domingo, 19 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Pena das Pías




























































































De todas as penas con gravados da Uceira, está é a máis fácil de localizar porque a ¿50 metros? (suponse que polo que dicía o DOGA debería habelos, penso que son un pouco escasos) está colocado un dos postes da liña de alta tensión do parque eólico.
O nome das pías (foto 1) é evidente. A pena principal contén cinco pías de base plana (¿naturais?) e cada unha delas está rodeada no borde superior por cazoletas (foto 2). As cazoletas non só ocupan o entorno das pías senón que tamén se estenden polo resto rocha mesturándose con gravados de ferraduras (foto 4) e cruces (foto 5).
A tres metros dela, xa a ras de chan, hai outra pequena rocha (foto 3) que contén un fermoso gravado aparentemente circular, aínda que visto mais de preto semella un seudolaberinto, xunto a el, apenas visibles polo desgaste (e o mato que rodea á pedra) hai outras dúas figuras circulares de menor tamaño.
Entre a rocha principal e á que contén os gravados circulares hai unha pequena rocha (foto 6) con varias cazoletas rodeando a unha central dando a impresión de formar un círculo aínda que non ben delimitado.


Detalles da Pena das Pías.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

lunes, 13 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: E1







































































Cando a atopei chameina a Pena Nova, simplemente porque non tiña nome, así que dende entón nos meus arquivos aparece con ese nome. No estudio de Rellán, Gorgoso e Fábregas denomínase a E1 (Estación 1) e o calco que eles fixeron tédelo e primeiro lugar.

Esta pedra (foto 1), de uns cinco por tres metros, está a ras do chan, tan a ras que a primeira vez que a vin tiña unha gran bosta encima, porque aquí antes pastaban as vacas (que alguén tiña que limpar o monte) e a evidencia di que pasaban por ela. O desgaste nela é evidente e aínda así pode se apreciar con relativa claridade o figura (foto 2) de maior tamaño (97 cm.) e de maior número de círculos. Chama tamén a atención o elevado número de gravados históricos (tendo en conta as pequena dimensións da pedra) formados por cruces inscritas en pequenos círculos e as dúas figuras cuadrangulares tipo taboleiro.

Xunto a esta pena existen outras dúas (foto 3) que na actualidade están cubertas de toxo e non son visibles. A que está mais preto da Pena Nova (foto 3) contén unhas 30 cazoletas e na seguinte pódense observar algunha cazoletas e varias cruces.


Xeral e detalles da E1
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

miércoles, 8 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada V


























































Remato xa coa Laxe Ferrada mostrándovos o sector surleste que podedes apreciar no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía tedes en primeiro plano o gran circulo duplo de 1,75 m. de diámetro máximo. Está figura está feita sobre unha pequena elevación da pedra ó que fai que aínda pareza mais grande do que é.
Preto dela (foto 2) hai un gravado que, aínda que Rellán e os seus compañeiros non o consideran prehistórico (e eu non teño razóns para afirmar que o é pero tampouco para dicir que non) merece a pena observalo con detenimento pola propia rareza do gravado: cinco cazoletas das que saen cinco liñas rectas, unha por cada cazoleta.
Por último (foto3) volver ó motivo mais repetido: as ferraduras, que por algo esta pedra se chama como se chama.


Detalles do sector surleste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

martes, 7 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada IV








































































O desgaste do gran conxunto situado na parte nordeste da Laxe Ferrada fai que este fermoso conxunto de gravados so se poida apreciar nunhas condicións de luz moi determinadas, supoño que iso tamén determinou que o calco non sexa todo o exacto que debería.

Como no resto da pedra, gravados prehistóricos e mais recentes mistúranse, tal como podedes apreciar no calco de Rellán e os seus compañeiros, que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía veredes unha xeral (incompleta) deste sector no que se aprecia o enorme desgaste da zona. Na segunda fotografía (moito mais vella) o conxunto de gravados mais complexos de toda a pedra. Na terceira, ó curioso caso das pombas, curioso porque as pombas, como se pode apreciar polo tipo de furco, son relativamente recentes, e rodean ó gravado circular sen chegar a tocalo. No calco non aparece outra figura ben curiosa, a do "xabarín" situado entre as dúas pombas mais grandes.

Outra curiosidade deste sector: na parte baixa do calco podedes ver tres cruces de gran tamaño, pois á do medio marca a liña divisioria entre esta tenza e a do lado. Explícome, o monte da Somoza non é comunal, senón que a finais dos anos 40 foi repartido entre os veciños e dividido en parcelas (tenzas), a Laxe Ferrada pertence a dúas tenzas distintas e esa cruz marca o deslinde entre elas.


Detalles do sector nordeste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla


lunes, 6 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada III








































Cando te aproximas á Laxe Ferrada ó primeiro que ves é o gran circulo do sector suroeste. A profundidade do furco e as súas dimensións (2,10 metros de diámetro exterior) fano visible dende ven lonxe. Con independencia de este petroglifo (foto 1) fose gravado en unha, dúas ou varias etapas, a realidade é que o terceiro mais grande de Galicia (despois dos dous de Monte Tetón). Tamén chama á atención ese conxunto de cazoletas situado a súa dereita (a súa profundidade e as liñas que os unen), asi como as sempre presentes ferraduras e cruces (foto 2) que podedes apreciar moito mellor no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que aparece en primeiro lugar.
Un pouco mais arriba pódese apreciar outro gravado circular (foto 3) que, en comparación co anterior, parece pequeno e sen embargo mide aproximadamente 1 metro. Este gravado sufriu ultimamente a vista dalgún gañán que andivo a rascar nel cunha pedra e a mala fe.
Como curiosidade desta parte da pedra, non podo pasar por alto a "cuña de canteiro" (foto 4). Ese gravado con forma rectangular e unha prolongación mais estreita na parte superior, que contén no seu interior unha serie de letras é, o meu parecer, unha marca de canteiro ( a pesar de que ten varios engadidos que a fan parecer un home gordo con sombreiro). Explícome. Preto da zona onde está o gravado hai marcas de cuñas de canteiro, quere dicir isto que a Laxe Ferrada comezou a ser partida co fin de aproveitar a súa pedra pero, polo motivo que fose, non se continuo a labor. Fai xa tempo topei unha marca similar (foto 5) na zona do Monte do Gurgullo, preto do Castro e da Pena da Liñaza (Chán da Gurgulla), nesa marca pódese ler: "OBRA. J.S". Iso levoume a pensar que, dado a grande cantidade de pedra que se extraía da Uceira, os canteiros (ou algún canteiro en concreto) marcaban as pedras elixidas para os seus traballos gravando sobre a superficie esa especie de "cuña de canteiro" a que engadían inciais dalgún nome (as do propio canteiro ou as da persoa para quen traballaba). Pero que quede claro que estó é a miña suposición e que non teño datos reais para verificala.
Detalles do sector SO. A Uceira da Somoza. A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas. Antas de Ulla.