.
Güimil.
Monterroso

miércoles, 13 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (6)











No medio da aldea de Senande, sobre un muro e a metro e medio do chan, érguese unha pequena xoia da nosa etnografía: un hórreo que aínda conserva parte do deseño que tiña pintado.
Xa falei aquí dos hórreos pintados, dos poucos que se conservan e da orixe desta práctica, pero daquela non tiña localizado este fermoso exemplar. Na súa decoración empregáronse tres cores: branco, roxo e verde, que se combinaban ocupando espazos cadrados. Pero o detalle mais singular é a decoración da banda superior que, polo lado que da ó camiño (foto 3), está composta de triángulos alternos de cor branca e roxo cunha liña no fondo de cor verde; e na banda interior do hórreo (foto 4) os triángulos son verdes e brancos e a liña do fondo roxa.

O saír de Senande atópase o marco do km. 76,140 (foto 5) é o Camiño segue polas súas corredoiras.


Detalles de Senande e o Camiño entre o km. 76,140 e o km. 75,615.
Senande.
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei

lunes, 12 de abril de 2010

José López Ferro: construtor de cabaceiras


















































































José López Ferro vive en San Mamede do Carballal, ten 67 anos e, dende fai 3, volveu a facer cabaceiras.

El lembraba como, cando era neno, as facía o seu avó, incluso axudaralle a facer unha. Agora que está xubilado gústalle "enredar nestas cousas de antes". José explicoume que el recolle as corras (foto 3) "na lúa minguante que é cando a sabia ten menos forza", e que as mellores son as dos meses de novembro e decembro, e incluso xaneiro. Para a base (foto 4) escolle paos de castiñeiro (aínda que neste caso son de eucalipto) e os tiradores (as varas que fan de guía para logo trenzar as corras) fainos de castiñeiro ou de avelaira. Na rede emprega salgueiro, mimbio ou abeneiro, segundo atope.

José non fai as cabaceiras cunhas medidas concretas, senón que adáptase ó material que ten: segundo sexa de grande a lousa que teña para apoiar a cabaceira (el chámalle a esa pedra "o cuadro"), así será a base. Outras cousas importantes: primeiro, os paos da base non deben ser mais grandes que o cuadro para que os ratos non suban por eles. Segundo, as cabaceiras deben ter sempre forma cónica pois así a cuberta tórnalle a auga e non escorre por ela, que é o que pasa se é cilíndrica. Terceiro, a portiña ten que ser corredeira porque se leva bisagras o millo empurra nelas e rompen. Por último, el na cuberta ponlle uz (foto 5) en lugar de palla porque dura mais e torna igual da auga.

José ten obras súas en Augasantas, Hospital das Seixas, Meire (Melide) e por suposto na súa casa (fotos 1 e 2), pero non as fai para vender, senón como agasallo para amigos ou xente da súa familia.


Detalles da cabaceira e partes empregadas na súa construción.
Guestrar
San Mamede do Carballal.
Palas de Rei

miércoles, 7 de abril de 2010

As cabaceiras da Ulloa: distribución na comarca











Polos datos que teño, A Ulloa é a comarca de Galicia onde mais cabaceiros (cabazos, cabeceiras) se conservan, eu atopei 27 e de seguro hai mais..
Non todas as cabaceiras que vin son empregadas para gardar o millo, unha terceira parte delas so teñen unha función ornamental, o que deixa patente que no rural da Ulloa as cabaceiras son vistas como parte da nosa historia, como algo noso que non se quere esquecer.
A día de hoxe (e deixo claro iso porque, dada a propia fraxilidade das cabaceiras, as de hoxe poden non estar dentro dun ano) os cabazos están presentes nos tres concellos, pero vense en maior número no de Palas de Rei.
Dentro do concello de Antas de Ulla hai exemplares en Ludeiro, Santa Mariña, Dorra, Antas de Ulla e Os Carreiros. Deste último lugar son que que aparecen na primeira fotografía.
No concello de Monterroso pódense ver nos lugares de Seixós, Fente, A Lucencia e Pedraza (onde se pode ver o exemplar da segunda foto).
Xa en Palas de Rei podemos atopalos en Augasantas, Hospital das Seixas, Maceda, A Veiga, San Mamede do Carballal, Lestedo, O Rosario, Albá, Pidre e Vilareda (foto 3, por certo que esta cabaceira vai desaparecer, segundo me dixo o seu dono, porque ten encargado un hórreo de pedra que irá no lugar onde agora esta o cabazo).

Con este datos, podemos chegar a varias conclusións:
  • As cabaceiras desapareceron do sur e nordés da Ulloa, pero teñen unha gran presencia no noroeste e no centro da comarca.
  • O gran número de cabaceiras que existe, en contraposición cos datos do resto de Galicia, fai que poidamos consideralas como un elemento etnográfico xenuinamente ulloán.
  • O feito de que o cabazo sexa considerado como obxecto ornamental pode axudar a que as cabaceiras non desaparezan.

Cabazos de Os Carreiros, Pedraza e Vilareda.
Os Carreiros (Antas de Ulla)
Pedraza (Monterroso)
Vilareda (Palas de Rei)

jueves, 1 de abril de 2010

Os cabazos (cabaceiras, cabeceiras ou cabiceiras) da Ulloa : distribución xeográfica





















































As cabaceiras, debido o material do que están feitas, teñen unha duración que vai dende os catro ós dez anos, aínda que este espazo sempre ven marcado polas condicións climáticas (por exemplo, o temporal do inverno pasado, o Klaus, rematou co cabazos de Dorra que aparece na foto 1) e a destreza de quen fai o cabazo (non ter as proporcións adecuadas, como é o caso do cabazo de Maceda -foto 2-, faino moito mais inestable).
A curta duración dos cabeceiros, unida á despoboación do rural e a perda de moitos dos costumes agrícolas, fai que o número de concellos nos que os cabazos perviven sexa cada vez menor.

Polos datos que fun recollendo noutros tempos houbo cabazos nos concellos de Poio e Forcarei (Pontevedra), San Sadurniño, Moeche, Laracha, Boiro, Arzúa (todos eles son concellos de A Coruña), Outerio de Rei, Begonte, Meira, Chantada e Ferreira de Pantón (na provincia de Lugo). Non atopei datos do que houbo en Ourense supoño que porque aínda ninguén os recolleu e ademais porque en moitos sitios de Ourense chámaselle cabaceira ó hórreo e iso dificulta atopalos na rede.

Na actualidade segue sendo o interior de Galicia a zona onde mais exemplares se poden ver, así, ademais de estar presentes en toda a comarca da Ulloa, tamén se atopan en Friol, Taboada, Rodeiro (Pontevedra), Agolada (Pontevedra) e Melide (A Coruña). Xa mais afastados do centro pódense ver nos concellos de A Lama (Pontevedra), Caldas de Reis (Pontevedra), Carral (A Coruña), Vilalba (Lugo), Pereiro de Aguiar (Ourense) e na aldea de Vivenzo, no concello de Melón (Ourense).


Cabazo desaparecido de Dorra e cabazo e detalles do cabazo de Maceda.
Dorra, Antas de Ulla.
Maceda, Palas de Rei.

lunes, 29 de marzo de 2010

Os cabazos (cabaceiras, cabeceiras ou cabiceiras) da Ulloa : construción























































































































A mellor época para facer unha cabaceira son os meses de xaneiro e febreiro xa que é antes da primavera cando as varas (ou corras) son mais flexibles pois a sabia aínda non subiu. De feito, foi a finais do mes pasado cando topei cun cabazo a medio facer, na aldea de Seixós (Monterroso).
Este cabazo está feito con un entretecido de corras de castiñeiro (penso que tamén con algunha vara de salgueiro) e, como se ve nas dúas primeiras fotografías, empregaron listón de pino (podería ser bídalo) para facer a estrutura do tellado, tellado que despois foi recuberto con palla, aínda que hai quen os recobre con xesta.


Nas fotografía detalles do cabeceiro durante a súa construción.
Seixós.
Monterroso

miércoles, 24 de marzo de 2010

Os cabazos (cabaceiras, cabeceiras ou cabiceiras) da Ulloa : tipoloxía
















Fai un par de meses topei na rede co título dun artigo publicado na revista Narria (a revista que publica o Museo de Artes y Tradiciones Populares de Universidade Autónoma de Madrid), e digo topei co título porque o artigo en cuestión so é accesible en papel e polo tanto no se atopa na rede.
O artigo titúlase "Cabaceiros de la comarca de la Ulloa", está escrito por Mª del Carmen García Flórez e foi publicado no número 63-64 da citada revista en decembro de 1993.
Unha das cousas que chama a atención dese artigo é a distinción que fai entre "cabazo" e "cabaceiro" que, como se pode ver na ilustración que acompaña o artigo e que aquí reproduzo, basease en diferencialos segundo a súa base sexa circular ou rectangular. A verdade é que esta diferencia non é tal porque na Ulloa non existen cabazos de planta rectangular, o que si é certo é que os cabazos reciben varios nomes dependendo da zona, así pódense chamar cabazo, cabaceiro, cabaceira, cabiceira, cabeceira ou cabaz, palabras que derivan de cabas (cesto cilindrico). Ilustración de Mª del Carmen García Flórez. Na fotografía cabeceira en Albá. Albá. Palas de Rei Quero agradecerlle a Rosario Aguilera Rivera, secretaria do "Museo de Artes y Tradiciones Populares de Universidade Autónoma de Madrid", a súa amabilidade por facilitarme o exemplar da revista Narria do que se fala nesta entrada.
[A 24 de xuño de 2010, os do blog Friol: algo mais que pan e queixo veñen de publicar a foto dunha cabeceira rectangular que ¡aínda está en uso!]

