martes, 30 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada II













































































Para poder estudiar a Laxe Ferrada (e debido as grandes dimensións da rocha), Rellán, Gorgoso e Fábregas dividirona en catro sectores cos seus respectivos calcos. O que tendes en primeiro lugar corresponde ó sector noroeste que se correspondería coa primeira fotografía.

Deste sector destaca a figura dos sete círculos (foto 2) cun tamaño exterior de dous metros de diámetro. Este gravado ten título: "o cuarto petroglifo circular mais grande de Galicia", pois é superado en tamaño polo gravado do Grupo IV de Monte Tetón (Tebra, Tomiño) con 3,50 metros, polo do Grupo I de Monte Tetón con 2,50 metros e polo outro gravado de gran tamaño da propia Laxe Ferrada situado no sector suroeste (2,10 metros).

Na terceira fotografía podedes ver como se entremezclan os círculos prehistóricos cos círculos de épocas posteriores, e xa na última tedes un curioso exemplo de como cruces, circulos e ferraduras (gravados históricos) se acumulan entorno os gravados mais antiguos.


Detalles do sector noroeste da Laxe Ferrada.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.


Atravesa o espello cara A Outra Ulloa

lunes, 29 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada I







































A Laxe Ferrada, situada no centro da Uceira da Somoza e a ¿55 metros? da Liña de Alta Tensión (L.A.T.) do parque eólico, é unha rocha de grandes dimensións (20 x 9 metros) visible dende a estrada que vai cara a cima do pico do Farelo. A súa espectacularidade é dobre, primeiro porque toda a superficie está gravada (tanto con gravados prehistóricos como históricos), e segundo porque as enormes dimensións de varios dos gravados prehistóricos fan que a Laxe Ferrada apareza no listado dos petroglifos circulares mais grandes de Galicia.

En primeiro lugar tedes o calco que Rellán, Gorgoso e Fábregas publicaron no seu estudio "O conxunto dos petroglifos do Campo da Uz (Santa Cristina de Areas-Antas de Ulla) e as vías de tránsito cara o interior lucense" do que xa falei cando me referin á Uceira da Somoza. No calco podedes ver os gravados prehistóricos (combinacións circulares e cazoletas) marcados en negro e os históricos (cruces, circulos, liñas, animais e as "ferraduras" que lle dan nome á pena) marcados en gris. Xa iremos falando pouco a pouco da Laxe pero, para que vos fagades unha idea, o petroglifo que vedes no calco na parte superior esquerda mide case dous metros no seu exterior.

Na primeira fotografía tedes unha visión xeral dende a cara sur (feita a uns 25 metros da pena e ainda así ¡vense gravados!, ademais dos cables da L.A.T., claro). A segunda fotografía está feita dende a beira leste da Laxe, dende ahí ata o cabo son uns 20 metros.


Xeral da Laxe Ferrada.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.


[Por certo, poño entre interrogantes o dos 55 metros ata a L.A.T. porque teoricamente esa é a distancia máxima ata que se podía achegar a liña ós bordes exteriores das penas con gravados, segundo se recollía no punto 7 da Resolución de Impacto Medioambiental publicada no DOGA o 28 de novembro de 2003, iso si, gracias a esta Resolución hoxe temos os calcos dos petroglifos da Uceira da Somoza].

[Outra cousa, darlle as gracias a Fermín Castro, que foi a primeira persoa que me falou da Laxe e me dixo como chegar ata ela, cando aínda había que atravesar a Uceira facéndose camiño entre as uces e levando, a poder ser, polainas e un fouciño]

martes, 23 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: O Chan da Gurgulla II
























































































































En primeiro término tedes o calco de Rellán e Gorgoso do Sector Oeste do Chan da Gurgulla, deste zona da pedra destaca, tanto polo seu tamaño (70 cm no exterior) como pola sua feitura, a figura situada na parte baixa da pedra (no extremo superior esquerdo da foto 1 e en primeiro plano na foto 2). Tamén hai otra figura, moito mais pequena pero igual de chamativa, unha especi de triple oito inacabado que podedes ver na parte inferior esquerda da foto 1.

O calco do sector leste e moito mais complexo. Por unha parte están as combinacións de cazoletas, das que destaca unha agrupación situada na parte alta da pena á que eu chamo "o reloxo" (foto 3) porque semella un reloxo de pulseira coa súa esfera e a correa (ata pode que algún descubramos que tamén serve para marcar as horas, non sería tan raro). O caso é que esta zona da pedra non está intacta, no calco podedes ver a fractura e in situ vense as marcas que deixaron as cuñas que a rebentou, isto é relativamente frecuente tanto no monte da Somoza como noutros lugares de Galicia porque, como é loxico, a boa pedra sempre se empregou para construir.

Das combinacións circulares destaca sobre todo a espiral (moito mais pequena ca da Pena da Moura, uns 55 cm) que podedes ver xunto a unha gran figura na foto 5 e tamén xunto a outras dúas combinacións circulares na foto 6. Dicir que estas dúas última figuras estaban tapadas polo mato ata que Rellán e Gorgoso fixeron o calco no 2005 (gracias por limpalas) e que na actualidade volven a estar case cubertas polo que difícil velas.


Calcos e detalles do Chán da Gurgulla (Pena da Liñaza)
Monte do Gurgullo.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

lunes, 22 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: O Chan da Gurgulla I



















































Cando Carlos Rodríguez Rellán, Lino Gorgoso López e Ramón Fábregas Valcarce, publican o seu estudio "O conxunto de petroglifos do Campo da Uz (Sta. Cristina de Areas, Antas de Ulla) e as vías de tránsito cara o interior lucense", dánlle a este grupo o nome de "Chán da Gurgulla", supoño que o nome ven dado porque este anaco de monte próximo ó castro recibe o nome de "Monte do Gurgullo" (porque hai unha zona, a uns catrocentos metros da pena, de gurgullo, e dicir, a auga nace baixo o manto vexetal e ó pisar nel, ademais de enlodar, óense gurgullas). A verdade é que eu á coñezo como a Pena da Liñaza e así consta nos meus arquivos dende que Nonito Mariño, o seu dono, me dixo o seu nome (por certo, na Somoza, cada pena con petroglifos ten o seu dono o incluso varios, como é o caso da Laxe Ferrada da que xa falarei).

Arriba tedes, en primeiro lugar, o calco enteiro da Pena publicado por Rellán e os seus compañeiros. Para que vos fagades unha idea, a rocha ten 18 X 10 metros e, segundo consta no estudio, 31 combinacións circulares.

Nas fotografías tedes dúas vistas xerais da Pena, a primeira é de fai seis anos e a segunda de fai uns días, algo mais limpa gracias a que Rellán e Gorgoso fixeron limpeza para facer o calco pero o monte é monte e o mato volveu medrar, de feito dúas das figuras xa volven a estar tapadas. Pero de todo eso xa faleremos.


Calco e xeral do Chan da Gurgulla (Pena da Liñaza).
Monte do Gurgullo.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

miércoles, 17 de junio de 2009

A Uceira da Somoza: os petroglifos do Campo da Uz
















































No mes de maio do pasado 2008 Carlos Rodríguez Rellán, Lino Gorgoso López e Ramón Fábregas Valcarce, publican no número 27 de "Gallaecia" un exhaustivo estudio sobre os petroglifos da Uceira da Somoza, co título: "O conxunto de petroglifos do Campo da Uz (Sta. María de Areas, Chantada) e as vías de tránsito cara o interior lucense". Deixando a parte o erro toponímico (trátase de Santa Cristina de Areas, Antas de Ulla e non de Santa María en Chantada) o estudio é excelente. Non só inclúen os calcos de varias das rochas (coa grande dificultade que supoñía facer un calco dunha pena tan complexa como é a Laxe Ferrada) acompañada da análise dos gravados, senón que tamén estudian a relación que existe entre a situación das rochas respecto da Uceira e respecto das vías de entrada dende o Val do Arnego (Camba e Ventosa) o Val do Ulla. Con isto queren dicir que as rochas con petroglifos están situadas nas proximidades da vía de paso menos dificultosa para entrar na Ulloa e preto de zonas con auga.

No estudio hai unha estación (tedes arriba o mapa de situación que eles publican cos nomes de cada rocha) chamada E11, da que podedes ver a situación respecto da Uceira na primeira fotografía. Cando Rellán e os seu compañeiros publicaron ese estudio descoñecían a situación do resto dos petroglifos do Farelo, agás dos publicados por Goberna. A última fotografía, sacada dende a cima da E11, demostra con feitos como a súa teoría da localización dos petroglifos preto das zonas con menor dificultade de paso é certa. Cada frecha marca a situación dunha ou varias rochas, sendo a Pena de Ermide a situada mais a dereita e pasando logo polo Monte de Bellós, Penas do Raposo e Chaos. Non se verían dende esta situación os de Penas Solteiras e os da Rega do Coello que farían continuar esa liña cara os montes de Facha e Borraxeiros (onde os petroglifos continúan espallándose).

Por último, outra reflexión: a Uceira da Somoza, que deixou de ser uceira dende o lume que á queimou fai tres ou catro anos (pouco despois da finalización das obras da liña de alta tensión, do parque eólico, que pasa por alí), será dentro duns 20 anos unha plantación de pinos porque os donos dos terreos (que son propiedade privada e están no seu dereito) están a repoblar esa zona. Esto quere dicir que o risco de ser deteriorados polas máquinas de desbroce ou corta ou polos incendios irá en aumento cos anos.


Os petroglifos do Campo da Uz.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.


Quero agradecer publicamente a Carlos Rodríguez Rellán, Lino Gorgoso López e Ramón Fábregas Valcarce a cesión dos seus mapas e calcos para podelos publicar neste blogue. Así mesmo darlles novamente os meus parabéns por un traballo tan ben feito.

jueves, 11 de junio de 2009

Monte de Ermide: Grupos II e III


























































A uns 50 metros da Pena de Ermide atópase o grupo II. Este grupo, formado por tres figuras circulares, dúas delas superan os 80 cm de diámetro máximo, están en peor estado de conservación co grupo principal, en parte polos líquenes e en parte polos lumes que, como xa dixen, afectan con frecuencia a esta zona do monte, aínda ca orientación da propia pena (norte) e a calidade do gran da rocha tamén influen.

Tomando dirección norte dende o grupo anterior, e baixando cara o lugar no que se atopan os restos do antigo muíño de Ermide, atópase o grupo III. Un pequeno penedo con un curioso conxunto de cazoletas cruzado por varias liñas que penso son propias da pedra aínda que sería cuestión de velas con mais atención.


Xeral do Grupo II e detalles das figuras. Xeral do grupo III.
Monte de Ermide.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

miércoles, 10 de junio de 2009

Monte de Ermide: a Pena de Ermide






























































































Coñecín a existencia desta pena gracias a Pablo Novoa Álvarez. Non hai estudo feito dela e polo tanto non hai calco, algo que debería facerse con urxencia, non só pola calidade dos gravados, senón tamén porque esta zona monte arde ano si ano non, e tanto lume está a deteriorar a pátina da rocha.

A pena, de acceso complicado pola gran cantidade de toxos ca rodean, (o que aínda complica mais a súa situación respecto dos lumes) está a rás de chán e contén unha ducia de gravados, varios deles de gran tamaño.

Destacan do conxunto tres figuras. A primeira (foto 4) é unha figura circular con un furco de saída central que se acompaña, a partires do ultimo círculo, por outros dous furcos paraleos ó central. Está figuran tamén ten outros dous furcos (moito menos visibles) na parte inferior esquerda é está acompañda por varias cazoletas mais. Para min, de todolos petroglifos do Farelo, é o mais especial, por eso a elexín de foto de perfil cando comecei este blog.

As outras dúas figuras de especial interés son a da fotografía 5: unha pequena espiral de dúas voltas e só 30 cm, e a da última fotografía: un intento de ¿espiral? ó que eu chamo "o caracol". Por suposto cos meus nomes son de andar por casa e non teñen nada de científico.

Monte de Ermide.
Ermide.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

martes, 9 de junio de 2009

Monte de Bellós: Penas do Raposo











































































































No extremo oeste do monte de Bellós, atópanse os grupos I, II e III das Penas do Raposo (lugar no que se ubica o grupo principal).

O Grupo I está formado por un conxunto de rochas de tamaño medio no que se espallan sete gravados circulares, un deles (foto 1) moi chamativo por estar formado pola conxunción de dous circulos de diferente tamaño, semellante, en forma, a outro gravado existente no Monte de San Martiño de Amarante. Deste grupo pódense ver sen dificultade dous gravados mais, (foto 2 e 3) o resto, polo seu desgaste, necesitan condicións especiais de luz para facerse visibles (tres deles pódense intuir na foto 3, polo menos eu véxoos, supoño que porque os toquei e sei onde están).

O Grupo II é quizais ó mais singular do conxunto. Unha soa figura circular (foto 4) con furco de saída rematado en lazo e situado no chán a carón dun pequeno bolo de granito, preto deta figura hai un conxunto formado por cazoletas e liñas que serían moito mais visibles se non houbese tanto líquen polo medio.

O Grupo III, dende o que se pode observar toda a chaira do Monte de Chaos (foto 5) contén dúas figuras mais: un dobre círculo e outra desas "figuras lazo" duns 35 cm de diámetro.


