jueves, 12 de noviembre de 2009

A copia do cruceiro de Alvidrón




































































A 1 quilómetro de Santa Mariña cara a Frádegas e xusto fronte a pista que aparta cara Vilasante, está, ó pé da estrada, a copia do cruceiro de Alvidrón (foto 1).
A mesma base, a mesma bola, as mesmas imaxes... pero de feitura ben diferente.
¿Por que creo que este é unha copia do anterior? Pois por varios detalles iconográficos e ,sobre todo, porque os copiados sempre son os mellores e o mellor tallado, sen dúbida é o de Alvidrón.

Imos por partes. A virxe de Alvidrón está feita con moito mais detalle, a cara é mais expresiva, o manto ten marcados os adornos, o pedestal está tallado... pero tamén hai outros detalles, por exemplo, o normal é que os puñais repártanse catro do lado dereito e tres do esquerdo e que a virxe coloque a súa man dereita sobre a esquerda, tal como sucede no cruceiro de Alvidrón e xusto ó contrario que neste (foto 2). Ca imaxe do cristo (foto 3) sucede o mesmo, en Alvidrón a cabeza do cristo está lixeiramente inclinada e ladeada o que demostra unha maior dominio técnico fronte ó do autor do cristo deste cruceiro. Por último, os radios da bola deste cruceiro fanse con trazos moito mais simples que chegan a cruzarse entre eles, mentres que en Alvidrón conservan a seu paralelismo.

Outro detalle que me fai pensar que esta é a copia é o seu emprazamento, lonxe da igrexa, aínda que pode que estea marcando o camiño a Vilansante ou pode que alguén morrera alí e por iso ó puxeron (costume que aínda existe hoxe nos sitios das estradas onde se producen accidentes de coches con mortos). Son conxecturas pero difícil supor que fronte a igrexa de Alvidrón non existira ningún cruceiro e si ó houbese aquí.

Dende logo, o que si lle teño que agradecer ó autor deste cruceiro é que tivese o detalle de gravar a data na súa base (foto 4), que aínda que é difícil de apreciar na fotografía pon: ANO 1836.


Detalles da copia do cruceiro de Alvidrón.
Entre Santa Mariña e Frádegas.
Santa Mariña de Castro de Amarante.
Antas de Ulla

13 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

No concello de Agolada, na parroquia de Friufe hai un cruceiro clavadiño ó de Alvidrón. Xuraría que están feitos polo mesmo canteiro...
Teño fotos do aqualatense tamén. Ainda que difiere na base, a vara e mailos detalles da cruz son calcadiños

A Ulloa en fotos dijo...

Estiven vendo as fotos do de Friufe no blog de Busto e si hai semellanza. O de Friufe non ten bola senón un esférico con paredes exagonais no que as liñas non son paralelas.O Cristo é moi semellante aínda que de peor factura (fíxate no detalle dos panos que ó cobren, o de Alvidrón adaptase ó corpo mentres que o de Friufe é recio, e as mans son moito mais desproporcionadas que no de Alvidrón). Unha mágoa que Busto non puxera a foto da virxe. ¿Tes fotos ti dela?

Este é o enlace do de Friufe Cruceiros de Friufe (pincha para velo)

Chousa da Alcandra dijo...

Trabuqueime. O que semella máis ó de Alvidrón é o da parroquia aqualatense de Santa Comba. E sí que teño fotos del; vou ver de atopalas e envíoche algunha.

A Ulloa en fotos dijo...

Moitas grazas polas fotos é a información. Este si que que é unha boa copia e ademais datado 1851!! Estupendo!!!. Ó que quere dicir que quen fixo este podería ser o autor do cruceiro de Frádegas ou un aprendiz del, digo iso porque a foto que vin no blog de Busto vese que o cristo é moito mais ruín (mellor o de Friufe).

Teño que ir a velo. Quero ver a virxe de preto. Toda esta cuestión do cruceiro de Alvidrón está traendo unha serie de cousas moi interesantes, por exemplo ¿existiu un canteiro que tiña escola ou aprendices nesta zona? ¿foi ise o autor do de Alvidrón? ¿por que precisamente o mestre no deixou inscripción no seu cruceiro? ¿por que, cando son tan escasos os cruceiros con bola no resto de Galicia, aquí hai tantos?

Seguirei co tema.

Grazas de novo

aopedofarelo dijo...

Si señor, Chousa, Tes toda a razon, non e o de fiufre, senon o de Santa Comba, e mais, pareceme que por aqui temos algun mais con bola, Eu estaba admirando as fotos do cruceiro de Avidron, que non coñezo, pero vou a ir a admirarlo, de inmediato, e recordei inmediatamente o de Santa Comba, que està mesmo no adro da Igresa,..
E polo que ti dis, e curioso e tamen raro de ver os cruceiros de bola.... Non me habia decatado delo, pero vou a mirar a miña coleccion a ver se atopo algun mais, e che digo algo.
Unha aperta.

aopedofarelo dijo...

Por certo, falando de zocas...O outro dia fun ca bici, e no lugar de Vilane, atopei unha casa abandoada e xusto na entrada, sobre un banco de madeira, atopei unhas zocas.....Teño que facelles unha entrada, no meu blog.

aopedofarelo dijo...

Mandoche polo correo unha fotos, de ambos.
Unha aperta

A Ulloa en fotos dijo...

O das zocas supoño que é polas da virxe, ¿non?

busto.agolada dijo...

Xa hai uns días que pasei por esta casiña e quería publicar no meu blog os cruceiros de Agolada que creo que deben ser do mesmo autor. Son tres (o do adro da igrexa de Santa Comba, o do cemiterio de Friufe e o de Vilanova de Borraxeiros). Hai un cuarto cruceiro no camiño que vai desde Couso á Pena da Virxe que presenta igualemente capitel esferoidal, mais sen iconografía.
Cando ande algo menos enredado intentarei publicar os catro xuntos no blog.
É unha satisfacción evidenciar unha ligazón máis entre as terras da Ulloa e as de Agolada.
Apertas.

A Ulloa en fotos dijo...

Pode que os autores saíran da mesma casa, pero estou totalmente convencida que non era a mesma persoa. Si se aoutocopiase os detalles da iconografía repetiríanse (refirome a colocación dos puñais e das mans)e isto non se da na copia de Santa Mariña, aínda que si se ve no de Santa Comba.

Ollo as datas:

Alvidrón: sen datar.
Santa Mariña: 1836
Santa Comba:1851


Sería moi interesante velas fotos dese último cruceiro do que falas, sobre todo da imaxe da virxe, que neste caso é a mais significativa.

Busca tempo é fai esa entrada, e non te fagas de rogar...

Martiño dijo...

A verdade é que está a ser moi interesante esta entrada.

Só unha contrahipótese. Plantexades que todos os cruceiros son copias do de Alvidrón, ou feitos polos aprendices do mesmo canteiro.

E digo eu, non podería ser ao revés? Un aprendiz que superara ao mestre e logo de ver varios, culminara a súa obra no de alvidrón?

A Ulloa en fotos dijo...

Pois claro que pensei que este podería ser mais recente, de feito por iso sempre digo que son hipóteses. De tódolos xeitos, falando con alguén que sabe moito da escultura galega relixiosa nos séculos XVIII e XIX díxome: "o meior é do século XVIII porque o XIX foi un século moi pobre", ademais díxome que para saber de que data é o mellor e consultar o libro de fábrica da parroquia de Alvidrón, cousa que aínda está pendente porque teño que falar co cura e pedirlle que mo deixe ver, se é que ó ten na parroquia, e se é moi antigo teño que preguntar en Lugo.

A Ulloa en fotos dijo...

Busto tivo a delicadeza de facer unha entrada no seu AQUAM LATAM nos que xuntan os cinco cruceiros da tipoloxía Alvidrón: Santa Comba, Merlín, Borraxeiros, Vilasante e Alvidrón.

Deíxovos aquí o enlace, espero que funcione:

CRUCEIROS ULLOÁNS. ESCOLA DE CANTEIROS