jueves, 4 de febrero de 2010

Os hórreos pintados II















































































O emprego da pintura como protección da madeira dos hórreos, fixo que, na nosa comarca, se deran distintas variantes segundo que fora o dono do hórreo en cuestión. Os motivos xeométricos é sen dúbida unha das formas mais vistosas do emprego da pintura, pero existen moitas variantes.
Os exemplos que se mostran nas fotografías de hoxe reflicten unha parte gran variedade que existe e así temos:
  • Hórreo coa madeira pintada en distintas cores seguindo a verticalidade das táboas: O Vilar (Monterroso).
  • Hórreo pintado en cores alternantes empregando a travesa do medio e as columnas de pedra como divisor de espazos: Avieira, parroquia de Marzá (Palas de Rei).
  • Hórreo pintado en dúas cores empregando unha na metade superior e outra na inferior: Irixe, parroquia de Marzán (Monterroso).
  • Hórreo coa madeira pintada nunha soa cor, neste caso as cores empregadas soen ser o verde, negro ou marrón a pesares de que ó da fotografía sexa azul: Novelúa (Monterroso).
En resumo, a pintura protexe a madeira e despois cada un a emprega segundo o seu criterio estético e a propia necesidade de expresar a súa creatividade, así podemos chegar a categoría dos hórreos artísticos como é o caso do de Frádegas (Antas de Ulla), que a min, persoalmente, gústame.


martes, 2 de febrero de 2010

Os hórreos pintados I






























































































Cada vez son mais escasos os hórreos pintados que aínda conservan a antiga decoración xeométrica que tan común foi na nosa comarca.

Dende antigo, a madeira dos hórreos era pintada co fin de protexela das inclemencias do tempo, supoño que eses deseños só son produto do sentimento estético do dono do hórreo en cuestión. A práctica de pintalos era común e ademais lóxica.
A partires dos anos setenta, a moitos hórreos cambiouselles a súa madeira orixinal por un arrepiante ladrillo, esta aptitude é froito dese pragmatismo tan noso (o ladrillo dura mais ca madeira) e tan antiestético. É curioso, sen embargo, como a costume dos deseños continuou a facerse sobre o ladrillo. Na actualidade, predomina a estética de deixar a madeira a vista e polo tanto estanse a perder os debuxos.

Nestes días estiven a buscar exemplares deses hórreos antigos pintados, só atopei cinco, dous no concello de Antas de Ulla e tres no de Palas de Rei. Os que tedes nas fotografía corresponden ós situados no concello de Antas de Ulla en Castro de Amarante e San Martiño de Villapoupre (fotos 1 a 4), e o situado en Mosteiro de Devesa no concello de Palas de Rei, que como se pode apreciar, está a perder os debuxos.

Por último deixar constancia que aínda hai quen segue a facer os seus deseños, como é o caso dese hórreo pequeniño da última fotografía, que está en Ponte Campaña (Palas de Rei).


Detalles dos hórreos e os seus deseños.
Distintas aldeas dos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei


Atravesa o espello cara A Outra Ulloa



martes, 17 de marzo de 2009

O cabazo da Veiga





























Na mesma finca, no lugar da Veiga, hai dous cabazos. Moito mais baixos cos do centro da comarca e a falta de altura e compensado polo seu ancho, o que lles da un aspecto mais rechoncho. Lembreime dun da parroquia de Miraz (Friol) do que ten unha fotografía o amigo das Terras de Friol no seu post Cabazos. Supoño que ese parecido de formas terá o seu porqué.

Cabazo e detalle do trenzado.
A Veiga.
San Vicente de Ambreixo.
Palas de Rei.

Podes ver o outro cabazo da Veiga visitando A outra Ulloa

miércoles, 18 de febrero de 2009

Cabazos de Dorra
































Mais alto e estilizado co cabazo de Pidre, aínda có de Dorra puxeronlle unha carapucha plástica nun color bastante chirriante a modo de protección final. O seu carón os donos conservan outro das mismas características.

Cabazo e detalle da base.
Dorra.
Antas de Ulla.

Atravesa o espello cara A outra Ulloa.

viernes, 16 de enero de 2009

O cabazo de Pidre



































Din cos cabazos eran os hórreos dos pobres, bendita sexa a beleza das cousas humildes!
Cunha estructura moito mais sinxela e moito menos duradeira cos hórreos graníticos, empregábanse (e aínda se empregan) para gardar o millo.
A estrutura facíase entrelazando corras de salgueiro ou mimbio, enchíase coa colleita e tapábase cun tellado feito de palla de centeo, as veces, recuberto con xesta. As mazorcas íanse sacando, segundo a necesidade, por unha pequena porta con trapela que se deixaba na parte mais baixa.

Pódense ver nas aldeas do interior da comarca, aínda que cada vez son mais escasos porque o tempo non perdoa e as mans dos que sabían facelos vanse esvarecendo.

Cabazo e detalle do trenzado.
Pidre.
Palas de Rei

Atravesa o espello cara A outra Ulloa

jueves, 8 de enero de 2009

O Hórreo de Vilaxoán




















Descoñezo o porqué, o certo é que nas parroquias do primeiro tramo do Camiño de Santiago os hórreos teñen uns fermosos respiros. Neste, o mestre canteiro, tivo a curiosa idea de gravar una serpe.

Hórreo de Vilaxoán.
Parroquia de Lestedo.
Palas de Rei.

(Chouso, este vai para ti, que xa sei que tes debilidade polos hórreos. E tamén para miña irmá, gústame pasear contigo)