Rubén Castro Fernández naceu no ano 1945 na Arxentina pero nos primeiros anos de vida regresa a Galicia coa súa nai (natural de Quintela, Antas de Ulla) e o seu irmán pequeno, Fermín. Viviu en Monterroso ata os 19 anos, idade na que de novo decide emigrar á Arxentina onde traballaba guiando un camión.
Rubén casou con Isolina Beatriz Rocchi e ambos militan nun partido de esquerdas. E por iso que cando teñen un fillo, o 13 de febreiro de 1975, deciden por razóns de seguridade non inscribilo no rexistro civil, sen embargo, o neno aparece recollido na acta de bautismo co nome de Tomás Martín Castro.
O 20 de maio de 1977 Rubén e Isolina levan o seu fillo a unha reunión na casa duns compañeiros. O rapaz queda durmido, afora chove, e eles deciden deixalo para pasar a buscalo o día seguinte. Pero ó día seguinte Rubén e Isolina non aparecen e Hilda Palacios, a dona da casa, achegase a casa dun veciño para saber tratar de saber ó porqué. O veciño cóntalle que de madrugada o exercito sacaraos da casa, que Isolina ía camiñando e Rubén envolvido nunha manta.
Hilda Palacios, seu home e as dúas fillas, fuxen a Santa Fe levando con eles a Martín, e trasladándose mais tarde a Córdoba. É nesa cidade onde Hilda lle entrega ó rapaz a Marcos Mayta, pedíndolle que se faga cargo del por un tempo, dicíndolle que se chama Martín Castro, que nacera entre marzo e abril do 75 e que seu pai era de orixe español. Pouco tempo despois Hilda Palacios e o seu home son secuestrados e desaparecen. Ante esta situación, Marcos Mayta e a súa muller Hebe deciden inscribir a Martín como fillo propio, sen deixar de buscar durante os seguintes anos á familia biolóxica de Martín, poñéndose en contacto con varias asociacións, entre elas "Abuelas de Plaza de Mayo".
En 1999, nunhas xornadas que realizaba a CIG de Lugo sobre os desaparecidos galegos na Arxentina, Fermín Castro, o irmán pequeno de Rubén, denuncia a desaparición de Rubén, Isolina e o seu fillo Martín. A CIG ponse en contacto coas "Abuelas de Plaza de Mayo" e estas remiten a Lugo o caso de Martín. A proba de ADN confirmou a identidade de Martín.
O caso de Martín está recollido en "Los niños desaparecidos y la justicia. Algunos fallos y resoluciones. Tomo III" pois a sentencia civil pola que lle era recoñecida a súa identidade sentou un precedente na xurisprudencia Arxentina
Na fotografía Rubén Castro e Isolina Beatriz Rocchi o día da súa voda, que ilustraba o artigo do 30 de xuño de 2008 do xornal "El Progreso", no que o xornalista Ignacio Rodríguez Díaz fala dos lucense desaparecidos na Arxentina.
5 comentarios:
Acabo de ler a entrada con todos os enlaces. Non precisa máis comentario. Estas historias déixanos mudos. Falan por sí soas.
Saúdos.
Cristina xa me sorprenderas coa cataloganción dos petroglifos que fixeras n'A Ulloa e agora volves a facelo de novo. Moi interesante o artigo que amosa como aquelo que parece lonxano resulta non selo tanto.
Coñecía un pouco a historia pero non deixa de sorprenderme.Interesante documento.Como te metas neste asunto a fondo,coido que terás mais choio que cos petroglifos...pero ánimo,é un traballo acojonante.
A verdade é que daría para un bo traballo de investigación furgar nas vidas de Ramón, Dolores, Rubén e Manuel (os ulloáns desaparecidos) nos anos da ditadura Arxentina, pero non quero facelo.
Neste días, segundo ía vendo cousas, non para de horrorizarme co que lía. Foi unha masacre lenta e brutal, un xenocidio infame como todos.
A min o estómago non me serve para furgar mais neste tema, so quería deixar constancia de que tamén nos fumos vítimas da ditadura do xeneral Videla.
Saúdos
Entendo o desacougo que historias coma esta che poden producir. Que saibas que lograches traspasalo tamén a través da túa escrita.
Apertas
Publicar un comentario