No mes de maio do pasado 2008 Carlos Rodríguez Rellán, Lino Gorgoso López e Ramón Fábregas Valcarce, publican no número 27 de "Gallaecia" un exhaustivo estudio sobre os petroglifos da Uceira da Somoza, co título: "O conxunto de petroglifos do Campo da Uz (Sta. María de Areas, Chantada) e as vías de tránsito cara o interior lucense". Deixando a parte o erro toponímico (trátase de Santa Cristina de Areas, Antas de Ulla e non de Santa María en Chantada) o estudio é excelente. Non só inclúen os calcos de varias das rochas (coa grande dificultade que supoñía facer un calco dunha pena tan complexa como é a Laxe Ferrada) acompañada da análise dos gravados, senón que tamén estudian a relación que existe entre a situación das rochas respecto da Uceira e respecto das vías de entrada dende o Val do Arnego (Camba e Ventosa) o Val do Ulla. Con isto queren dicir que as rochas con petroglifos están situadas nas proximidades da vía de paso menos dificultosa para entrar na Ulloa e preto de zonas con auga.
No estudio hai unha estación (tedes arriba o mapa de situación que eles publican cos nomes de cada rocha) chamada E11, da que podedes ver a situación respecto da Uceira na primeira fotografía. Cando Rellán e os seu compañeiros publicaron ese estudio descoñecían a situación do resto dos petroglifos do Farelo, agás dos publicados por Goberna. A última fotografía, sacada dende a cima da E11, demostra con feitos como a súa teoría da localización dos petroglifos preto das zonas con menor dificultade de paso é certa. Cada frecha marca a situación dunha ou varias rochas, sendo a Pena de Ermide a situada mais a dereita e pasando logo polo Monte de Bellós, Penas do Raposo e Chaos. Non se verían dende esta situación os de Penas Solteiras e os da Rega do Coello que farían continuar esa liña cara os montes de Facha e Borraxeiros (onde os petroglifos continúan espallándose).
Por último, outra reflexión: a Uceira da Somoza, que deixou de ser uceira dende o lume que á queimou fai tres ou catro anos (pouco despois da finalización das obras da liña de alta tensión, do parque eólico, que pasa por alí), será dentro duns 20 anos unha plantación de pinos porque os donos dos terreos (que son propiedade privada e están no seu dereito) están a repoblar esa zona. Esto quere dicir que o risco de ser deteriorados polas máquinas de desbroce ou corta ou polos incendios irá en aumento cos anos.
Os petroglifos do Campo da Uz.
A Somoza.
Parroquia de Santa Cristina de Areas.
Antas de Ulla.
Quero agradecer publicamente a Carlos Rodríguez Rellán, Lino Gorgoso López e Ramón Fábregas Valcarce a cesión dos seus mapas e calcos para podelos publicar neste blogue. Así mesmo darlles novamente os meus parabéns por un traballo tan ben feito.
4 comentarios:
Sentimos profundamente o do concello, foi un lapsus no último borrador de impresión.
O que conta é o fondo da investigación e dar a coñecer ese femosísimo paraxe, do que por outra parte, aínda esconde moitísimas sorpresas. O tempo faranos retornar alí.
Un saúdo a todos.
Espero que voltedes axiña. Se nos espera un verán tan caloroso como din inevitablemente virán os lumes e a Pena de Ermide sufrirá aínda mais.
Das sorpresas xa falaremos para ó outono.
Saúdos dende A Ulloa.
Reitero os meus parabens.
Perdoa pola tardanza en comentar a entrada.
Moitas grazas a ti por difundir o noso traballo e por fomentar o coñecemento e a protección da arte rupestre da Ulloa.
Únome a Lino no das disculpas pola equivocación, a cal xa foi corrixida en posteriores publicacións.
Un saúdo.
Carlos
Sei moi ben ó complicado que era facer un bo calco da Laxe Ferrada (aínda que se vos escapara o xabarín, xa sabes que son moi dados a fuxir). E foi unha marabillosa sorpresa ver a espiral da Pena da Liñaza (o voso Chan da Gurgulla) que, por certo, xa volve estar tapada polo mato.
O do erro toponímico ten a súa gracia porque xa coñezo algún blogue que nos seus mapas sitúanos en Chantada cando, curiosamente, no existe no concello de Chantada ningunha parroquia se chame así aínda que si hai varias Santa María.
Saúdos
Publicar un comentario