lunes, 12 de abril de 2010

José López Ferro: construtor de cabaceiras


















































































José López Ferro vive en San Mamede do Carballal, ten 67 anos e, dende fai 3, volveu a facer cabaceiras.

El lembraba como, cando era neno, as facía o seu avó, incluso axudaralle a facer unha. Agora que está xubilado gústalle "enredar nestas cousas de antes". José explicoume que el recolle as corras (foto 3) "na lúa minguante que é cando a sabia ten menos forza", e que as mellores son as dos meses de novembro e decembro, e incluso xaneiro. Para a base (foto 4) escolle paos de castiñeiro (aínda que neste caso son de eucalipto) e os tiradores (as varas que fan de guía para logo trenzar as corras) fainos de castiñeiro ou de avelaira. Na rede emprega salgueiro, mimbio ou abeneiro, segundo atope.

José non fai as cabaceiras cunhas medidas concretas, senón que adáptase ó material que ten: segundo sexa de grande a lousa que teña para apoiar a cabaceira (el chámalle a esa pedra "o cuadro"), así será a base. Outras cousas importantes: primeiro, os paos da base non deben ser mais grandes que o cuadro para que os ratos non suban por eles. Segundo, as cabaceiras deben ter sempre forma cónica pois así a cuberta tórnalle a auga e non escorre por ela, que é o que pasa se é cilíndrica. Terceiro, a portiña ten que ser corredeira porque se leva bisagras o millo empurra nelas e rompen. Por último, el na cuberta ponlle uz (foto 5) en lugar de palla porque dura mais e torna igual da auga.

José ten obras súas en Augasantas, Hospital das Seixas, Meire (Melide) e por suposto na súa casa (fotos 1 e 2), pero non as fai para vender, senón como agasallo para amigos ou xente da súa familia.


Detalles da cabaceira e partes empregadas na súa construción.
Guestrar
San Mamede do Carballal.
Palas de Rei

1 comentario:

Chousa da Alcandra dijo...

Todo un pracer ler esta entrada túa. Disfrutei contigo e con José.

Esa "adaptación ó material que ten" resume moi ben a filosofía das nosas xentes.

Apertas