lunes, 30 de enero de 2012

Son d'aldea 2011: os cesteiros







A última casa da aldea na que entramos foi a dos cesteiros/carpinteiros, e poño a barra porque, aínda que nesta entrada só aparezan fotos da explicación que nos deron sobre como facer un cesto, tamén nos contaron como facer outros apeiros empregados acotío no rural, por exemplo un angazo. 
Nas fotografías pódense ver as distintas fases polas que pasa a creación dun cesto dende a colocación das latas de castiñeiro que forman a base do cesto (foto 3), ata o paso previo a facerlle o remate e colocarlle as asas (foto 6). Foi unha mágoa pero non remataron o cesto, por iso non hai foto do resultado final.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

viernes, 27 de enero de 2012

Son d'aldea 2011: os canteiros, a mestra e os crabuñadores








Despois de saír da lareira (xa o contei na entrada anterior), seguimos cruzando a aldea atravesando unha leiras de millo. Nun dos valados do camiño a topamos a unha cuadrilla de canteiros traballando (foto 1). Eles contáronnos como fai anos, en Albá había tres cuadrillas. Falaron dos nomes dos seus aparellos de traballo (foto 2) e de como se traballaba antes.
A primeira casa na que entramos, despois de ver ós canteiros, resultou ser a escola (fotos 3 e 4). A mestra, quen na súa vida real foi mestra rural no Courel, fixo que por un intre todos os presentes reviviramos a educación naqueles anos da posguerra.

Dende a escola collimos camiño cara o monte e ós primeiros que atopamos foron ós crabuñadores (fotos 5 e 6), e dicir, dous homes sentados a sombra dun carballo crabuñando a gadaña para seguir segando. O traballo de crabuñar tiña o seu aquel e así nolo explicaron. Primeiro cravábase a bigornia (esa especie de cravo que se ve na última fotografía) no chan. Sobre a bigornia íase colocando o fío da gadaña e co martelo íanselle dando pequenos golpes (foto 7) co fin de crear un fino fío no metal, para rematar dábanselle unhas pasadas coa pedra de afiar.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

jueves, 26 de enero de 2012

Son d'aldea 2011: o forno e a lareira





Os que estábamos apuntados para participar no Son d'aldea fomos chegando a Santiago de Albá aquel día 3 de setembro sobre as dez da mañá. A organización dividiunos en grupos de dunhas 20 persoas con un guía por grupo.
O meu grupo comezou o roteiro teatral no forno (foto 1). Achegámonos a unha das casa de Albá e alí, preto da palleira, xa estaba a xente sacando o pan do forno. Explicáronnos todo o proceso de cocer o pan e ademais déronnos un anaco para que o probaramos.
Logo seguimos camiñando e ó pasar polo centro da aldea topamos cuns gaiteiros (foto 2) que tocaron unhas pezas para que votaramos un pé.
Seguimos camiñando pola aldea e a seguinte para foi noutra casa na que entramos polas cortes (foto 3), alí estivemos vendo como se muxía unha vaca fai anos, a man e sentada nun tallo.
Aquela corte tiña unha porta que daba directamente coa lareira onde varias mulleres (fotos 4 e 5) facían o queixo e mazaban manteiga.


Detalles do roteiro teatral de Son d'aldea.
Santiago de Albá.
Palas de Rei


miércoles, 25 de enero de 2012

Eu son d'aldea 2011

O día 3 setembro do ano pasado, celebrouse en Santiago de Albá (Palas de Rei), a primeira edición do Son d'Aldea. Este evento foi, sen dúbida, o mellor acto cultural feito na Ulloa durante o pasado ano.
O evento, organizado pola asociación de veciños "O Parzamique" e "Arqueixal", consitiu nunha recreación teatral do mundo rural nos anos corenta, no que o escenario era a propia aldea de Santiago de Albá e os seus arredores, os actores eran os veciños de Albá e o grupo de guías deste roteiro teatral estaba formado polos compoñentes de Metátese Teatro.

Penso que ninguén dos que nos apuntamos a participar nesta actividade sabíamos moi ben ó que íamos, pero grazas a participación activa da xente de Santiago de Albá nesta recreación, o Son d'Aldea 2011 converteuse no mellor espectáculo teatral rural que podo lembrar.

Nas seguintes entradas irei mais polo miúdo a cada unha dos escenarios destes Son d'Aldea.


Cartel do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

martes, 24 de enero de 2012

De volta

Medio ano de paro nesta casa, pero eu non deixei de facer fotos. Con ordenador novo xa é hora de traballar un pouco, pero teño que ir con un pouco de orden así comezarei polas fotos mais vellas.

Paciencia.