lunes, 20 de junio de 2011

Os valados de pedras irregulares e sen chanto de apoio


O primeiro tipo de valados que se pode atopar na Ulloa é o que está feito con pedras mais ou menos irregulares e de distintos tamaños. Polo xeral as pedras son mais ben pequenas, de tal xeito que este tipo de divisións podían ser feitas por unha soa persoa.

A maneira de construílos segue sempre (case sempre) a mesma pauta: primeiro colócanse as pedras mais grandes para que fagan de base ó valado, despois vanse mesturando distintos tamaños para ir tapando os ocos o mellor posible, e por último remátanse con pedras planas e grandes para que faga de amarre (fotos 1 a 4). En algúns casos, os que menos, este último paso non se fai e o remate do muro está formado polas pedras mais pequenas do valado (fotos 5 e 6) o que fai que sexa moi inestable, de feito, de pequena, este tipo de valados era o que mais medo me daba saltar porque sabías que tiñas todas as de caer.

Deste tipo de valados pasase a outro de feitura mixta (fotos 7 e 8) nos que xa se empregan pedras mais planas xunto con outras irregulares o que da unha maior estabilidade ó conxunto.


As fotografía pertencen a valados de Xermeade (Merlán), Felpós, Cibreiro (Agüela),Sucastro, Santa Mariña de Castro de Amarante e San Xoán de Laia.

martes, 14 de junio de 2011

Os valados da Ulloa 1: introdución

Os valados son o froito mais visible do noso minifundismo. Separacións para delimitar propiedades veciñas ou para protexer as fincas do libre paso de persoas ou animais alleos. Son todos distintos e tamén moi semellantes. Levo medio ano observando as súas características e facéndolles fotos e podería seguir moito mais tempo sorprendéndome con eles, pero penso que co que teño calquera se pode facer unha idea do que hai.
A pesares de que é certo que todos valados son distintos, porque a materia prima determina o resultado, pódese dicir que so hai catro grupos básicos:
1.Os valados feitos con pedras irregulares sen chantos de apoio (foto 1)
2.Os feitos con pedras de diferentes tamaños pero con caras planas e que tampouco teñen chantos de apoio (foto 2)
3.Os valados feitos con chantos colocados un xunto ó outro formando unha fila (foto 3)
4.Os valados nos que se colocan chantos mais ou menos separados entre si e nos que os ocos son tapados con pedras mais pequenas (foto 4). Este tipo é o mais común en toda A Ulloa.

Ademais dos valados de pedra existen outro tipo de separación de fincas: as sebes (foto 5) que consiste en plantar determinados arbustos que son podados de tal xeito que acaban formando verdadeiros valados vexetais.


Fotografías de valados de Felpós, Hospital das Seixas, Marzán, Santa Mariña de Castro de Amarante e sebes de Quindimil.

lunes, 16 de mayo de 2011

Letras galegas: dous poetas ulloáns



O mellor xeito de celebrar as Letras Galegas e traéndoas aquí. Déixovos uns poemas de dous poetas nacidos na Ulloa.


Sabedes o que é ir coa boca chea
de poesía, mamando versos,
cara un lago que se enche de augas musicais?
Amades, de vagar, a madeira?, e os tellados antigos?
Coñecedes as aptitudes da pel?, e
vislumbrades, armados de ternura,
nos acenos do pracer, a loucura
que nos habita e nos sostén
cando todo o soño se derruba?

Virán visitarnos, estaremos idos.
Virán preguntarnos, será tarde.

(Sen título. Xesús Pereiras, Cantos da seiva, 2002)



Mirar de fronte as cousas da historia.
Tirar
áncoras
da lingua.
(Escola
para cativos vietnamitas en,
por
exemplo, Saigón,
1951: "os nosos devanceiros,
os galos,
eran loiros e tiñan os ollos azuis").
De fite en fite,
a colisión, as fracturas,
as liñas de fuga.
O éxodo.


(Método dialéctico. Daniel Salgado, Éxodo, 2006)




martes, 3 de mayo de 2011

As palleiras na Ulloa







Todos sabemos que, en principio, a palleira era o lugar que servía para gardar a herba segada no verán para ter alimento para o gando no inverno. A realidade era mais complexa. A palleira servía para gardar a herba, si, pero na maioría das casas empregábase para gardar todo aquelo que non tiña cabida noutro sitio da casa. Así podías atopar a leña, o carro, os canizos e arados (agora é o tractor e todos os seus acoples), os adivales, toda clase de obxectos empregados para labrar, algún moble xubilado e, por suposto, os cans durmindo a súa sesta.

A forma e as dimensións da palleira variaban segundo fose a casa e o seu poder económico, pero as tipoloxías que se dan na Ulloa non varían moito das que aparecen noutras zonas do interior. Así, as palleiras poden ser de un piso (fotos 1, 2, 3 e 4) ou de dous (fotos 5, 6 e 7). Dentro das palleiras dun so piso están as que teñen dúas paredes de pedra e dúas dúas de madeira (fotos 1 e 2), e as que teñen tres paredes de pedra e unha cuarta que pode estar pechada en madeira (foto 3), aberta sen ningún tipo de peche ou combinando pedra e madeira nalgures (foto 4).

Nas palleiras de dúas plantas o normal é empregar a parte baixa para gardar a leña, os pipos do viño ou todas esas cousas das que antes falabamos, pero isto non sempre se cumpre, de feito, na casa dos meus avós, na parte alta da palleira gardábanse as ferramentas, os trastos vellos e unha máquina que servía para debullar o millo.


Detalle das distintas clases de palleiras.
San Mamede do Carballal (Palas de Rei).
Carballo (Antas de Ulla).
Vilance (Monterroso).
Xeré (Palas de Rei)
Santa Mariña de Castro de Amarante (Antas de Ulla)

lunes, 4 de abril de 2011

Os hórreos de Güimil






Os hórreos de Güimil están feitos integramente en madeira. Neles so se emprega a pedra para facer os pés ou para o muro de apoio. Esta clase de hórreos é pouco común dentro da Ulloa e so se ve nas parroquias do leste do concello de Monterroso, todas elas limítrofes coa parroquia de Sucastro (lugar o que pertence Güimil) e nalgunha parroquia do noroeste de Palas de Rei. Supoño que a falta de boa pedra motivou o cambio do granito polo castiñeiro, pero so supoño.
Na aldea hai dez hórreos de madeira e tres de pedra e de seguro que algúns deles non durarán moito.


Detalles de algúns do hórreos.
Parroquia de Sucastro.
Güimil.
Monterroso