viernes, 29 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulla (13)



































































O saír das Seixas o Camiño segue por unha pista de terra que da servizo as fincas da aldea. Alí atopámonos con unha muller. Levaba unha gadaña, ó fin xuño é o tempo da herba. Paramos a falar con ela porque facía ben tempo que eu non vía segar con gadaña afeita xa, como estou, a ver ás máquinas facendo ese traballo. Pedinlle se me deixaba sacarlle unha foto, entre risas díxome: “¿a unha galeguiña con pañoleta?”. En realidade o que a min me a chamaba atención era a gadaña e a súa cara de boa persoa, non o seu pano. Ela sorriu e posou para a foto. Dinlle as gracias e marchou. Agora, cando me lembro da xente ca que crucei no Camiño e coa que parei a falar, caio na conta que do que mais me lembro non é do Camiño en si, senón das persoas que atopei nel.
Seguimos a andar polas corredoiras, algunha moi chea de lama, para chegar a Casacamiño (foto 5), con un nome que non deixa lugar para as dúbidas. Esta aldea marca o punto onde a paisaxe muda bruscamente do val ó monte pois o Camiño comeza a súa subida cara os penedos de Hospital das Seixas.


Detalles do Camiño entre o km. 68,826 e o km. 67,239
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

miércoles, 27 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulla (12): O albergue das Seixas









O saír de Merlán, dende o Camiño, vese ó lonxe a serra do Careón coa cima cuberta de muíños (foto 1), e ó pouco de botar a andar chegamos a aldea das Seixas. Unha das casas da aldea, sobre a porta de entrada, ten un curioso adorno (foto 2) feito con cemento ou cal, non se aprecia ben con que porque está pintado de cor amarelo. É curioso porque o autor, ademais de deixar constancia da data que supoño será a da construción da casa, emprega o motivo das árbores do paraíso da porta lateral da igrexa de Merlán.

Cando fixemos o Camiño Primitivo era finais de xuño e aínda non estaba aberto o albergue público das Seixas que foi inaugurado o 27 de xullo. Como non tiña fotos del fun onte ata alí e a encargada do albergue, Mari Fe das Seixas, con grande amabilidade ensinoumo.

O albergue foi feito nunha antiga casa de labranza rehabilitada (foto 3) na que se conservaron os elementos da arquitectura tradicional. Na fachada principal pódense ver dúas fermosas bufardas de cantería (foto 4), a estas pezas, que tiñan o labor de facer de respiros para as antigas cortes, foilles posto un cristal para poder manter illado o interior. Na parte dereita da casa consérvase o forno (foto 5) e no interior, no que era a cociña de lareira (foto 6), aínda que non se conserva a cambota vese no chan a pedra da cociña e na parede quedou o descuberto a cheminea e unha lacena. No piso baixo tamén están a cociña, o comedor, os baños e un cuarto adaptado para persoas que precisen de cadeira de rodas. No piso alto hai dous cuartos, un con praza para 28 persoas (foto 7) e outro con seis prazas.

Quero aproveitar para agradecerlle a Mari Fe todas as súas explicacións e o bo rato que me fixo pasar na súa compañía. A verdade e que xa lera sobre ela moi boas opinións que os peregrinos deixan na rede e todas son merecidas.


Detalles do Camiño entre o Km. 70,021 e o km. 68,826
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

sábado, 23 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (11): A igrexa de San Salvador de Merlán























































































































O Camiño primitivo pasa xusto por diante da igrexa de Merlán (foto 1) pero, pola excesiva altura dos nichos do camposanto que o rodea, a fachada non se ve dende o Camiño.
A igrexa era románica na súa orixe, de finais do século XII, pero foi reformada no século XVI. Nesta reforma perdeu a súa fachada orixinal e parte das paredes laterais, e foille engadido o pórtico. Na reconstrución da fachada foron reempregadas pezas da estrutura románica, un exemplo diso son os perpiaños con bolas que a adornan (foto 2) ou algunhas das columnas do pórtico que comparten espazo coa pía bautismal románica (foto 3).
Do edificio, chama a atención a decoración do lintel da porta lateral (fotos 4). Segundo Jaime Delgado a “cruz feita con entrelazos” representaría simbolicamente a Cristo flanqueado por dúas pequenas árbores “evocadoras tradicionais de ambientes paradisíacos”, e dicir, a árbore da vida.
Como remate, vale a pena ollar a ábsida cadrada que coroa a igrexa (foto 5, 6 e 7) que conserva os seus canzorros e unha fermosa fiestra.


Detalles do exterior da igrexa.
Km. 70,021
Parroquia de Merlán.
Palas de Rei.

jueves, 21 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (10)





















A Leboreira (foto 1) é a primeira aldea da parroquia de Augas Santas pola que atravesa o Camiño e ten, na última casa unha curiosa mostra de etnografía que podedes ver na Outra Ulloa. En San Xurxo está a igrexa parroquial de Augas Santas que, en contra do que sería a regra, non é románica. De feito esta igrexa foi feita no século XVI e, segundo o meu criterio, nada ten de destacable, pero claro, é que na parroquia anterior está a igrexa de San Martiño de Ferreira e na seguinte a de San Salvador de Merlán e calquera delas teñen elementos arquitectónicos especialmente sobresaíntes, despois chegas a aquí…e non souben nin a que facerlle foto.
O pasar San Xurxo está Montecelo. É curioso ver como é, nesta parroquia, a partires de onde os tellados das casas con arquitectura tradicional comezan a mesturar a tella coa lousa (fotos 2 e 3), empregándose esta última na primeira liña do tellado. Algo que tamén me chamou a atención en Montecelo foi un pequeno bebedeiro (foto 4)que hai a carón do camiño. Polo tamaño e a pouca profundidade diría que non é o típico sartego que se emprega para esa labor como pasa noutros moitos lugares da Ulloa, pero tampouco me parece unha pía para o gando. O caso é que o conxunto é fermoso e que ten o engadido de ser empregado para afiar coitelos e ferramentas, como deixa ben claro a presenza da pedra colocada xunto ó fío da auga.
A travesía dende Montecelo a Merlán é especialmente fermosa e nela comézanse a ver o lonxe o Castro das Seixas e os Penedos do Hospital (foto 5), aínda así, tanto a favor sempre ten os seus contras e nese punto está un dos lugares máis enlodados do Camiño Primitivo na Ulloa (foto 6).


Detalles do Camiño entre o km. 72,543 e o km. 70,021
Parroquia de Augas Santas.
Palas de Rei.

martes, 19 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (9)























































































O saír de ponte Ferreira o Camiño segue por unha corredoira (supoño que por onde ía a calzada romana) a que non fai moito puxéronlle un pasadoiro de pedra no centro (foto 1), así deixase que a auga escorra pola beiras e ó mesmo tempo evita que os camiñantes enloden os pes. A corredoira sae a estrada provincial LU-2901 no lugar do Carballal de Ferreira (foto 2) e o Camiño continua por esta estrada durante dous interminables quilómetros de subida e negro asfalto (fotos 3 e 4). Estes dous quilómetros son, sen dúbida, a parte mais desagradable do Primitivo na Ulloa. A única nota positiva que ten está en caer na conta de como a paisaxe cambia o mesmo tempo que cambian os usos que o home fai da terra. As pequenas leiras minifundistas das zonas mais baixas do val convértense, aquí, en grandes prados para uso da gandería extensiva (fotos 5 e 6), prados a mais de seiscentos metros de altitude onde podes asomarte para ver, alá abaixo, unha boa parte da comarca.


Detalles do Camiño entre o km. 74,586 e o km. 72,543
Parroquia de Ferreira e Augas Santas.
Palas de Rei.

domingo, 17 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (8)













































No Camiño Primitivo atopas carreiros salvaxes (fotos 1 a 3) e isto, en lugar de restarlle mérito, acrecenta a beleza e a singularidade desta ruta xacobea.
Chegando o lugar de Ponte Ferreira atópase o aloxamento rural chamado “A casa da Ponte”, nel (fotos 4 e 5) paramos a tomar un café que moi amablemente nos foi ofrecido por Manuel, o dono da casa, e aproveito agora para agradecerlle este detalle e a súa amabilidade coas dúas “peregrinas” que por alí pasaban.
Xusto o saír da casa está o lugar do lugares mais senlleiros desta parroquia: a ponte romana (fotos 6 e 7) da que hai tempo xa falei aquí. Con case dous mil anos sobre o seu lombo, esta pequena e modesta ponte forma parte da VIA romana XIX co fin de poder así atravesar sen dificultade o río Ferreira.


Detalles do Camiño entre o km. 75,382 e o km. 74,586
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei.

viernes, 15 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (7)


































































































































O marco do km. 75,311 é un deses puntos dignos dunha foto do mellor feísmo da Ulloa (foto que podedes ver atravesando o espello cara A outra Ulloa), mais 75 metros mais aló hai un fermoso conxunto de arquitectura popular que ademais garda pequenas curiosidades.
Primeiro atopamos o pozo (fotos 1 e 2), do que aínda se saca auga como se facía antes: cun balde de latón atado a unha corda que se sobe e baixa grazas a roldana (¡cantas lembranzas da miña infancia! Pasaron trinta anos dende os meus últimos xogos nun pozo igual que este ¡e parece foi fai un século!).
Dende o Camiño só se ve parte da casa (foto 3) pois ó interior accédese pola portada que hai máis adiante. Na parte exterior hai dúas portas, unha cuns pasos de pedra diante e outra que da as cortes. No lintel da primeira porta (foto 4) consérvase unha inscrición que non fun quen de ler completamente pero si en parte: AMO IHS DEI D RESEDIENDO FRAN(CIS)CO LOPEZ.
A parte esquerda da porta das cortes (foto 5) ten tres gravados, o primeiro deles é unha representación dun motivo vexetal coroado por unha cruz grega, cando ó vin pensei na representación da árbore da vida que hai na porta lateral da igrexa de Merlán, situada só a uns 5 km de alí. O segundo gravado é máis complexo, a parte interior ten certa similitude cun dos signos lapidarios que Vázquez Seijas catalogou en Pambre e que neste momento está “desaparecido”, mentres ca exterior semella máis un escudo que un adorno. O terceiro gravado é unha cruz simple que tamén se repite na parte dereita da porta.
É difícil saber cal era a intencionalidade destes gravados pero supoño que terían unha finalidade protectora de todo aquel mal que por alí puidese entrar.


Detalles do Camiño entre o km. 75,615 e o km. 75,386.
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei.

miércoles, 13 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (6)











No medio da aldea de Senande, sobre un muro e a metro e medio do chan, érguese unha pequena xoia da nosa etnografía: un hórreo que aínda conserva parte do deseño que tiña pintado.
Xa falei aquí dos hórreos pintados, dos poucos que se conservan e da orixe desta práctica, pero daquela non tiña localizado este fermoso exemplar. Na súa decoración empregáronse tres cores: branco, roxo e verde, que se combinaban ocupando espazos cadrados. Pero o detalle mais singular é a decoración da banda superior que, polo lado que da ó camiño (foto 3), está composta de triángulos alternos de cor branca e roxo cunha liña no fondo de cor verde; e na banda interior do hórreo (foto 4) os triángulos son verdes e brancos e a liña do fondo roxa.

O saír de Senande atópase o marco do km. 76,140 (foto 5) é o Camiño segue polas súas corredoiras.


Detalles de Senande e o Camiño entre o km. 76,140 e o km. 75,615.
Senande.
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei