Fai unha semana cheguei por primeira vez a Eirexe de Covelo. Nunca antes estivera nesta aldea porque, como me dixo unha das tres persoas que aínda viven alí "Estamos ben escondidos".
A aldea está formada por cinco casas e a igrexa, igrexa da que nunca escoitara falar e que foi toda unha sorpresa.
Non é de orixe románica e non aparece, polo tanto, en ningún dos inventarios que acostumo a consultar, sen embargo so con botarlle unha pequena ollada queda claro que hai pezas dunha construción anterior que foron reempregadas nesta, como o canzorro da última foto.
O edificio ten adxunto un pórtico ó que se acede por unha porta en arco (foto 3). Unha vez atravesado o arco topamos de fronte coa porta principal da igrexa (foto 1). A gran sorpresa foi ver a macro-inscrición que contén unha das pezas desta porta (foto 2), digo macro-incrición porque non coñezo na Ulloa outra tan longa nin tan grande en tamaño.
Levo toda a semana buscando información sobre a igrexa e a inscrición pero non atopei nada. Sería moi interesante saber que din esas cinco liñas, pero eu non teño nin idea de epigrafía, así que dende aquí fago unha chamada a quen coñeza ou poida facer a transcrición para pedirlle que, por favor, mo faga saber para enviarlle a información que necesite.
Detalle da igrexa.
Eirexe de Covelo.
San Xoán de Covelo.
Palas de Rei.
Atravesa o espello cara A Outra Ulloa
2 comentarios:
Ola! Acabo de descubrir o teu blog e a verdade, encanta-me. Parabéns e graças por escreveres uma cousa tão linda, não deixes de fazê-lo!
Noraboa por o teu blog. Precioso todo o que nel se publica. Pero quedome coa aldea de Airexe de Covelo. Eu son unha das tres persoas que ainda quedamos por alí. Sigue recorendo eses sitios escondidos. Ainda queda algun que merece a pena.
Publicar un comentario