jueves, 29 de abril de 2010

Cronoloxía das decoracións feitas con cal




































































Sobre a cronoloxía das decoracións de fachadas feitas con cal, Plácido Lizancos Mora recolle unha data: 1706, este ano e a data mais antiga gravada xunto coas decoracións. A pesares diso toma ese dato con precaución pois podería facer referencia a construción da casa e non a feitura dos adornos.
Plácido Lizancos afirma que a meirande parte dos debuxos que aínda se conservan foron feitos nos anos 30, e que foi nos anos 50 cando se fixeron os últimos, aínda que deixa constancia de que o declive deste elemento da nosa arquitectura popular comezou trala Guerra Civil.

As fotografía recollen detalles das decoracións dunha casa da Lucencia. No lintel da portada aparece a data 1897, iso quere dicir que con toda seguridade se fixeron, como moi cedo, na primeira década do século XX.


A Lucencia.
Parroquia de Lodoso.
Monterroso


sábado, 24 de abril de 2010

Tipoloxía das decoracións feitas con cal nos edificios da Ulloa































































No traballo "Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo" clasifica os debuxos segundo a forma de gravalos nas fachadas. De este xeito estarían, por unha banda, "os pintados sobre unha capa de recebo ou encalado" (fotos 1 e 2), deste sistema quedan moi poucos exemplos pero a súa escaseza queda compensada coa súa vistosidade. Por outro lado estarían "os pintados formando parte do encintado" (foto 3) e que na Ulloa constitúen a case totalidade de debuxos. Por último, "os pintados directamente sobre a pedra", dos que eu so coñezo o da última fotografía, que para maior desgraza está a piques de desaparecer. Neste último debuxo, que pode verse na fachada dunha casa de Vilane (Antas de Ulla), representábanse, segundo me dixo un veciño, unha banda de gaiteiros, formada por dous gaiteiros, un home con un bombo e outro con unha especie de tuba.


Detalles de diferentes técnicas.
Foto 1: Regadío (Antas de Ulla)
Foto 2:Vilar de Donas (Palas de Rei)
Foto 3: Monterroso (Monterroso)
Foto 4: Vilane (Antas de Ulla)

jueves, 22 de abril de 2010

Distribución xeográfica das decoracións feitas con cal nos edificios da Ulloa































































Sobre a distribución xeográfica destas decoracións nos edificios galegos, o traballo de Plácido Lizancos Mora expón que se da nos concellos de Monforte, Sober, Pobra do Brollón, Ferreira de Pantón, Carballedo, O Saviñao, Taboada, Guntín de pallares, Portomarín e os tres concellos da Comarca da Ulloa. Tamén fala da existencia de técnicas parecidas en algún punto da Ribeira Sacra de Ourense e en zonas de Ourense limítrofes con Portugal.

Se analizamos a distribución xeográfica dentro da Ulloa hai que dicir que está ausente do norte e norleste da Ulloa. Esta ausencia é lóxica xa que, na construción das casas desa zona, non se empregan grandes pedras de granito senón pedras de lousa de pequeno tamaño onde o encalado está ausente ou, se o hai, non ten decoracións (mellor dito, eu non as vin). Salvo esa excepción, na Ulloa pódense ver estas decoracións en calquera dos concellos, con especial presenza naquelas parroquias onde se reformaron un menor número de casa nos últimos anos xa que, por desgraza, as reformas das casas veñen acompañadas do repicado sistemático dos encalados.


Detalles de distintas casas dos tres concellos da Ulloa.
Foto 1: Castro de Amarante (Antas de Ulla).
Fotos 2 e 3: Gontá (Palas de Rei)
Foto 4: Vilance (Monterroso)

martes, 20 de abril de 2010

Decoracións feitas con cal nos edificios da Ulloa
















































Topei na rede con un artigo titulado "Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo", escrito polo arquitecto Placido Lizancos Morano ano 1993.- No encabezamento fala de que el, xunto con Ana Sogo López, Xosé Manuel Vázquez Rodriguez e Xosé Luis López de Prado, realizaron entre os anos 1992m e 1993 o "inventario dos edificios decorados con debuxos realizados en cal" dentro da Ribeira Sacra Lucense e outros concellos do interior.

Para min, como para outra xente, estes debuxos sempre foron "recintados" (que é o nome que se lle dá na Ulloa ó encitado das xuntas nas fachadas exteriores das casas. Plácido Lizancos argumenta no seu traballo que estes encintados con formas "arabescas" constitúen unha forma de "decoración tradicional vencellada á arquitectura popular" e que non se trata dun encitado decorado senón "dunha manifestación artística conformada por numerosas solucións tipolóxicas".


Detalles de decoracións na Ulloa.
Gontá (Palas de Rei).
Monterroso (Monterroso).
Vilance (Monterroso).

lunes, 12 de abril de 2010

José López Ferro: construtor de cabaceiras


















































































José López Ferro vive en San Mamede do Carballal, ten 67 anos e, dende fai 3, volveu a facer cabaceiras.

El lembraba como, cando era neno, as facía o seu avó, incluso axudaralle a facer unha. Agora que está xubilado gústalle "enredar nestas cousas de antes". José explicoume que el recolle as corras (foto 3) "na lúa minguante que é cando a sabia ten menos forza", e que as mellores son as dos meses de novembro e decembro, e incluso xaneiro. Para a base (foto 4) escolle paos de castiñeiro (aínda que neste caso son de eucalipto) e os tiradores (as varas que fan de guía para logo trenzar as corras) fainos de castiñeiro ou de avelaira. Na rede emprega salgueiro, mimbio ou abeneiro, segundo atope.

José non fai as cabaceiras cunhas medidas concretas, senón que adáptase ó material que ten: segundo sexa de grande a lousa que teña para apoiar a cabaceira (el chámalle a esa pedra "o cuadro"), así será a base. Outras cousas importantes: primeiro, os paos da base non deben ser mais grandes que o cuadro para que os ratos non suban por eles. Segundo, as cabaceiras deben ter sempre forma cónica pois así a cuberta tórnalle a auga e non escorre por ela, que é o que pasa se é cilíndrica. Terceiro, a portiña ten que ser corredeira porque se leva bisagras o millo empurra nelas e rompen. Por último, el na cuberta ponlle uz (foto 5) en lugar de palla porque dura mais e torna igual da auga.

José ten obras súas en Augasantas, Hospital das Seixas, Meire (Melide) e por suposto na súa casa (fotos 1 e 2), pero non as fai para vender, senón como agasallo para amigos ou xente da súa familia.


Detalles da cabaceira e partes empregadas na súa construción.
Guestrar
San Mamede do Carballal.
Palas de Rei

miércoles, 7 de abril de 2010

As cabaceiras da Ulloa: distribución na comarca











Polos datos que teño, A Ulloa é a comarca de Galicia onde mais cabaceiros (cabazos, cabeceiras) se conservan, eu atopei 27 e de seguro hai mais..
Non todas as cabaceiras que vin son empregadas para gardar o millo, unha terceira parte delas so teñen unha función ornamental, o que deixa patente que no rural da Ulloa as cabaceiras son vistas como parte da nosa historia, como algo noso que non se quere esquecer.
A día de hoxe (e deixo claro iso porque, dada a propia fraxilidade das cabaceiras, as de hoxe poden non estar dentro dun ano) os cabazos están presentes nos tres concellos, pero vense en maior número no de Palas de Rei.
Dentro do concello de Antas de Ulla hai exemplares en Ludeiro, Santa Mariña, Dorra, Antas de Ulla e Os Carreiros. Deste último lugar son que que aparecen na primeira fotografía.
No concello de Monterroso pódense ver nos lugares de Seixós, Fente, A Lucencia e Pedraza (onde se pode ver o exemplar da segunda foto).
Xa en Palas de Rei podemos atopalos en Augasantas, Hospital das Seixas, Maceda, A Veiga, San Mamede do Carballal, Lestedo, O Rosario, Albá, Pidre e Vilareda (foto 3, por certo que esta cabaceira vai desaparecer, segundo me dixo o seu dono, porque ten encargado un hórreo de pedra que irá no lugar onde agora esta o cabazo).

Con este datos, podemos chegar a varias conclusións:
  • As cabaceiras desapareceron do sur e nordés da Ulloa, pero teñen unha gran presencia no noroeste e no centro da comarca.
  • O gran número de cabaceiras que existe, en contraposición cos datos do resto de Galicia, fai que poidamos consideralas como un elemento etnográfico xenuinamente ulloán.
  • O feito de que o cabazo sexa considerado como obxecto ornamental pode axudar a que as cabaceiras non desaparezan.

Cabazos de Os Carreiros, Pedraza e Vilareda.
Os Carreiros (Antas de Ulla)
Pedraza (Monterroso)
Vilareda (Palas de Rei)

jueves, 1 de abril de 2010

Os cabazos (cabaceiras, cabeceiras ou cabiceiras) da Ulloa : distribución xeográfica





















































As cabaceiras, debido o material do que están feitas, teñen unha duración que vai dende os catro ós dez anos, aínda que este espazo sempre ven marcado polas condicións climáticas (por exemplo, o temporal do inverno pasado, o Klaus, rematou co cabazos de Dorra que aparece na foto 1) e a destreza de quen fai o cabazo (non ter as proporcións adecuadas, como é o caso do cabazo de Maceda -foto 2-, faino moito mais inestable).
A curta duración dos cabeceiros, unida á despoboación do rural e a perda de moitos dos costumes agrícolas, fai que o número de concellos nos que os cabazos perviven sexa cada vez menor.

Polos datos que fun recollendo noutros tempos houbo cabazos nos concellos de Poio e Forcarei (Pontevedra), San Sadurniño, Moeche, Laracha, Boiro, Arzúa (todos eles son concellos de A Coruña), Outerio de Rei, Begonte, Meira, Chantada e Ferreira de Pantón (na provincia de Lugo). Non atopei datos do que houbo en Ourense supoño que porque aínda ninguén os recolleu e ademais porque en moitos sitios de Ourense chámaselle cabaceira ó hórreo e iso dificulta atopalos na rede.

Na actualidade segue sendo o interior de Galicia a zona onde mais exemplares se poden ver, así, ademais de estar presentes en toda a comarca da Ulloa, tamén se atopan en Friol, Taboada, Rodeiro (Pontevedra), Agolada (Pontevedra) e Melide (A Coruña). Xa mais afastados do centro pódense ver nos concellos de A Lama (Pontevedra), Caldas de Reis (Pontevedra), Carral (A Coruña), Vilalba (Lugo), Pereiro de Aguiar (Ourense) e na aldea de Vivenzo, no concello de Melón (Ourense).


Cabazo desaparecido de Dorra e cabazo e detalles do cabazo de Maceda.
Dorra, Antas de Ulla.
Maceda, Palas de Rei.