jueves, 29 de abril de 2010

Cronoloxía das decoracións feitas con cal




































































Sobre a cronoloxía das decoracións de fachadas feitas con cal, Plácido Lizancos Mora recolle unha data: 1706, este ano e a data mais antiga gravada xunto coas decoracións. A pesares diso toma ese dato con precaución pois podería facer referencia a construción da casa e non a feitura dos adornos.
Plácido Lizancos afirma que a meirande parte dos debuxos que aínda se conservan foron feitos nos anos 30, e que foi nos anos 50 cando se fixeron os últimos, aínda que deixa constancia de que o declive deste elemento da nosa arquitectura popular comezou trala Guerra Civil.

As fotografía recollen detalles das decoracións dunha casa da Lucencia. No lintel da portada aparece a data 1897, iso quere dicir que con toda seguridade se fixeron, como moi cedo, na primeira década do século XX.


A Lucencia.
Parroquia de Lodoso.
Monterroso


sábado, 24 de abril de 2010

Tipoloxía das decoracións feitas con cal nos edificios da Ulloa































































No traballo "Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo" clasifica os debuxos segundo a forma de gravalos nas fachadas. De este xeito estarían, por unha banda, "os pintados sobre unha capa de recebo ou encalado" (fotos 1 e 2), deste sistema quedan moi poucos exemplos pero a súa escaseza queda compensada coa súa vistosidade. Por outro lado estarían "os pintados formando parte do encintado" (foto 3) e que na Ulloa constitúen a case totalidade de debuxos. Por último, "os pintados directamente sobre a pedra", dos que eu so coñezo o da última fotografía, que para maior desgraza está a piques de desaparecer. Neste último debuxo, que pode verse na fachada dunha casa de Vilane (Antas de Ulla), representábanse, segundo me dixo un veciño, unha banda de gaiteiros, formada por dous gaiteiros, un home con un bombo e outro con unha especie de tuba.


Detalles de diferentes técnicas.
Foto 1: Regadío (Antas de Ulla)
Foto 2:Vilar de Donas (Palas de Rei)
Foto 3: Monterroso (Monterroso)
Foto 4: Vilane (Antas de Ulla)

jueves, 22 de abril de 2010

Distribución xeográfica das decoracións feitas con cal nos edificios da Ulloa































































Sobre a distribución xeográfica destas decoracións nos edificios galegos, o traballo de Plácido Lizancos Mora expón que se da nos concellos de Monforte, Sober, Pobra do Brollón, Ferreira de Pantón, Carballedo, O Saviñao, Taboada, Guntín de pallares, Portomarín e os tres concellos da Comarca da Ulloa. Tamén fala da existencia de técnicas parecidas en algún punto da Ribeira Sacra de Ourense e en zonas de Ourense limítrofes con Portugal.

Se analizamos a distribución xeográfica dentro da Ulloa hai que dicir que está ausente do norte e norleste da Ulloa. Esta ausencia é lóxica xa que, na construción das casas desa zona, non se empregan grandes pedras de granito senón pedras de lousa de pequeno tamaño onde o encalado está ausente ou, se o hai, non ten decoracións (mellor dito, eu non as vin). Salvo esa excepción, na Ulloa pódense ver estas decoracións en calquera dos concellos, con especial presenza naquelas parroquias onde se reformaron un menor número de casa nos últimos anos xa que, por desgraza, as reformas das casas veñen acompañadas do repicado sistemático dos encalados.


Detalles de distintas casas dos tres concellos da Ulloa.
Foto 1: Castro de Amarante (Antas de Ulla).
Fotos 2 e 3: Gontá (Palas de Rei)
Foto 4: Vilance (Monterroso)

martes, 20 de abril de 2010

Decoracións feitas con cal nos edificios da Ulloa
















































Topei na rede con un artigo titulado "Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo", escrito polo arquitecto Placido Lizancos Morano ano 1993.- No encabezamento fala de que el, xunto con Ana Sogo López, Xosé Manuel Vázquez Rodriguez e Xosé Luis López de Prado, realizaron entre os anos 1992m e 1993 o "inventario dos edificios decorados con debuxos realizados en cal" dentro da Ribeira Sacra Lucense e outros concellos do interior.

Para min, como para outra xente, estes debuxos sempre foron "recintados" (que é o nome que se lle dá na Ulloa ó encitado das xuntas nas fachadas exteriores das casas. Plácido Lizancos argumenta no seu traballo que estes encintados con formas "arabescas" constitúen unha forma de "decoración tradicional vencellada á arquitectura popular" e que non se trata dun encitado decorado senón "dunha manifestación artística conformada por numerosas solucións tipolóxicas".


Detalles de decoracións na Ulloa.
Gontá (Palas de Rei).
Monterroso (Monterroso).
Vilance (Monterroso).

lunes, 12 de abril de 2010

José López Ferro: construtor de cabaceiras


















































































José López Ferro vive en San Mamede do Carballal, ten 67 anos e, dende fai 3, volveu a facer cabaceiras.

El lembraba como, cando era neno, as facía o seu avó, incluso axudaralle a facer unha. Agora que está xubilado gústalle "enredar nestas cousas de antes". José explicoume que el recolle as corras (foto 3) "na lúa minguante que é cando a sabia ten menos forza", e que as mellores son as dos meses de novembro e decembro, e incluso xaneiro. Para a base (foto 4) escolle paos de castiñeiro (aínda que neste caso son de eucalipto) e os tiradores (as varas que fan de guía para logo trenzar as corras) fainos de castiñeiro ou de avelaira. Na rede emprega salgueiro, mimbio ou abeneiro, segundo atope.

José non fai as cabaceiras cunhas medidas concretas, senón que adáptase ó material que ten: segundo sexa de grande a lousa que teña para apoiar a cabaceira (el chámalle a esa pedra "o cuadro"), así será a base. Outras cousas importantes: primeiro, os paos da base non deben ser mais grandes que o cuadro para que os ratos non suban por eles. Segundo, as cabaceiras deben ter sempre forma cónica pois así a cuberta tórnalle a auga e non escorre por ela, que é o que pasa se é cilíndrica. Terceiro, a portiña ten que ser corredeira porque se leva bisagras o millo empurra nelas e rompen. Por último, el na cuberta ponlle uz (foto 5) en lugar de palla porque dura mais e torna igual da auga.

José ten obras súas en Augasantas, Hospital das Seixas, Meire (Melide) e por suposto na súa casa (fotos 1 e 2), pero non as fai para vender, senón como agasallo para amigos ou xente da súa familia.


Detalles da cabaceira e partes empregadas na súa construción.
Guestrar
San Mamede do Carballal.
Palas de Rei