Detalles dos grupos I, II e III.
Monte de Bellós-Penas do Raposo.
Bellós.
Parroquia de San Fiz de Amarante.
Antas de Ulla

lunes, 8 de junio de 2009

Monte de Bellós: Grupos II e III
































No estudo de Goberna, Novoa e Albó xa se fala destes dous pequenos grupos. Fan referencia a súa situación respeto da Pena da Moura dicindo do grupo II: "este grupo situado a 300 metros al Oeste del anterior lo componen dos figuras en una superficie a ras de suelo" pero non engaden calco das figuras.

Estas figuras non teñen a espectacularidade dos grandes paneis, a mais grande só alcanza os 25 cm de diámetro, sem embargo é necesario ter localizados estes pequenos gravados por dúas razóns: a necesidade de protexélos de posibles erros humáns (como é o caso do petroglifo desaparecido de Chaos) e a posibilidade de que, se nun futuro se chega a saber cal era o significado ou a función dos petroglifos, necesitaremos ter todas as pezas do rompecabezas para poder velo puzzle coa maior claridade posible.


Detalle dos grupos II e III.
Monte de Bellós.
Bellós.
Parroquia de San Fiz de Amarante.
Antas de Ulla.

domingo, 7 de junio de 2009

Monte de Bellós: A Pena da Moura




















































































Dende a Pena da Moura á Pena de Chaos hai un pouco menos dun quilómetro en liña recta aínda que iso, camiñando polo monte, convértese en media hora ou mais, dependendo da maleza.

Situada nun alto, cunhas fermosas vistas sobre a aldea de Bellós e o resto do val do Ulla, esta pena contén dez figuras que podedes ver no calco de Goberna e Novoa que tedes en primeiro lugar, extraído do se estudo "Los grabados rupestres de Pena de Chaos y Pena da Moura en San Fiz de Amarante (Antas de Ulla-Lugo)" publicado no Volume 8 de Brigatium.

Destaca desta rocha a espiral de xiro inverso (foto 2) situada na parte alta do panel (foto 1) que mide no seu exterior un pouco mais de 70 cm. Desta figura, Pablo Leal, xoieiro artesán de Teo (A Coruña) fixo unha reproducción en prata, así como da figura 1 do Grupo II de Chaos, que eu levo as veces colgada do pescozo.

O gravado mais complexo da pena é a figura 2 (foto 3), de 51 cm. de diámetro máximo e cun curioso furco de saída que parece servir de apoio a resto da figura. Moito mais sinxela é a figura 7 (foto 4) pero chama dela a atención a ramificación do furco "a modo de pernas".


Calco, xeral e detalles.
Monte de Bellós-Alto dos Penouzos
Bellós.
Parroquia de San Fiz de Amarante.
Antas de Ulla.

sábado, 6 de junio de 2009

Monte de Chaos: resto de grupos









































































































As penas con gran número de gravados sempre son as mais fáciles de localizar. Pero ó tempo que ía paseando polo monte fun atopando outros pequenos restos espallados, algúns tan pequenos como as cazoletas da primeira fotografía. Esta pedra, unha rocha duns 80 cm de largo por 30 de ancho e uns 50 de altura, estaba no medio da campa de Chaos, e digo estaba porque desapareceu cando as máquinas entraron en Chaos para facer a mellora da traída da auga no ano 2004. Esa pena xunto coa da segunda fotografía e otros pequenos restos de gravados históricos, forman o grupo V de Chaos.

O Grupo VI (foto 3), xusto no extremo oposto na chaira, esta formado por tres pequenas figuras, unha delas é o terceiro "trévol de Chaos". A última vez que fun alí a rocha estaba tan pechada polos toxos que nin me din achegado a ela.

O Grupo VII (foto 4) ten una figura circular dobre duns 40 cm moi marcada, como se estivese a dicir: "ollo, mira ben e atoparás". Está situada xunto algúns restos moitos mais gastados que apenas se ven incluso tendo boa luz.

E tiña razón a figura do VII porque moi preto está o VIII, unha pedra con moito musgo e liquen que contén un dos gravados mais estranos de Chaos (foto 5), como sei que na miña foto case non se ve fixen unha aproximación (bastante ruín, por certo) do que alí hai, esa especie de ¿serpe con patas? que podedes ver na última fotgrafía. Volvo repetir: se alguén coñece a un arqueólogo que se preste a facer calco...

Queda outro mais, o grupo IX, que atopei gracias a que Celso García Porto me levou a velo. Deste so teño unhas fotos feitas en malas condicións de luz, asi que non hai foto.


Detalles dos grupos V, VI, VII e VIII de Chaos.
Monte de Chaos-Penas Malvis.
San Fiz de Amarante.
Antas de Ulla