jueves, 30 de julio de 2009

Pechado por vacacións

















Está ben tomar o sol na Ulloa pero para coñecer mundo hai que saír a velo, así que este local queda pechado por vacacións.


Na fotografía, os meus lagartos que parece que este verán tamén se foron de vacacións, non sei se polo mal tempo ou porque o miñato real (milano) non lles saca ollo.

miércoles, 29 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: as inscricións





























































No interior de Balboa poden verse dúas inscricións, unha corresponde a data na que a igrexa foi consagrada e a segunda a firma do mestre canteiro.
A inscrición da data está situada nun sillar a carón da porta (foto 1) e sobre ela tamén existen distintas lecturas dependendo do autor igual que ocurre coa intrepetación do capitel esquerdo.
Para Vázquez Saco di: + ERA MCLXXXV IDIB(vs) DE(cem)BR(is), e dicir, "Era 1.185 en las Idus de Diciembre" que equivale o 13 de decembro do ano 1.147 segundo o noso calendario, e segundo este autor, a data faría referencia a construcción da igrexa.
Jaime Delgado ten en conta que enrriba das letras M, C e L, existen pequenas A (aprecianse na fotografía 2 como se fose un acento ^) e revisa as últimas letras (foto 3), polo que para el a lectura sería: + ERA M(^)C(^)L(^)XXXV VIIII K DCBR, esto sería "Era 1185, nueve días antes de las Kalendas de Diciembre" que equivale ó 23 de novembro de 1147. Delgado engade que esta data tan concreta fai referencia a consagración da igrexa posto que nas inscricións de datas de construción so se fai referencia o ano, ademais alega que que o 23 de novembro de 1147 foi domingo, día apto para a consagración.

A outra inscrición está situada preto do arco triunfal e nela pódese ler (h)OC O(pus) PELAGIO FE(cit), o que se lería "Esta obra Pelagio hizo", deixando así o mestre Pelagio datada e firmada a súa obra.


Detalles das inscricións.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso.

Atravesa o espello cara A Outra Ulloa

martes, 28 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: os capiteis II






























































A interpretación do capitel esquerdo de Balboa é moito mais complexa. Os distintos autores que o estudiaron non se poñen de acordo na súa interpretación. Para Nicanor Rielo a escena podería representar a Ultima Cea (interpretación, para min, absurda). Vazquez Saco describe a escena pero non a situa. Yzquierdo Perrín opina que se representa o Bautismo de Cristo, o que podería ser si se ten en conta que hai varias imáxenes románicas (por exemplo a da cripta norte de Roda de Isábena en Huesca) que identifican así escenas similares a esta, pero nesta a imaxe do Bautista non é identificable.
O meu parecer a interpretación mais adecuada é a de Jaime Delgado, para quen a escena corresponde a Resurrección de Cristo representada segundo o "Evangelio apócrifo de Pedro", tamén chamado o "Evangelio de la Pasión". Este apócrifo explica a resurrección da seguinte forma: os soldados que gardaban o sepulcro ven a dous varones baixar dos ceos, a pedra do sepulcro móvese por si soa e estes entran, os soldados ven sair do sepulcro a tres homes, o terceiro deles é axudado polos outros dous, á chegada das mulleres un anxo anuncialles a resurrección.

Das catro figuras que se representan no capitel (foto 1) a central sería Cristo espido (vense claramente as súas costelas), axudado polos dous homes para saír do sepulcro onde aínda ten metidos os pes (foto 2). O anxo, que na súa man sostén un frasco que recolle un dos homes (foto 3) sería, segundo Jaime Delgado, a mirra destinada a unxir o corpo de Cristo.


Detalles do capitel esquerdo.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso.

lunes, 27 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: os capiteis I














































































No románico da Ulloa so existen catro igrexas con capiteis historiados, e dicir, que nos seus capiteis estean representadas escenas da biblia ou personaxes desta. Estas catro igrexas son: San Miguel de Coence, San Cristobal de Novelúa, Santa Mariña do Castro de Amarante e San Salvador de Balboa. O caso dos capiteis de Balboa é especialmente singular.
No capitel dereito do arco triunfal está representada a escena da Adoración dos Reis Magos (foto 1) ou a tamén chamada Epifanía, no que a primeira vista se ven cinco personaxes, os tres primeiros (foto 2) representarían os Reies Magos. O primeiro deles estaría de xeonllos e os outros dous en pé. Entre as súas máns (foto 3) levan os presentes, que como todos sabemos serían ouro, incienso e mirra. Respecto destas figuras resulta curioso ver como as vestimentas do primeiro Rei aínda conservan restos da policromía e, segundo Izquierdo Perrín as concas dos ollos (agora baleiras en parte) estarían recheas con chumbo (plomo) para dar unha sensación mais realista.
As outras dúas figuras (foto 4) resultan mais difíciles pola postura na que están. A figura da esquerda sería a Virxe sentada sobre sobre unha cadeira, da que se poden ver as patas, sobre o seu colo (e agarrado coa man dereita e cos pes colgando por encima dos de María) está sentado Xesús, quen alarga a súas mans para recoller o presente do Rei. Descoñezo porqué o neno non é tan neno ou porqué non aparece a figura de Xosé, pero dende logo todos os autores que estudiaron este capitel (Izquierdo Perrín, Jaime Delgado e Vázquez Saco) coinciden na súa interpretación.


Detalles capitel dereito.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso

domingo, 26 de julio de 2009

San Salvador de Balboa: a igrexa







































Situada nun fermoso enclave da parte baixa da aldea de Vilance, esta igrexa románica, de principios do século XII, da nome a parroquia que rexenta: Balboa.
O edificio, de pequenas dimensións e rodeado do camposanto, conserva toda a súa fábrica románica pero a fachada principal foi reformada ó engadir a espadana do campanario.

Nos anos setenta sufriu varios roubos, un deles afectou a talla do Salvador que por aquelas estaba situado na parte central do retablo. O deterioro da igrexa era evidente e rematou coa derrube da esquina noroeste no ano 1985. Por sorte, dous anos despois foi restaurada, restauración que foi aproveitada tamén para sanear as humidades da igrexa, desencalar o interior e suprimir a sacristía que se lle engadira na parte norte da ábside, onde aínda se conserva a porta que se abriu no muro para unir esta coa igrexa.

A singularidade desta igrexa non se limita a súa beleza de proporcións, a paraxe na que está situada nin a súa antigüidade, a verdadeira importancia está no seu interior, nos capiteis do arco triunfal e nas dúas inscricións que se poden ver, pero diso hai que falar mais polo miúdo.


Detalles do exterior e do arco triunfal.
San Salvador de Balboa.
Vilance.
Monterroso

sábado, 25 de julio de 2009

A Rega do coello
































Preto do depósito de auga e visible dende As Penas Solteiras está o lugar coñecido como A Rega do coello, zona de bo granito de onde noutro tempo saíu moita pedra.
Nunha desa pequenas pedras que quedaron no monte, a carón doutras pedras rachadas, hai un gravado circular duns 50 cm de diámetro. Esta pedra faría a número 35, é dicir, na parte baixa do Farelo, dentro do concello de Antas de Ulla, hai 35 penas con gravados rupestres das que 27 delas teñen figuras con combinacións circulares. Se pensamos que na parte do monte que pertence ó concello de Agolada hai tantos ou mais que Antas, e tomamos nota de que no concello de Rodeiro estanse a atopar mais; a importancia da Serra do Farelo como referente dos petroglifos da Galicia interior é aínda mais que evidente.
Hai moitas preguntas no aire: ¿Por que aínda na Ulloa non se atoparon gravados con armas cando si os hai do outro lado do monte? Si a Uceira da Somoza dentro de 20 anos será un piñeiral ¿que hai dentro da actual repoboación? Si os petroglifos marcan vías de tránsito ¿por onde segue a vía que uniría Penas Solteiras cos gravados do Monte de Facha e Borraxeiros? ¿e como se une iso cos de Cabana, xa no concello de Palas de Rei?
O tempo traerá respostas, seguro.

Detalles da pena da Rega do coello.
Monte de San Martiño de Amarante.
San Martiño de Amarante.
Antas de Ulla.

viernes, 24 de julio de 2009

As Penas Solteiras: Grupos I e II










































































As Penas Solteiras están formadas por un conxunto de grandes rochas situadas na parte traseira do antigo vertedoiro de Antas de Ulla (hoxe en día inutilizado).

Nesta zona atópanse dos grupos con gravados circulares. No primeiro deles (foto 1) pódense ver tres figuras circulares e varias cazoletas e nel volve a repetirse o motivo dos trévores de Chaos (foto 2 e 3). Chama tamén a atención a figura circular rematada con outra combinación en de círculos na súa parte final, desgraciadamente este apéndice está moi erosionado é perdido por culpa dos frecuentes incendios que se daban nesta zona cando o vertedoiro esta en activo.
O segundo grupo (foto 4) está formado por dúas figuras circulares, ven visibles tanto polo seu tamaño como por estar nunha rocha lixeiramente inclinada e sen vexetación o seu carón. A figura mais grande está próxima os 60 cm e a outra, aínda que a parte circular ten mais perdidos os seus aneis, remata nun apéndice dobre o estilo da figura 6 de Pena de Chaos.


Detalles dos grupo I e II das Penas Solteiras.
Monte de San Martiño.
San Martiño de Amarante
Antas de Ulla.

jueves, 23 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: outras penas da Uceira












































































Como remate a todo o escrito sobre A Uceira da Somoza quero deixar constancia de que nesa zona hai outras penas sen gravados circulares pero sí con conxuntos de cazoletas.
Próximas a E11 atópanse pequenas rochas como as que tedes nas fotografías 1 e 2. Xa na zona do Castro da Somoza, camiñando dende a Pena da Liñaza cara el, pódese ver (se a luz o permite) restos case desaparecidos de figuras circulares (foto 3) ademais de cruces e marcas de canteiro. Xusto á pe da muralla oeste do Castro hai mais penas con cazoletas (foto 4), e o mellor de todo, incluso dentro do castro (no antecastro para ser mais exactos) segue habendo conxuntos de cazoletas.


Detalles de diversas penas.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.

miércoles, 22 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A E11








A denominada E11 é un gran penedo visible dende moitos sitios da Uceira da Somoza. A parte superior da pena, relativamente cha, pódese dividir en dous sectores: leste e oeste. No primeiro aprécianse varios gravados circulares (foto 1), algunha cazoleta aillada e incluso un xogo de taboleiro tipo tres en raia. No sector oeste (foto 2) predominan as combinacións de cazoletas (unhas 40 nesta zona mais outras 40 espalladas no resto da rocha e noutra que ten ó seu carón) que xa no extremo (foto 4) mistúranse con ferraduras e algunha cruz. Case que a gran curiosidade de esta rocha está na súa parte baixa onde, boa parte do contorno da pedra, foi marcado con cruces e ferraduras (foto 5) chegando incluso en algún sitio a ser repicada e logo marcada. O repertorio de cruces vai dende o trazo simple a gravados mais complexos tanto na profundidade de talla (foto 7) como no seu deseño (foto 8), precisamente foi esta cruz "phi"a que me levou (xa fai ben tempo e por cuestión de organizar dalgún xeito os meus arquivos) a darlle a esta rocha o nome de "A pena do Indalo", en honor a cruz phi mais famosa de toda España: o Indalo de Almería.
Detalles da Pena do Indalo. A Uceira da Somoza. A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas. Antas de Ulla.

martes, 21 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Cruz do Seixo





































No límite da Uceira, onde a estrada que sobe cara o pico do Farelo fai cruce co camiño da casa do Seixo (a casa habitada a maior altitude de toda A Ulloa, 765 metros), existe un conxunto de pequenas penas con gravados.
A rocha principal está partida en anacos, e algún deles nalgunha pódense ver restos de cazoletas (foto 3) como tamén se ven na pena que aínda está intacta xunto con algún cruciforme. Nunha pena situada mais a ras de chan hai dúas pequenas figuras circulares (foto 1) e noutra cara o norte, pero tamén moi preto, existe unha pequena espiral (27 cm.) moi desgastada (foto 2, sinto non ter unha fotografía mellor dela pero a sombra dos eucaliptos que están ó carón non me deixa moita marxe de manobra).
Detalles das penas do cruce do Seixo.
A Uceira da Somoza. A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas. Antas de Ulla.

domingo, 19 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Pena das Pías




























































































De todas as penas con gravados da Uceira, está é a máis fácil de localizar porque a ¿50 metros? (suponse que polo que dicía o DOGA debería habelos, penso que son un pouco escasos) está colocado un dos postes da liña de alta tensión do parque eólico.
O nome das pías (foto 1) é evidente. A pena principal contén cinco pías de base plana (¿naturais?) e cada unha delas está rodeada no borde superior por cazoletas (foto 2). As cazoletas non só ocupan o entorno das pías senón que tamén se estenden polo resto rocha mesturándose con gravados de ferraduras (foto 4) e cruces (foto 5).
A tres metros dela, xa a ras de chan, hai outra pequena rocha (foto 3) que contén un fermoso gravado aparentemente circular, aínda que visto mais de preto semella un seudolaberinto, xunto a el, apenas visibles polo desgaste (e o mato que rodea á pedra) hai outras dúas figuras circulares de menor tamaño.
Entre a rocha principal e á que contén os gravados circulares hai unha pequena rocha (foto 6) con varias cazoletas rodeando a unha central dando a impresión de formar un círculo aínda que non ben delimitado.


Detalles da Pena das Pías.
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

lunes, 13 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: E1







































































Cando a atopei chameina a Pena Nova, simplemente porque non tiña nome, así que dende entón nos meus arquivos aparece con ese nome. No estudio de Rellán, Gorgoso e Fábregas denomínase a E1 (Estación 1) e o calco que eles fixeron tédelo e primeiro lugar.

Esta pedra (foto 1), de uns cinco por tres metros, está a ras do chan, tan a ras que a primeira vez que a vin tiña unha gran bosta encima, porque aquí antes pastaban as vacas (que alguén tiña que limpar o monte) e a evidencia di que pasaban por ela. O desgaste nela é evidente e aínda así pode se apreciar con relativa claridade o figura (foto 2) de maior tamaño (97 cm.) e de maior número de círculos. Chama tamén a atención o elevado número de gravados históricos (tendo en conta as pequena dimensións da pedra) formados por cruces inscritas en pequenos círculos e as dúas figuras cuadrangulares tipo taboleiro.

Xunto a esta pena existen outras dúas (foto 3) que na actualidade están cubertas de toxo e non son visibles. A que está mais preto da Pena Nova (foto 3) contén unhas 30 cazoletas e na seguinte pódense observar algunha cazoletas e varias cruces.


Xeral e detalles da E1
A Uceira da Somoza.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla

miércoles, 8 de julio de 2009

A Uceira da Somoza: A Laxe Ferrada V


























































Remato xa coa Laxe Ferrada mostrándovos o sector surleste que podedes apreciar no calco de Rellán, Gorgoso e Fábregas que tedes en primeiro lugar.

Na primeira fotografía tedes en primeiro plano o gran circulo duplo de 1,75 m. de diámetro máximo. Está figura está feita sobre unha pequena elevación da pedra ó que fai que aínda pareza mais grande do que é.
Preto dela (foto 2) hai un gravado que, aínda que Rellán e os seus compañeiros non o consideran prehistórico (e eu non teño razóns para afirmar que o é pero tampouco para dicir que non) merece a pena observalo con detenimento pola propia rareza do gravado: cinco cazoletas das que saen cinco liñas rectas, unha por cada cazoleta.
Por último (foto3) volver ó motivo mais repetido: as ferraduras, que por algo esta pedra se chama como se chama.


Detalles do sector surleste.
A Uceira da Somoza.
A Somoza. Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.