Os valados serven para vedar o paso de animais e persoas alleos a unha propiedade, pero de nada servirían sen unha cancela pola que poida entrar o gando e que a súa vez permita que este non escape cando estea no seu interior.
As cancelas tradicionais están feitas de madeira, nun so corpo e sen bisagra ou poste sobre ó que xirar (fotos 1 e 2), e dicir, apóianse nos chantos do valado e colócanselle unhas pedras para que non se movan. Pola contra, as cancelas feitas en dous corpos, teñen algún tipo de trebello que fai de eixo para poder abrilas por rotación (foto 3).
Cando as cancelas serven para dar paso só as persoas, son moito mais pequenas (foto 4), estas empréganse pola xeral no aceso as hortas, navales ou pequenas fincas nas que non entra nin gando nin carro. Dicir que en moitos lugares da comarca conviven os pasos para animais e persoas, por exemplo, hai cancelas nas que se deixa un pequeno espazo nun dos laterais (foto 5) de tal xeito que a persoa non teña que abrir a cancela para pasar. Tamén existen os pasadoiros de pedra (foto 6), ou os simples ocos que se deixan en lugares determinados do valado (foto 7) dun tamaño que permite o paso da xente pero non das vacas.
Por último, e como remate final a todo o dito sobre os valados na Ulloa, deixar aquí unha fotografía doutro tipo de pasos que existen nos nosos valados: os pasos de auga.
Fotografías de valados de Tarrío, Velanxil (Peibás), Carteire, Sirgal, Felpós, Marzán, A Barreira (Lodoso) e Santa Mariña de Castro de Amarante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario