martes, 6 de octubre de 2009

Santa Mariña de Sucastro







































































Eu non sabía quen era Santa Mariña ata que o "Señor Ulises" (un bo amigo que se adica a viaxar polo Mediterráneo) me falou do santuario de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz. Segundo a lenda, un pretor romano namorouse de Mariña e tentou persuadila de que renegase da súa fe. O negarse a rapaza foi presa no castro de Augas Santas, logo tentaron queimala na cripta e finalmente foi decapitada (os mártires cristiáns pásalle como os da película de " Los Inmortales"non morren ata que os decapitan) no lugar onde hoxe se sitúa o templo.

O caso é que Santa Mariña foi venerada na Idade Media e o mais curioso: as igrexas que levan ese nome están situadas ó pé ou na cima dun castro. As tres igrexas que hai na Ulloa con ese nome, Santa Mariña de Fontecuberta, Santa Mariña de Castro de Amarante e Santa Mariña de Sucastro cumpren esa condición, estando as dúas últimas situadas sobre o castro e a primeira ó pé del.

A igrexa de Santa Mariña, datada entorno o ano 1170, conserva a súa estrutura orixinal coa excepción da fachada principal, aínda así, conserva as columnas que sostiñan o arco orixinal con curiosos capiteis de animais (foto 1). Destacan tamén da fachada a fiestra da ábsida (foto 2) ou a labra dalgún canzorro (foto 3). O interior é sinxelo (foto 4), con decoración vexetal nos capiteis do arco triunfal.

Por último falar da inscrición situada no exterior baixo a fiestra da ábsida, (como non conseguín unha foto de boa calidade engado unha reprodución mellorada da fotografía que Jaime Delgado publica no volume IV de "El románico de Lugo y su provincia"). Non atopei a lectura da inscripción, aínda que Yzquierdo Perrín di que é posible que se trate do nome do bispo que consagrou a igrexa.


Detalles do exterior e interior da igrexa.
Sucastro.
Monterroso

No hay comentarios: