martes, 29 de septiembre de 2009

O pazo de Leilón: a casa dos caseiros
















































En calquera lugar da Galicia non podía existir unha "casa grande" o un pazo sen os seus caseiros e Leilón non era unha excepción.

Case con seguridade se podería afirmar que a figura dos caseiros galegos ten o seu nacemento nas relacións feudais da nosa Idade Media, figura que permaneceu no tempo ata ben entrada a década dos setenta, cando a emigración da década anterior deixou o campo escaso de man de obra barata.

Os "contratos de parcería" que se lle facían os caseiros ían de San Andrés a San Andrés, e dicir, no mes de novembro (o día 30 é San Andrés) facíase o contrato co novo caseiro ou dicíaselle o existente que podía seguir segundo o amo crese que o caseiro fixera ben ou mal a súa labor. O "contrato" constaba dunha relación das fincas, a forma de reparto dos bens obtidos e todas as estipulacións que o amo quixese dispoñer sobre o coidado dos bens. Por outra banda, nun caderno, anotábanse (ou anotaba o amo porque polo xeral os caseiros pouco sabían de ler e escribir) o valor que o amo consideraba que tiñan os animais.

O contrato que rexía para os caseiros de Leilón consistía no seguinte: por renta tiñan que pagar oito fanegas de pan, pagar a metade da contribución das terras e darlle os donos 3 litros de leite ó día. Por reparto, a metade dos becerros mais a metade da colleita (patacas, millo, castañas, centeo, fabas, mazás...).

Tendo en conta o contrato e o traballo duro que supoñía coidar ben a facenda para conseguir alimentar durante todo o ano a unha familia normalmente numerosa, non é de estrañar que moitos optasen pola emigración. Este foi o caso da familia de Luis, a última persoa que naceu na casa dos caseiros de Leilón como xa contei o falar do pazo.

Deixo todo isto escrito como forma de homenaxe a todos os caseiros da Ulloa e de xeito mais especial para Flora e Francisco, testemuñas da fame e pobreza vivida na nosa terra.


Detalles da casa dos caseiros do pazo de Leilón.
Leilón.
Parroquia de San Cibrao de Repostería.
Palas de Rei.

No hay comentarios: