Preto do pavillón de peregrinos dos Chacotes está o marco do km. 66 que anuncia a entrada en Palas de Rei. Como é lóxico, o camiño pasa pola igrexa parroquial de San Tirso que, aínda que data de finais do século XII, da súa orixe románica so conserva a entrada principal (foto 2) que foi respectada a pesares das continuas reformas que sufriu o templo.
No exterior da igrexa atopase o cruceiro (foto 3), que ten a peculiaridade de ser un cruceiro-esmoleiro, é dicir, na súa base (foto 4) hai un burato feito na pedra a modo de caixón para as esmolas. É unha mágoa que non conserve o ferro que faría as veces de tapa, pero aínda se poden ver restos dos ancoraxes que a amarraban. Os cruceiros-esmoleiros non deben confundirse cos petos de ánimas. Os dous teñen caixón para as esmolas pero o peto sempre vai acompañado dunha referencia as ánimas (escrita ou en imaxes) e o esmoleiro non. Sobre este tema vale a pena ler o libro de Estanislao Fernández de la Cigoña “Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo”, no que ademais faise mención a este cruceiro-esmoleiro de Palas de Rei.
Xusto no centro do pobo de Palas de Rei atopase o albergue municipal, que foi aberto no 1993 (recordo esta data porque eu fixen o camiño en maio dese ano e daquela estaban en obras pero aínda non funcionaba), e moito mais pequeno co dos Chacotes, so ten 60 prazas, pero a avantaxe de estar no centro do pobo.
Detalles do camiño entre os km. 66 e 65
Parroquia de Palas de Rei.
Palas de Rei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario