lunes 30 de noviembre de 2009

San Cibrao de Repostería





























































































































San Cibrao é unha desa pequenas sorpresas da Ulloa. Con un exterior limpo de arquitecturas sobresaíntes e conservando da súa orixe románica tan só os muros da nave e algunhas pezas da porta principal, San Cibrao de Repostería pasa normalmente desapercibida, de feito, Perrín, Vazquez Saco e Jaime Delgado son bastantes breves a hora de falar dela.

Como xa dixen, do exterior pouco que destacar, aínda así, tanto a estraña cruz da porta principal (foto 1), como o Crismón Trinitario (foto 2) da porta lateral merecen unha pausa, aínda que este último estea moi desgastado.

Fai uns cinco anos que entrei en ela por primeira vez, de pura casualidade, porque eu pasaba por alí, vin a porta aberta e non facía moito que lle arranxaran o tellado e limparan o exterior. Por aquelas sorprendeume ver que debaixo do cal víase pinturas. Moito mais grande foi a sorpresa de fai un mes cando voltei alí, os buratos do cal son moito mais grandes (claramente alguén rascou nel) e xa case se pode ver toda a pintura.

As pinturas ocupan os dous laterais da nave. Na parede norte (foto 3), con moito mais cal, vese con claridade a figura de Cristo (foto 4) e un soldado cunha lanza na súa man (foto 5), supoño que é o apresamento de Cristo pero, sinceramente, non o sei. Na parede sur (foto 6), moito mais visible, vese claramente a escena do Xuízo Final, con Cristo ocupando a posición central e rodeado por anxos músicos. Na parte inferior (foto 7) aparece San Cibrao. Sobre este persoaxe Alicia P. Suaréz Ferrín no seu traballo "Iconografía medieval en los murales gallegos de los siglos XIV, XV y XVII", comenta "Excepcionalmente se roza lo herético cuando el santo titular llega a ocupar un puesto que, por derecho, le correspondería a una figura superior; es lo que sucede en el Juicio Final de Repostería, en donde san Cipriano, obispo de Cartago, usurpa el lugar reservado a la Virgen, a la derecha de Cristo, frente al Bautista, actuando así junto a él como máximo intercesor".


Detalles do exterior e das pinturas da nave.
San Cibrao de Repostería.
Palas de Rei

domingo 29 de noviembre de 2009

O castelo de Pambre no 1925






















Esta fin de semana estiven vendo a fantástica exposición de Ruth Anderson na Fundación de Caixa Galicia da Coruña. Desta fotógrafa coñecía a súa obra dende fai anos, pero o que non sabía era que ela tamén estivo na Ulloa nunha das súas visitas a Galicia, entre os anos 1925 e 1927.

Foi unha agradable sorpresa topar con esta foto do Castelo de Pambre feita en xaneiro do 1925. Xa vedes, nos anos vinte, unha rapaza americana percorreu Galicia coa súa cámara e unha beca da Hispanic Society of América, co fin de retratar os costumes da época no norte de España. De aí saíu un excelente arquivo fotográfico destes que vale a pena ver aínda que sexa unha soa vez na vida.

Recoméndovos a exposición a todos.


Castelo de Pambre no ano 1925.
Pambre.
Palas de Rei

Fotografía: Ruth Matilda Anderson

martes 24 de noviembre de 2009

Castelo de Pambre outra vez

















Lévase falado tanto del que todo ó que poida dicir e repetir ó cen veces escrito. Hai centos de fotografías mellores cas miñas, así que hoxe so engado unha fotografía feita nun día gris do pasado xaneiro.

Despois de anos de loita pedindo a apertura ó público, abriuse por fin a posibilidade de que as administracións públicas (Xunta de Galicia, Goberno central, Deputación Provincial e Concello de Palas de Rei) se poñan de acordo para que o castelo de Pambre deixe de ser privado e calquera cidadán poida visitalo.
Con tantas noticias no últimos días decidín facer un enlace onde se poidan ver todas xuntas, así iremos vendo como se van cocendo as fabas deste cocido.

Sobre como é porqué se construíu o castelo hai dous artigos moi interesante e vos recomendo ler no blogue da Terra de Friol, un deles titúlase "Conflitos na Idade Media" e o outro "Escenarios dunha guerra".


Castelo de Pambre.
Pambre.
Palas de Rei

jueves 12 de noviembre de 2009

A copia do cruceiro de Alvidrón




































































A 1 quilómetro de Santa Mariña cara a Frádegas e xusto fronte a pista que aparta cara Vilasante, está, ó pé da estrada, a copia do cruceiro de Alvidrón (foto 1).
A mesma base, a mesma bola, as mesmas imaxes... pero de feitura ben diferente.
¿Por que creo que este é unha copia do anterior? Pois por varios detalles iconográficos e ,sobre todo, porque os copiados sempre son os mellores e o mellor tallado, sen dúbida é o de Alvidrón.

Imos por partes. A virxe de Alvidrón está feita con moito mais detalle, a cara é mais expresiva, o manto ten marcados os adornos, o pedestal está tallado... pero tamén hai outros detalles, por exemplo, o normal é que os puñais repártanse catro do lado dereito e tres do esquerdo e que a virxe coloque a súa man dereita sobre a esquerda, tal como sucede no cruceiro de Alvidrón e xusto ó contrario que neste (foto 2). Ca imaxe do cristo (foto 3) sucede o mesmo, en Alvidrón a cabeza do cristo está lixeiramente inclinada e ladeada o que demostra unha maior dominio técnico fronte ó do autor do cristo deste cruceiro. Por último, os radios da bola deste cruceiro fanse con trazos moito mais simples que chegan a cruzarse entre eles, mentres que en Alvidrón conservan a seu paralelismo.

Outro detalle que me fai pensar que esta é a copia é o seu emprazamento, lonxe da igrexa, aínda que pode que estea marcando o camiño a Vilansante ou pode que alguén morrera alí e por iso ó puxeron (costume que aínda existe hoxe nos sitios das estradas onde se producen accidentes de coches con mortos). Son conxecturas pero difícil supor que fronte a igrexa de Alvidrón non existira ningún cruceiro e si ó houbese aquí.

Dende logo, o que si lle teño que agradecer ó autor deste cruceiro é que tivese o detalle de gravar a data na súa base (foto 4), que aínda que é difícil de apreciar na fotografía pon: ANO 1836.


Detalles da copia do cruceiro de Alvidrón.
Entre Santa Mariña e Frádegas.
Santa Mariña de Castro de Amarante.
Antas de Ulla

martes 10 de noviembre de 2009

O cruceiro de Alvidrón: cronoloxía





















































A Ulloa ten mais dun cento de cruceiros (fácil de saber porque hai 90 parroquias e en moitos casos mais dun) e un dos mais retratados é o cruceiro de Alvidrón (foto 1). Penso que a razón non está na súa antigüidade senón na súa peculiar Virxe das Dores (foto 2) e o lugar ven visible no que agora está, xa que seu emprazamento orixinal (polo las novas que me deu o amigo do Lar dos avós) non era ese senón que , ata o ano 1978, estaba na saída da praza da igrexa na entrada ó camiño que vai a Mancegar, e por aquelas aínda conserva os tres pasos da súa base.

Estiven a buscar datos sobre a súa cronoloxía pero son ben confusos. Hai autores que din que é do século XVIII outros do XIX e hai que dixo que foi feito o século pasado. Logo estiven a mirar outros cruceiros similares en Galicia e é curioso que das mais de 1.000 fotografías que vin so 32 tiñan bola, e desas só 4 tiñan as imaxes de Cristo e da Virxe, porque o normal nese tipo de cruceiros é que so teñan a cruz ou, como moito, o Cristo na cruz. Así xa cheguei a conclusión que o de ter unha bola en lugar da base cadrada é pouco común e mais raro aínda plantarlle enriba as dúas imaxes.

A Virxe das Dores non comezou a representarse con sete puñais cravados no corazón ata o século XVI (en Flandes) e esta iconografía non se espallou por España ata finais do século XVII. En 1727, Benedicto XIII, engade a imaxe da Virxe das Dores a festa do Venres da Paixón e polo tanto a virxe do cruceiro de Alvidrón sempre sería posterior a esta data.
Por outra banda atopei a inscrición da copia deste cruceiro (do que xa falarei o próximo día) que en concreto di: ANO 1836.

Polo tanto, o cruceiro de Alvidrón fíxose entre a segunda metade do século XVIII e o principios do XIX e non no século XX, a non ser que o cruceiro de Alvidrón sexa a copia e o feito en 1836 sexa o orixinal (que todo pode ser nesta Ulloa nosa).


Xeral e detalles do cruceiro.
Alvidrón.
Antas de Ulla.


Se queres ver as zocas da virxe de Alvidrón, atravesa o espello cara A Outra Ulloa

domingo 1 de noviembre de 2009

San Critovo de Novelúa: o interior da ábsida e as pinturas














































































































A ábsida de Novelúa garda no seu interior pintura mural de diferentes épocas. A mais interesante, por ser as mais antigas (tardo-medievais segundo os autores, é dicir que non saben datalas con certeza, ¿século XV ou XVI?) son as que se poden ver na parte esquerda (foto 1). Estas pinturas espállanse polo muro esquerdo e pola parte circular da ábsida. As primeiras, as do muro (foto 2) atópanse en malas condicións (humidades, gretas, veladuras...) e representan segundo Vázquez Saco o apresamento de Jesús segundo San Juan. Creo que na escena Pedro corta a orella de Malco coa súa espada que podería ser o soldado que está no chan.
As pinturas da parte circular da ábsida (foto 3) representan a Última cea, pero so son visibles nun pequeno tramo pois, supoño, ó resto estará detrás do actual retablo xa que por enriba deste (foto 4) pódense ver mais restos de pinturas debaixo dunha capa de cor azul.
Na bóveda da ábsida (foto 5) existe outro grupo mais de pinturas, estas moito mais recentes (¿século XIII? ¿contemporáneas a reforma barroca do campanario?) nas que ve representada a coroación da Virxe.

Deixando a parte as pinturas, no interior da ábsida hai outros pequenos detalles nos que merece a pena pararse: o pequeno sagrario mural que aínda se conserva (foto 6) aínda que agora xa non se emprega como tal, e o zapato (foto 7) que decora unha das basas das columnas. Sobre este último dicir que cando Manuel (o sacristán) me viu facerlle unha foto preguntoume ¿é ti pensas que daquela os santos usaban zocas? ó que, dende logo, non souben que contestar.


Detalles das pinturas do interior da ábsida.
Novelúa.
Monterroso

lunes 26 de octubre de 2009

San Cristivo de Novelúa: o arco triunfal






























































































Ó que mais chama atención do do arco triunfal (foto 1) son sen dúbida os capiteis das súas columnas.
O do lado esquerdo (foto 2) amosa tipoloxía vexetal mentres que o dereito presenta un capitel historiado digno de observar o detalle.

Segundo Jaime Delgado (o único autor que da unha interpretación) este capitel historiado representaría a Sansón destruíndo o templo dos filisteos, sendo as dúas figuras laterais filisteos e a central Sansón, aparecendo a figura do león recordaría o feito de que como Sansón matou ó león coas súas mans.
Nun principio pensei que a figura da esquerda (foto 3) podería representar ó propio Sansón pero leva un puñal na man polo que queda descartado.
Sobre a figura central (foto 4) sería Sansón cos brazos en alto apoiados nas columnas. A terceira figura (foto 5) sería un principe filisteo, segundo Jaime Delgado, pero a min créame dúbidas, ¿que leva na man? ¿que lle asoma por enriba do ombreiro?
En todo caso, mentres ninguén diga ó contrario suponse que o capitel representa a Sansón.

Para rematar, deixar constancia de que na parede que hai enriba do arco, baixo ó encalado hai pintura mural como se pode ver nun pequeno espacio da parte dereita que perdeu ó cal (foto 6).


Detalles do arco triunfal.
Novelúa.
Monterroso

Atravesa o espello cara A Outra Ulloa

viernes 23 de octubre de 2009

San Cristovo de Novelúa: a porta principal II




































































A cada beira da porta principal hai tres columnas (foto 1), os capiteis laterais, é dicir os que están mais preto e mais lonxe da porta, están decorados con motivos vexetais. Pola contra, os capiteis centrais amosan decoración historiada.

No capitel esquerdo (foto 2) están representados dous leóns afrontados. Das súas bocas sae ¿líquido? ¿ lume?, non sei. Se seguemos a mirar, poderemos observar como as colas dos leóns enrólanse no seus ventres, e como ambos leóns xuntan as súas patas dereitas. Supoño que todo isto ten un significado dentro da iconografía románica, pero a simboloxía do león é complexa de mais como para pretender sacar algo en claro.

No capitel dereito (foto 3) pódense ver dúas harpías. Eu pensaba que eran sereas-paxaro, similares as harpías salvo no detalle de que estás teñan as ás levantadas e as sereas non. As harpías son unha mestura de muller e paxaro con cola de serpe e a súa simboloxía negativa está asociada ós vicios.

Como remate dicir que a parte baixa das columnas tamén están adornadas con motivos xeométricos e nunha delas (foto 4) pódese ver un fermoso disco solar, aínda que, por desgraza, un pouco deteriorado.


Detalles da porta principal.
Novelúa.
Monterroso.

miércoles 21 de octubre de 2009

San Cristovo de Novelúa: a porta principal I































































Protexida das inclemencias do tempo polo pórtico, a porta principal da igrexa conserva o seu orixinal esplendor, salvo nun par de detalles: a patética lámpara de araña que hai fronte dela e os confesionarios que a flanquean (foto 1).

A porta principal (foto 2) está composta por tres arquivoltas, adornadas con molduras traballadas, o tímpano que contén a inscrición e as columnas que soportan o conxunto anterior.

O tímpano está adornado (foto 3) con tres figuras de entrelazados semellantes os que se poden ver en San Martiño de Ferreira. O peso del está soportado por dúas figuras de bois, un deles co curioso detalle de ter a lingua fora tocando o fuciño (foto 4). Curiosamente o importante do tímpano non son os lazos nin os bois senón a inscrición que se pode ver bordeando todo ó tímpano porque ela da nome ó artista que a fixo. Aínda que existen discrepancias sobre a parte inicial da inscrición a lectura mais aceptada é: HANC ECCLESIAM MAGISTER MARTINVS FECIT MEMORIA, ó mesmo que dicir: "Esta iglesia hizo el Maestro Martín. (Aquí queda escrito para perenne) memoria".


Detalles da porta principal.
Novelúa.
Monterroso.

Atravesa o espello cara A Outra Ulloa




jueves 15 de octubre de 2009

San Cristovo de Novelúa: o exterior















































































Na parroquia de Novelúa existen dous castros e sobre o mais pequeno edificouse a igrexa.
Aínda que o edificio actual é románico xa existía unha igrexa anterior,do século VIII como así ó demostra o Testamento Maior de Odoario.
Esta igrexa, a mais importante do concello de Monterroso despois de San Salvador de Balboa, presenta unha serie de peculiaridades que a fan única na nosa comarca: a propia estrutura da igrexa e os capiteis historiados do seu interior.

O exterior rompe coa a estrutura románica habitual das igrexas da zona ó estar formada a igrexa por tres corpos (foto 1), o primeiro formado pola nave e a ábsida, o segundo corresponde ó pórtico que protexe a porta de entrada, e o terceiro sería a torre. Todos estes elementos son románicos, aínda que a torre só conserva o seu primeiro tramo orixinal (foto 2 e 3), xa que a parte final, á que se incorporou o campanario, é barroca.
Na ábsida (foto 4), destaca a fermosa fiestra que se abre nela (foto 5). As discrepancias sobre a súa orixe levan a algúns autores a pensar que esta fiestra, con forma de celosía, pertencería a antiga igrexa sobre á que se a actual románica.

É importante dicir que para entender o verdadeiro valor desta igrexa é imprescindible entrar nela e ver o seu interior, por desgraza a igrexa permanece pechada agás os días de oficio, é dicir, tódolos domingos as 13:00 horas.


Detalles do exterior.
Novelúa.
Monterroso

jueves 8 de octubre de 2009

San Cristovo de Viloide



























































































A igrexa de Viloide é un deses humildes templos románicos do noso rural ulloán. Feita a finais do século XII, no ten, como sucede noutros templos, elementos arquitectónicos de especial interese, sen embargo, o seu fermoso emprazamento co pico do Faro tras dela (foto 1) fai que valga a pena visitala.

Do seu exterior chaman a atención pequenos detalles: a cruz que remata o campanario (foto 2), a pequena figura humana que remata a ábsida (foto 3), os debuxos gravados dunha pedra da cornixa (foto 4), algún canzorro...

O interior é sinxelo. A arquivolta exterior do arco triunfal está decorada con unha serie de triángulos alternantes en relevo e refundidos (foto 5) e os capiteis están adornados con motivos vexetais.


Detalles do exterior e interior da igrexa.
Viloide.
Monterroso.

martes 6 de octubre de 2009

Santa Mariña de Sucastro







































































Eu non sabía quen era Santa Mariña ata que o "Señor Ulises" (un bo amigo que se adica a viaxar polo Mediterráneo) me falou do santuario de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz. Segundo a lenda, un pretor romano namorouse de Mariña e tentou persuadila de que renegase da súa fe. O negarse a rapaza foi presa no castro de Augas Santas, logo tentaron queimala na cripta e finalmente foi decapitada (os mártires cristiáns pásalle como os da película de " Los Inmortales"non morren ata que os decapitan) no lugar onde hoxe se sitúa o templo.

O caso é que Santa Mariña foi venerada na Idade Media e o mais curioso: as igrexas que levan ese nome están situadas ó pé ou na cima dun castro. As tres igrexas que hai na Ulloa con ese nome, Santa Mariña de Fontecuberta, Santa Mariña de Castro de Amarante e Santa Mariña de Sucastro cumpren esa condición, estando as dúas últimas situadas sobre o castro e a primeira ó pé del.

A igrexa de Santa Mariña, datada entorno o ano 1170, conserva a súa estrutura orixinal coa excepción da fachada principal, aínda así, conserva as columnas que sostiñan o arco orixinal con curiosos capiteis de animais (foto 1). Destacan tamén da fachada a fiestra da ábsida (foto 2) ou a labra dalgún canzorro (foto 3). O interior é sinxelo (foto 4), con decoración vexetal nos capiteis do arco triunfal.

Por último falar da inscrición situada no exterior baixo a fiestra da ábsida, (como non conseguín unha foto de boa calidade engado unha reprodución mellorada da fotografía que Jaime Delgado publica no volume IV de "El románico de Lugo y su provincia"). Non atopei a lectura da inscripción, aínda que Yzquierdo Perrín di que é posible que se trate do nome do bispo que consagrou a igrexa.


Detalles do exterior e interior da igrexa.
Sucastro.
Monterroso

martes 29 de septiembre de 2009

O pazo de Leilón: a casa dos caseiros
















































En calquera lugar da Galicia non podía existir unha "casa grande" o un pazo sen os seus caseiros e Leilón non era unha excepción.

Case con seguridade se podería afirmar que a figura dos caseiros galegos ten o seu nacemento nas relacións feudais da nosa Idade Media, figura que permaneceu no tempo ata ben entrada a década dos setenta, cando a emigración da década anterior deixou o campo escaso de man de obra barata.

Os "contratos de parcería" que se lle facían os caseiros ían de San Andrés a San Andrés, e dicir, no mes de novembro (o día 30 é San Andrés) facíase o contrato co novo caseiro ou dicíaselle o existente que podía seguir segundo o amo crese que o caseiro fixera ben ou mal a súa labor. O "contrato" constaba dunha relación das fincas, a forma de reparto dos bens obtidos e todas as estipulacións que o amo quixese dispoñer sobre o coidado dos bens. Por outra banda, nun caderno, anotábanse (ou anotaba o amo porque polo xeral os caseiros pouco sabían de ler e escribir) o valor que o amo consideraba que tiñan os animais.

O contrato que rexía para os caseiros de Leilón consistía no seguinte: por renta tiñan que pagar oito fanegas de pan, pagar a metade da contribución das terras e darlle os donos 3 litros de leite ó día. Por reparto, a metade dos becerros mais a metade da colleita (patacas, millo, castañas, centeo, fabas, mazás...).

Tendo en conta o contrato e o traballo duro que supoñía coidar ben a facenda para conseguir alimentar durante todo o ano a unha familia normalmente numerosa, non é de estrañar que moitos optasen pola emigración. Este foi o caso da familia de Luis, a última persoa que naceu na casa dos caseiros de Leilón como xa contei o falar do pazo.

Deixo todo isto escrito como forma de homenaxe a todos os caseiros da Ulloa e de xeito mais especial para Flora e Francisco, testemuñas da fame e pobreza vivida na nosa terra.


Detalles da casa dos caseiros do pazo de Leilón.
Leilón.
Parroquia de San Cibrao de Repostería.
Palas de Rei.

lunes 28 de septiembre de 2009

O pazo de Leilón































































Este verán prometinlle ó meu amigo Luis que o primeiro que sacaría no blogue a volta das vacacións sería algo sobre Leilón, e caro me costou atopar datos sobre o pazo, tamén chamado a Casa de Ouro. A única referencia escrita sobre a súa construción é de Julio Giz Ramil, que di que tanto a casa como a capela foron feitas en 1871, aínda así non explica por mandato de quen. Eu supoño que polo pai de José Ouro Arias, quen viviu na casa ata a súa morte en 1954 , e mais tarde os herdeiros que finalmente venderona fai algo mais dunha década.

Chama a atención cando chegas a Leilón os grandes buxos que forman parte do recinto exterior e, unha vez que te acercas á casa, ver a pequena capela unida a ela (foto 2) e o emparrado (bastante descoidado) que da sombra ó patio por onde está á entrada da capela (foto 3).

O recinto conserva, ademais das palleiras, o forno, o galiñeiro e as cuadras das vacas, un fermoso pombal e un hórreo (foto 4) de cinco pés o que lle foi cambiada a súa madeira orixinal por un desafortunado peche de ladrillo.

En bastante bo estado aínda está a casa do caseiros, na que viviron os avós e os pais de Luis e na que el veu a este mundo alá polo 1969, converténdose, sen pretendelo, na última persoa nacida no pazo de Leilón.

Detalles do pazo de Leilón.
Leilón.
Parroquia de San Cibrao de Repostería.
Palas de Rei.


Atravesa o espello cara a outra Ulloa

martes 8 de septiembre de 2009

De volta

















Xa estou de volta dende fai días, pero necesitaba alargar un pouco as miñas vacacións blogueiras para organizar os arquivos das fotos das vacacións. Ademais, prometín que ó primeiro que sacaría sería algo sobre o pazo de Leilón (Luis, estou niso) e necesitaba fotos novas e un pouco mais de información. En canto teña todo volverei a miña Ulloa. Non vos impacientedes.

Na fotografía, unha lagarta azul que veu dentro da miña cámara dende Formentera.

jueves 30 de julio de 2009

Pechado por vacacións

















Está ben tomar o sol na Ulloa pero para coñecer mundo hai que saír a velo, así que este local queda pechado por vacacións.


Na fotografía, os meus lagartos que parece que este verán tamén se foron de vacacións, non sei se polo mal tempo ou porque o miñato real (milano) non lles saca ollo.

miércoles 29 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: as inscricións





























































No interior de Balboa poden verse dúas inscricións, unha corresponde a data na que a igrexa foi consagrada e a segunda a firma do mestre canteiro.
A inscrición da data está situada nun sillar a carón da porta (foto 1) e sobre ela tamén existen distintas lecturas dependendo do autor igual que ocurre coa intrepetación do capitel esquerdo.
Para Vázquez Saco di: + ERA MCLXXXV IDIB(vs) DE(cem)BR(is), e dicir, "Era 1.185 en las Idus de Diciembre" que equivale o 13 de decembro do ano 1.147 segundo o noso calendario, e segundo este autor, a data faría referencia a construcción da igrexa.
Jaime Delgado ten en conta que enrriba das letras M, C e L, existen pequenas A (aprecianse na fotografía 2 como se fose un acento ^) e revisa as últimas letras (foto 3), polo que para el a lectura sería: + ERA M(^)C(^)L(^)XXXV VIIII K DCBR, esto sería "Era 1185, nueve días antes de las Kalendas de Diciembre" que equivale ó 23 de novembro de 1147. Delgado engade que esta data tan concreta fai referencia a consagración da igrexa posto que nas inscricións de datas de construción so se fai referencia o ano, ademais alega que que o 23 de novembro de 1147 foi domingo, día apto para a consagración.

A outra inscrición está situada preto do arco triunfal e nela pódese ler (h)OC O(pus) PELAGIO FE(cit), o que se lería "Esta obra Pelagio hizo", deixando así o mestre Pelagio datada e firmada a súa obra.


Detalles das inscricións.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso.

Atravesa o espello cara A Outra Ulloa

martes 28 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: os capiteis II






























































A interpretación do capitel esquerdo de Balboa é moito mais complexa. Os distintos autores que o estudiaron non se poñen de acordo na súa interpretación. Para Nicanor Rielo a escena podería representar a Ultima Cea (interpretación, para min, absurda). Vazquez Saco describe a escena pero non a situa. Yzquierdo Perrín opina que se representa o Bautismo de Cristo, o que podería ser si se ten en conta que hai varias imáxenes románicas (por exemplo a da cripta norte de Roda de Isábena en Huesca) que identifican así escenas similares a esta, pero nesta a imaxe do Bautista non é identificable.
O meu parecer a interpretación mais adecuada é a de Jaime Delgado, para quen a escena corresponde a Resurrección de Cristo representada segundo o "Evangelio apócrifo de Pedro", tamén chamado o "Evangelio de la Pasión". Este apócrifo explica a resurrección da seguinte forma: os soldados que gardaban o sepulcro ven a dous varones baixar dos ceos, a pedra do sepulcro móvese por si soa e estes entran, os soldados ven sair do sepulcro a tres homes, o terceiro deles é axudado polos outros dous, á chegada das mulleres un anxo anuncialles a resurrección.

Das catro figuras que se representan no capitel (foto 1) a central sería Cristo espido (vense claramente as súas costelas), axudado polos dous homes para saír do sepulcro onde aínda ten metidos os pes (foto 2). O anxo, que na súa man sostén un frasco que recolle un dos homes (foto 3) sería, segundo Jaime Delgado, a mirra destinada a unxir o corpo de Cristo.


Detalles do capitel esquerdo.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso.

lunes 27 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: os capiteis I














































































No románico da Ulloa so existen catro igrexas con capiteis historiados, e dicir, que nos seus capiteis estean representadas escenas da biblia ou personaxes desta. Estas catro igrexas son: San Miguel de Coence, San Cristobal de Novelúa, Santa Mariña do Castro de Amarante e San Salvador de Balboa. O caso dos capiteis de Balboa é especialmente singular.
No capitel dereito do arco triunfal está representada a escena da Adoración dos Reis Magos (foto 1) ou a tamén chamada Epifanía, no que a primeira vista se ven cinco personaxes, os tres primeiros (foto 2) representarían os Reies Magos. O primeiro deles estaría de xeonllos e os outros dous en pé. Entre as súas máns (foto 3) levan os presentes, que como todos sabemos serían ouro, incienso e mirra. Respecto destas figuras resulta curioso ver como as vestimentas do primeiro Rei aínda conservan restos da policromía e, segundo Izquierdo Perrín as concas dos ollos (agora baleiras en parte) estarían recheas con chumbo (plomo) para dar unha sensación mais realista.
As outras dúas figuras (foto 4) resultan mais difíciles pola postura na que están. A figura da esquerda sería a Virxe sentada sobre sobre unha cadeira, da que se poden ver as patas, sobre o seu colo (e agarrado coa man dereita e cos pes colgando por encima dos de María) está sentado Xesús, quen alarga a súas mans para recoller o presente do Rei. Descoñezo porqué o neno non é tan neno ou porqué non aparece a figura de Xosé, pero dende logo todos os autores que estudiaron este capitel (Izquierdo Perrín, Jaime Delgado e Vázquez Saco) coinciden na súa interpretación.


Detalles capitel dereito.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso

domingo 26 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: a igrexa







































Situada nun fermoso enclave da parte baixa da aldea de Vilance, esta igrexa románica, de principios do século XII, da nome a parroquia que rexenta: Balboa.
O edificio, de pequenas dimensións e rodeado do camposanto, conserva toda a súa fábrica románica pero a fachada principal foi reformada ó engadir a espadana do campanario.

Nos anos setenta sufriu varios roubos, un deles afectou a talla do Salvador que por aquelas estaba situado na parte central do retablo. O deterioro da igrexa era evidente e rematou coa derrube da esquina noroeste no ano 1985. Por sorte, dous anos despois foi restaurada, restauración que foi aproveitada tamén para sanear as humidades da igrexa, desencalar o interior e suprimir a sacristía que se lle engadira na parte norte da ábside, onde aínda se conserva a porta que se abriu no muro para unir esta coa igrexa.

A singularidade desta igrexa non se limita a súa beleza de proporcións, a paraxe na que está situada nin a súa antigüidade, a verdadeira importancia está no seu interior, nos capiteis do arco triunfal e nas dúas inscricións que se poden ver, pero diso hai que falar mais polo miúdo.


Detalles do exterior e do arco triunfal.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso

sábado 25 de julio de 2009

A Rega do coello
































Preto do depósito de auga e visible dende As Penas Solteiras está o lugar coñecido como A Rega do coello, zona de bo granito de onde noutro tempo saíu moita pedra.
Nunha desa pequenas pedras que quedaron no monte, a carón doutras pedras rachadas, hai un gravado circular duns 50 cm de diámetro. Esta pedra faría a número 35, é dicir, na parte baixa do Farelo, dentro do concello de Antas de Ulla, hai 35 penas con gravados rupestres das que 27 delas teñen figuras con combinacións circulares. Se pensamos que na parte do monte que pertence ó concello de Agolada hai tantos ou mais que Antas, e tomamos nota de que no concello de Rodeiro estanse a atopar mais; a importancia da Serra do Farelo como referente dos petroglifos da Galicia interior é aínda mais que evidente.
Hai moitas preguntas no aire: ¿Por que aínda na Ulloa non se atoparon gravados con armas cando si os hai do outro lado do monte? Si a Uceira da Somoza dentro de 20 anos será un piñeiral ¿que hai dentro da actual repoboación? Si os petroglifos marcan vías de tránsito ¿por onde segue a vía que uniría Penas Solteiras cos gravados do Monte de Facha e Borraxeiros? ¿e como se une iso cos de Cabana, xa no concello de Palas de Rei?
O tempo traerá respostas, seguro.

Detalles da pena da Rega do coello.
Monte de San Martiño de Amarante.
San Martiño de Amarante.
Antas de Ulla.

viernes 24 de julio de 2009

As Penas Solteiras: Grupos I e II










































































As Penas Solteiras están formadas por un conxunto de grandes rochas situadas na parte traseira do antigo vertedoiro de Antas de Ulla (hoxe en día inutilizado).

Nesta zona atópanse dos grupos con gravados circulares. No primeiro deles (foto 1) pódense ver tres figuras circulares e varias cazoletas e nel volve a repetirse o motivo dos trévores de Chaos (foto 2 e 3). Chama tamén a atención a figura circular rematada con outra combinación en de círculos na súa parte final, desgraciadamente este apéndice está moi erosionado é perdido por culpa dos frecuentes incendios que se daban nesta zona cando o vertedoiro esta en activo.
O segundo grupo (foto 4) está formado por dúas figuras circulares, ven visibles tanto polo seu tamaño como por estar nunha rocha lixeiramente inclinada e sen vexetación o seu carón. A figura mais grande está próxima os 60 cm e a outra, aínda que a parte circular ten mais perdidos os seus aneis, remata nun apéndice dobre o estilo da figura 6 de Pena de Chaos.


Detalles dos grupo I e II das Penas Solteiras.
Monte de San Martiño.
San Martiño de Amarante
Antas de Ulla.

jueves 23 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: outras penas da Uceira












































































Como remate a todo o escrito sobre A Uceira da Somoza quero deixar constancia de que nesa zona hai outras penas sen gravados circulares pero sí con conxuntos de cazoletas.
Próximas a E11 atópanse pequenas rochas como as que tedes nas fotografías 1 e 2. Xa na zona do Castro da Somoza, camiñando dende a Pena da Liñaza cara el, pódese ver (se a luz o permite) restos case desaparecidos de figuras circulares (foto 3) ademais de cruces e marcas de canteiro. Xusto á pe da muralla oeste do Castro hai mais penas con cazoletas (foto 4), e o mellor de todo, incluso dentro do castro (no antecastro para ser mais exactos) segue habendo conxuntos de cazoletas.


Detalles de diversas penas.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

miércoles 22 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A E11

















































































































A denominada E11 é un gran penedo visible dende moitos sitios da Uceira da Somoza.
A parte superior da pena, relativamente cha, pódese dividir en dous sectores: leste e oeste. No primeiro aprécianse varios gravados circulares (foto 1), algunha cazoleta aillada e incluso un xogo de taboleiro tipo tres en raia. No sector oeste (foto 2) predominan as combinacións de cazoletas (unhas 40 nesta zona mais outras 40 espalladas no resto da rocha e noutra que ten ó seu carón) que xa no extremo (foto 4) mistúranse con ferraduras e algunha cruz.
Case que a gran curiosidade de esta rocha está na súa parte baixa onde, boa parte do contorno da pedra, foi marcado con cruces e ferraduras (foto 5) chegando incluso en algún sitio a ser repicada e logo marcada. O repertorio de cruces vai dende o trazo simple a gravados mais complexos tanto na profundidade de talla (foto 7) como no seu deseño (foto 8), precisamente foi esta cruz "phi"a que me levou (xa fai ben tempo e por cuestión de organizar dalgún xeito os meus arquivos) a darlle a esta rocha o nome de "A pena do Indalo", en honor a cruz phi mais famosa de toda España: o Indalo de Almería.


Detalles da Pena do Indalo.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

martes 21 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Cruz do Seixo


















































No límite da Uceira, onde a estrada que sobe cara o pico do Farelo fai cruce co camiño da casa do Seixo (a casa habitada a maior altitude de toda A Ulloa, 765 metros), existe un conxunto de pequenas penas con gravados.
A rocha principal está partida en anacos, e algún deles nalgunha pódense ver restos de cazoletas (foto 3) como tamén se ven na pena que aínda está intacta xunto con algún cruciforme.
Nunha pena situada mais a ras de chan hai dúas pequenas figuras circulares (foto 1) e noutra cara o norte, pero tamén moi preto, existe unha pequena espiral (27 cm.) moi desgastada (foto 2, sinto non ter unha fotografía mellor dela pero a sombra dos eucaliptos que están ó carón non me deixa moita marxe de manobra).


Detalles das penas do cruce do Seixo.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

domingo 19 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Pena das Pías




























































































De todas as penas con gravados da Uceira, está é a máis fácil de localizar porque a ¿50 metros? (suponse que polo que dicía o DOGA debería habelos, penso que son un pouco escasos) está colocado un dos postes da liña de alta tensión do parque eólico.
O nome das pías (foto 1) é evidente. A pena principal contén cinco pías de base plana (¿naturais?) e cada unha delas está rodeada no borde superior por cazoletas (foto 2). As cazoletas non só ocupan o entorno das pías senón que tamén se estenden polo resto rocha mesturándose con gravados de ferraduras (foto 4) e cruces (foto 5).
A tres metros dela, xa a ras de chan, hai outra pequena rocha (foto 3) que contén un fermoso gravado aparentemente circular, aínda que visto mais de preto semella un seudolaberinto, xunto a el, apenas visibles polo desgaste (e o mato que rodea á pedra) hai outras dúas figuras circulares de menor tamaño.
Entre a rocha principal e á que contén os gravados circulares hai unha pequena rocha (foto 6) con varias cazoletas rodeando a unha central dando a impresión de formar un círculo aínda que non ben delimitado.


Detalles da Pena das Pías.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

lunes 13 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: E1







































































Cando a atopei chameina a Pena Nova, simplemente porque non tiña nome, así que dende entón nos meus arquivos aparece con ese nome. No estudio de Rellán, Gorgoso e Fábregas denomínase a E1 (Estación 1) e o calco que eles fixeron tédelo e primeiro lugar.

Esta pedra (foto 1), de uns cinco por tres metros, está a ras do chan, tan a ras que a primeira vez que a vin tiña unha gran bosta encima, porque aquí antes pastaban as vacas (que alguén tiña que limpar o monte) e a evidencia di que pasaban por ela. O desgaste nela é evidente e aínda así pode se apreciar con relativa claridade o figura (foto 2) de maior tamaño (97 cm.) e de maior número de círculos. Chama tamén a atención o elevado número de gravados históricos (tendo en conta as pequena dimensións da pedra) formados por cruces inscritas en pequenos círculos e as dúas figuras cuadrangulares tipo taboleiro.

Xunto a esta pena existen outras dúas (foto 3) que na actualidade están cubertas de toxo e non son visibles. A que está mais preto da Pena Nova (foto 3) contén unhas 30 cazoletas e na seguinte pódense observar algunha cazoletas e varias cruces.


Xeral e detalles da E1
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

miércoles 8 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada V


























































Remato xa coa Laxe Ferrada mostrándovos o sector surleste que podedes apreciar no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía tedes en primeiro plano o gran circulo duplo de 1,75 m. de diámetro máximo. Está figura está feita sobre unha pequena elevación da pedra ó que fai que aínda pareza mais grande do que é.
Preto dela (foto 2) hai un gravado que, aínda que Rellán e os seus compañeiros non o consideran prehistórico (e eu non teño razóns para afirmar que o é pero tampouco para dicir que non) merece a pena observalo con detenimento pola propia rareza do gravado: cinco cazoletas das que saen cinco liñas rectas, unha por cada cazoleta.
Por último (foto3) volver ó motivo mais repetido: as ferraduras, que por algo esta pedra se chama como se chama.


Detalles do sector surleste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

martes 7 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada IV








































































O desgaste do gran conxunto situado na parte nordeste da Laxe Ferrada fai que este fermoso conxunto de gravados so se poida apreciar nunhas condicións de luz moi determinadas, supoño que iso tamén determinou que o calco non sexa todo o exacto que debería.

Como no resto da pedra, gravados prehistóricos e mais recentes mistúranse, tal como podedes apreciar no calco de Rellán e os seus compañeiros, que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía veredes unha xeral (incompleta) deste sector no que se aprecia o enorme desgaste da zona. Na segunda fotografía (moito mais vella) o conxunto de gravados mais complexos de toda a pedra. Na terceira, ó curioso caso das pombas, curioso porque as pombas, como se pode apreciar polo tipo de furco, son relativamente recentes, e rodean ó gravado circular sen chegar a tocalo. No calco non aparece outra figura ben curiosa, a do "xabarín" situado entre as dúas pombas mais grandes.

Outra curiosidade deste sector: na parte baixa do calco podedes ver tres cruces de gran tamaño, pois á do medio marca a liña divisioria entre esta tenza e a do lado. Explícome, o monte da Somoza non é comunal, senón que a finais dos anos 40 foi repartido entre os veciños e dividido en parcelas (tenzas), a Laxe Ferrada pertence a dúas tenzas distintas e esa cruz marca o deslinde entre elas.


Detalles do sector nordeste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla


lunes 6 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada III
































































































Cando te aproximas á Laxe Ferrada ó primeiro que ves é o gran circulo do sector suroeste. A profundidade do furco e as súas dimensións (2,10 metros de diámetro exterior) fano visible dende ven lonxe. Con independencia de este petroglifo (foto 1) fose gravado en unha, dúas ou varias etapas, a realidade é que o terceiro mais grande de Galicia (despois dos dous de Monte Tetón). Tamén chama á atención ese conxunto de cazoletas situado a súa dereita (a súa profundidade e as liñas que os unen), asi como as sempre presentes ferraduras e cruces (foto 2) que podedes apreciar moito mellor no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que aparece en primeiro lugar.

Un pouco mais arriba pódese apreciar outro gravado circular (foto 3) que, en comparación co anterior, parece pequeno e sen embargo mide aproximadamente 1 metro. Este gravado sufriu ultimamente a vista dalgún gañán que andivo a rascar nel cunha pedra e a mala fe.

Como curiosidade desta parte da pedra, non podo pasar por alto a "cuña de canteiro" (foto 4). Ese gravado con forma rectangular e unha prolongación mais estreita na parte superior, que contén no seu interior unha serie de letras é, o meu parecer, unha marca de canteiro ( a pesar de que ten varios engadidos que a fan parecer un home gordo con sombreiro). Explícome. Preto da zona onde está o gravado hai marcas de cuñas de canteiro, quere dicir isto que a Laxe Ferrada comezou a ser partida co fin de aproveitar a súa pedra pero, polo motivo que fose, non se continuo a labor. Fai xa tempo topei unha marca similar (foto 5) na zona do Monte do Gurgullo, preto do Castro e da Pena da Liñaza (Chán da Gurgulla), nesa marca pódese ler: "OBRA. J.S". Iso levoume a pensar que, dado a grande cantidade de pedra que se extraía da Uceira, os canteiros (ou algún canteiro en concreto) marcaban as pedras elixidas para os seus traballos gravando sobre a superficie esa especie de "cuña de canteiro" a que engadían inciais dalgún nome (as do propio canteiro ou as da persoa para quen traballaba). Pero que quede claro que estó é a miña suposición e que non teño datos reais para verificala.


Detalles do sector SO.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.



martes 30 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada II













































































Para poder estudiar a Laxe Ferrada (e debido as grandes dimensións da rocha), Rellán, Gorgoso e Fábregas dividirona en catro sectores cos seus respectivos calcos. O que tendes en primeiro lugar corresponde ó sector noroeste que se correspondería coa primeira fotografía.

Deste sector destaca a figura dos sete círculos (foto 2) cun tamaño exterior de dous metros de diámetro. Este gravado ten título: "o cuarto petroglifo circular mais grande de Galicia", pois é superado en tamaño polo gravado do Grupo IV de Monte Tetón (Tebra, Tomiño) con 3,50 metros, polo do Grupo I de Monte Tetón con 2,50 metros e polo outro gravado de gran tamaño da propia Laxe Ferrada situado no sector suroeste (2,10 metros).

Na terceira fotografía podedes ver como se entremezclan os círculos prehistóricos cos círculos de épocas posteriores, e xa na última tedes un curioso exemplo de como cruces, circulos e ferraduras (gravados históricos) se acumulan entorno os gravados mais antiguos.


Detalles do sector noroeste da Laxe Ferrada.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.


Atravesa o espello cara A Outra Ulloa