






Todos sabemos que, en principio, a palleira era o lugar que servía para gardar a herba segada no verán para ter alimento para o gando no inverno. A realidade era mais complexa. A palleira servía para gardar a herba, si, pero na maioría das casas empregábase para gardar todo aquelo que non tiña cabida noutro sitio da casa. Así podías atopar a leña, o carro, os canizos e arados (agora é o tractor e todos os seus acoples), os adivales, toda clase de obxectos empregados para labrar, algún moble xubilado e, por suposto, os cans durmindo a súa sesta.
A forma e as dimensións da palleira variaban segundo fose a casa e o seu poder económico, pero as tipoloxías que se dan na Ulloa non varían moito das que aparecen noutras zonas do interior. Así, as palleiras poden ser de un piso (fotos 1, 2, 3 e 4) ou de dous (fotos 5, 6 e 7). Dentro das palleiras dun so piso están as que teñen dúas paredes de pedra e dúas dúas de madeira (fotos 1 e 2), e as que teñen tres paredes de pedra e unha cuarta que pode estar pechada en madeira (foto 3), aberta sen ningún tipo de peche ou combinando pedra e madeira nalgures (foto 4).
Nas palleiras de dúas plantas o normal é empregar a parte baixa para gardar a leña, os pipos do viño ou todas esas cousas das que antes falabamos, pero isto non sempre se cumpre, de feito, na casa dos meus avós, na parte alta da palleira gardábanse as ferramentas, os trastos vellos e unha máquina que servía para debullar o millo.
Detalle das distintas clases de palleiras.
San Mamede do Carballal (Palas de Rei).
Carballo (Antas de Ulla).
Vilance (Monterroso).
Xeré (Palas de Rei)
Santa Mariña de Castro de Amarante (Antas de Ulla)