Non sei de onde lle ven o nome a este muíño asentado ó pé do Farelo. A palabra arrieiro serve, nese complexo mundo da xerga muiñeira, para designar á viga feita en madeira de carballo ou de caxigo que fai de mesa ó rodicio, e que dun lado está metido na parede, e doutro vai unido ó erguedoiro ou aliviador (o aliviador é a peza que serve para subir e baixar a pedra e así moer mais ou menos fino). Na última fotografía vese o aliviador (a dereita) e a billa ou saída da auga (no centro). O resto dos mecanismos non están, falta, polo tanto, o arrieiro.
Este muíño, que ten dúas pedras, é de herdeiros, é dicir, de varios propietarios entre os que se repartía o tempo da moenda segundo unha estipulación previa. Na parte superior había unha vivenda, pero na actualidade a madeira do piso caeu é so quedan as vigas de apoio. A canle está totalmente cuberta polo mato e as raices dunha árbore están a derramala, non sucede o mesmo co resto do edificio que, a pesares de estar cuberto en parte pola hedra, a boa cantería da que está feiro faino resistir inmune ó paso do tempo e o esquecemento.
Detalles do exterior e interior do muíño.
As Portelas.
San Fiz de Amarante.
Antas de Ulla.
4 comentarios:
Pois descoñecía eu esa acepción da palabra "arrieiro", pensando que unicamente servía para designar á persoa que se adicaba a transportar cousas empregando mulas, ou burros...
Tampouco non sei moi ben onde está ubicado ese muiño de San Fiz, pero xa mirarei...
Que bonito!
:))
Estes días estiven a ler varios libros sobre muíños e o rico vocabulario dese mundo. Nen sequera sei se a esa peza, na nosa zona, se lle chama arrieiro ou rieiro, pero enterareime.
Dende San fiz ata ó muíño tardas uns dez minutos andando de vagar. Dende a porta da igrexa colle a primeira pista a esquerda (hai unha fonte nesa curva) saes ata á última casa e segue o camiño ata que atopes outro a dereita (con pinos) que parece que te aparta do río pero non, levarate ó muíño. Se tes problemas pregunta en San Fiz a alguén.
O paseo vale a pena.
Atopeino!!. E sin preguntar.
Vales para GPS.
Publicar un comentario