jueves, 21 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (10)





















A Leboreira (foto 1) é a primeira aldea da parroquia de Augas Santas pola que atravesa o Camiño e ten, na última casa unha curiosa mostra de etnografía que podedes ver na Outra Ulloa. En San Xurxo está a igrexa parroquial de Augas Santas que, en contra do que sería a regra, non é románica. De feito esta igrexa foi feita no século XVI e, segundo o meu criterio, nada ten de destacable, pero claro, é que na parroquia anterior está a igrexa de San Martiño de Ferreira e na seguinte a de San Salvador de Merlán e calquera delas teñen elementos arquitectónicos especialmente sobresaíntes, despois chegas a aquí…e non souben nin a que facerlle foto.
O pasar San Xurxo está Montecelo. É curioso ver como é, nesta parroquia, a partires de onde os tellados das casas con arquitectura tradicional comezan a mesturar a tella coa lousa (fotos 2 e 3), empregándose esta última na primeira liña do tellado. Algo que tamén me chamou a atención en Montecelo foi un pequeno bebedeiro (foto 4)que hai a carón do camiño. Polo tamaño e a pouca profundidade diría que non é o típico sartego que se emprega para esa labor como pasa noutros moitos lugares da Ulloa, pero tampouco me parece unha pía para o gando. O caso é que o conxunto é fermoso e que ten o engadido de ser empregado para afiar coitelos e ferramentas, como deixa ben claro a presenza da pedra colocada xunto ó fío da auga.
A travesía dende Montecelo a Merlán é especialmente fermosa e nela comézanse a ver o lonxe o Castro das Seixas e os Penedos do Hospital (foto 5), aínda así, tanto a favor sempre ten os seus contras e nese punto está un dos lugares máis enlodados do Camiño Primitivo na Ulloa (foto 6).


Detalles do Camiño entre o km. 72,543 e o km. 70,021
Parroquia de Augas Santas.
Palas de Rei.

martes, 19 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (9)























































































O saír de ponte Ferreira o Camiño segue por unha corredoira (supoño que por onde ía a calzada romana) a que non fai moito puxéronlle un pasadoiro de pedra no centro (foto 1), así deixase que a auga escorra pola beiras e ó mesmo tempo evita que os camiñantes enloden os pes. A corredoira sae a estrada provincial LU-2901 no lugar do Carballal de Ferreira (foto 2) e o Camiño continua por esta estrada durante dous interminables quilómetros de subida e negro asfalto (fotos 3 e 4). Estes dous quilómetros son, sen dúbida, a parte mais desagradable do Primitivo na Ulloa. A única nota positiva que ten está en caer na conta de como a paisaxe cambia o mesmo tempo que cambian os usos que o home fai da terra. As pequenas leiras minifundistas das zonas mais baixas do val convértense, aquí, en grandes prados para uso da gandería extensiva (fotos 5 e 6), prados a mais de seiscentos metros de altitude onde podes asomarte para ver, alá abaixo, unha boa parte da comarca.


Detalles do Camiño entre o km. 74,586 e o km. 72,543
Parroquia de Ferreira e Augas Santas.
Palas de Rei.

domingo, 17 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (8)













































No Camiño Primitivo atopas carreiros salvaxes (fotos 1 a 3) e isto, en lugar de restarlle mérito, acrecenta a beleza e a singularidade desta ruta xacobea.
Chegando o lugar de Ponte Ferreira atópase o aloxamento rural chamado “A casa da Ponte”, nel (fotos 4 e 5) paramos a tomar un café que moi amablemente nos foi ofrecido por Manuel, o dono da casa, e aproveito agora para agradecerlle este detalle e a súa amabilidade coas dúas “peregrinas” que por alí pasaban.
Xusto o saír da casa está o lugar do lugares mais senlleiros desta parroquia: a ponte romana (fotos 6 e 7) da que hai tempo xa falei aquí. Con case dous mil anos sobre o seu lombo, esta pequena e modesta ponte forma parte da VIA romana XIX co fin de poder así atravesar sen dificultade o río Ferreira.


Detalles do Camiño entre o km. 75,382 e o km. 74,586
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei.

viernes, 15 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (7)


































































































































O marco do km. 75,311 é un deses puntos dignos dunha foto do mellor feísmo da Ulloa (foto que podedes ver atravesando o espello cara A outra Ulloa), mais 75 metros mais aló hai un fermoso conxunto de arquitectura popular que ademais garda pequenas curiosidades.
Primeiro atopamos o pozo (fotos 1 e 2), do que aínda se saca auga como se facía antes: cun balde de latón atado a unha corda que se sobe e baixa grazas a roldana (¡cantas lembranzas da miña infancia! Pasaron trinta anos dende os meus últimos xogos nun pozo igual que este ¡e parece foi fai un século!).
Dende o Camiño só se ve parte da casa (foto 3) pois ó interior accédese pola portada que hai máis adiante. Na parte exterior hai dúas portas, unha cuns pasos de pedra diante e outra que da as cortes. No lintel da primeira porta (foto 4) consérvase unha inscrición que non fun quen de ler completamente pero si en parte: AMO IHS DEI D RESEDIENDO FRAN(CIS)CO LOPEZ.
A parte esquerda da porta das cortes (foto 5) ten tres gravados, o primeiro deles é unha representación dun motivo vexetal coroado por unha cruz grega, cando ó vin pensei na representación da árbore da vida que hai na porta lateral da igrexa de Merlán, situada só a uns 5 km de alí. O segundo gravado é máis complexo, a parte interior ten certa similitude cun dos signos lapidarios que Vázquez Seijas catalogou en Pambre e que neste momento está “desaparecido”, mentres ca exterior semella máis un escudo que un adorno. O terceiro gravado é unha cruz simple que tamén se repite na parte dereita da porta.
É difícil saber cal era a intencionalidade destes gravados pero supoño que terían unha finalidade protectora de todo aquel mal que por alí puidese entrar.


Detalles do Camiño entre o km. 75,615 e o km. 75,386.
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei.

miércoles, 13 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (6)











No medio da aldea de Senande, sobre un muro e a metro e medio do chan, érguese unha pequena xoia da nosa etnografía: un hórreo que aínda conserva parte do deseño que tiña pintado.
Xa falei aquí dos hórreos pintados, dos poucos que se conservan e da orixe desta práctica, pero daquela non tiña localizado este fermoso exemplar. Na súa decoración empregáronse tres cores: branco, roxo e verde, que se combinaban ocupando espazos cadrados. Pero o detalle mais singular é a decoración da banda superior que, polo lado que da ó camiño (foto 3), está composta de triángulos alternos de cor branca e roxo cunha liña no fondo de cor verde; e na banda interior do hórreo (foto 4) os triángulos son verdes e brancos e a liña do fondo roxa.

O saír de Senande atópase o marco do km. 76,140 (foto 5) é o Camiño segue polas súas corredoiras.


Detalles de Senande e o Camiño entre o km. 76,140 e o km. 75,615.
Senande.
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei